Longa tradición de golpes de Estado en América Latina e África

Marcelo Colussi -

Os tradicionais golpes de Estado, con tanques de guerra na rúa, sangue e moitos mortos, custan demasiado en termos políticos. Hoxe en día, tales prácticas son impresentábeis. Por iso é polo que a Casa Branca ultimamente variou a súa estratexia desenvolvendo o que se coñece como “golpes suaves” ou “procesos de reversión”

 América Latina e África teñen unha longa tradición de golpes de Estado. Noutras latitudes do planeta estes son raros, moi infrecuentes, ou simplemente non se dan.

 Calquera deles, coas diferenzas e particularidades do caso, consiste na interrupción da institucionalidade democrática que fixan as Constitucións de cada país, reemprazándoa por unha nova orde non suxeita a ningún estado de dereito. A violencia militar crúa e descarnada fai parte vital dese mecanismo.

 Na África subsahariana, no pouco máis de medio século que teñen as súas novas nacións, lévanse rexistrados máis de 220 golpes de Estado, en todos os casos levados a cabo por forzas militares. Burkina Faso, Benín e Nixeria son os que máis os sufriron, con 6 golpes en cada un deses países até o ano 2001. Dada esa continua inestabilidade política, produto do novo e débil desas democracias constitucionais copiadas ás ex metrópoles europeas, a Organización da Unidade Africana -OUA- no ano 2000 reaccionou promulgando a Declaración de Lomé, a cal prohibe taxativamente en todo o continente os cambios inconstitucionais de goberno. Esta declaración foi recollida no ano 2007 pola Unión Africana na “Carta Africana sobre Democracia, Eleccións e Gobernabilidade”. É por iso polo que os golpes de Estado máis recentes, que tiveron lugar despois desa data, como os ocorridos en Guinea (2008), Madagascar (2009), Níxer (2010), República Centroafricana (2013) e Burkina Faso (2015), non foron recoñecidos polo organismo rexional, países aos que suspenderon deste organismo e aos que se esixiu a volta ao marco constitucional.

 En moitos deses alzamentos militares estivo presente a influencia das ex potencias imperialistas de Europa, basicamente Gran Bretaña e Francia, que séculos atrás invadiran o territorio africano, dividíndoo artificialmente no que hoxe son estas novas repúblicas. Os continuos golpes de Estado destas poucas décadas transcorridas desde a súa liberación -contra 1960- evidencian o precaria que son como nacións, ao establecérselles límites arbitrarios destruíndo e asoballando culturas e pobos tradicionais.

 En Latinoamérica, os golpes de Estado caracterizaron a dinámica política de todos os seus países (excepción feita de Costa Rica, a “Suíza americana” -e por que non Suíza a “Costa Rica europea”?) ao longo de todo o século XX. Bolivia encabeza a lista, con máis de 160 alzamentos militares.

 Un golpe de Estado non significa mudanza ningunha na estrutura económico-social dunha sociedade. É, en todo caso, un cambio brusco, repentino, na figura que está ao mando da cadeira presidencial. Noutros termos: loitas de poder intestinas, crises de palacio, simples reacomodos ás costas dos pobos (iso é, basicamente, o que caracteriza os pronunciamentos militares no África). Ou, en todo caso, inxerencia do poder militar na dinámica política, substituíndo o xogo institucional normal cando as clases dirixentes enxergan algún perigo de cara a un avance popular (o distintivo de Latinoamérica).

 Isto último é o caso, por exemplo, da intervención militar en Guatemala en 1954 desprazando a “Primavera democrática”, en Arxentina en 1955 e 1976, quitando gobernos peronistas vistos como “perigo populista” para as clases dirixentes, en Brasil en 1964, derrubando o presidente João Goulart, outro “populista perigoso” para a lóxica conservadora, en Chile en 1973 (“perigo comunista”, como declarou Henry Kissinger no seu momento), e agora en Bolivia (gran reserva de litio ansiada por compañías multinacionais). En todos estes casos o que está en xogo é a posibilidade dunha perda de privilexios por parte da clase dominante local e dos intereses estadounidenses na rexión. Disto despréndense dúas conclusións:

1) O aparello de Estado non está para beneficiar a todos os habitantes dunha nación por igual, senón que é o mecanismo de dominación dunha clase social (oligarquía, burguesía, empresariado, terratenentes, banqueiros ou como se queira chamar) sobre outra (traballadores, pobo en xeral). Cómpre lembrar aquí a definición leninista xa clásica: “O Estado é o produto do carácter irreconciliábel das contradicións de clase”. As forzas de seguridade nunca reprimen as clases dirixentes senón á “xentalla” que protesta.

2) En Latinoamérica, o verdadeiro poder dominante final, o que ten a última palabra, é a clase dirixente de Estados Unidos, que fai da rexión a súa reserva de materias primas, mercado cativo e fornecedor de man de obra barata. Por iso, e non por outra razón, é que hai acantoadas 74 bases militares de Washington na rexión, defendendo ao milímetro o que considera o seu natural patio traseiro: “América para os americanos” (do Norte), segundo a tristemente coñecida Doutrina Monroe. Non está de máis lembrar que a instalación máis grande (Base Mariscal Estigarribia) está na Tripla fronteira arxentino-brasileiro-paraguaia, “custodiando” o Acuífero Guaraní, unha das reservas de auga doce subterránea máis enorme do mundo. E a base máis grande está en construción nestes momentos, en Honduras, para “salvagardar” as reservas petrolíferas de Venezuela.

 En todos estes pronunciamentos militares está sempre presente a man de Washington, quen defende contra vento e marea, ante todo, os seus propios intereses económicos, e secundariamente o modelo capitalista vixente, para que os “malos exemplos populistas” non frutifiquen. Pero os tradicionais golpes de Estado, con tanques de guerra na rúa, sangue e moitos mortos, custan demasiado en termos políticos. Hoxe en día, produto do avance nas denuncias de violacións a dereitos humanos cometidas por eses gobernos militares produto dos golpes de Estado sanguentos, tales prácticas son impresentábeis. Por iso é polo que a Casa Branca ultimamente variou a súa estratexia desenvolvendo o que se coñece como “golpes suaves” (soft), ou “procesos de reversión” (roll-back).

 Estes evitan o despregamento militar violento, presentando varias arestas, articuladas entre si ás veces, que teñen por fin sempre o mesmo: pór fin a un mandatario ou a un proceso díscolo aos ditados imperiais de Estados Unidos. Poden presentar varias formas:

1) Maquillando o cambio político como un alzamento espontáneo da poboación que, coa súa protesta, reclama algo novo. Que representan, en realidade, estes movementos? Non son, en sentido estrito, movementos populares. Coas diferenzas do caso, todos teñen liñas comúns. Chamados tamén “revolucións de cores” (probadas noutras rexións distintas a Latinoamérica: revolución das rosas en Xeorxia, revolución laranxa en Ucrania, revolución dos tulipáns en Quirguistán, revolución branca en Bielorrusia, revolución verde en Irán, revolución azafrán en Birmania, revolución do Cedro no Líbano, revolución dos xasmíns en Túnez, “estudantes democráticos antichavistas” en Venezuela, as “Damas de branco” en Cuba, as recentes “mobilizacións populares” en Bolivia contra a suposta fraude de Evo Morales) son forzas aparentemente espontáneas, que teñen sempre como obxecto principal opoñerse a un goberno ou proxecto contrario aos intereses xeoestratéxicos de Washington.

 O ideólogo que lle deu forma a este tipo de intervencións é Gene Sharp, escritor estadounidense visceralmente anticomunista, autor dos libros “A política da acción non violenta” e “Da ditadura á democracia”, e quen fora nominado no 2015 ao Premio Nobel da Paz. Paradoxos do destino: inspirándose nos métodos de loita non-violenta de Mahatma Ghandi, este intelectual orgánico ao statu quo estadounidense sentou as bases para que a CIA e outras axencias estatais norteamericanas (USAID, NED, algunhas Fundacións de fachada) desenvolvan as súas intervencións en distintas partes do mundo, sempre en función da xeoestratexia de dominación de Washington (de ningún xeito afastada da violencia!). Estas, segundo Sharp, consisten en tres pasos:

- Xeración de protestas, manifestacións e piquetes, persuadindo a poboación (léase: manipulando) da ilexitimidade do poder constituído, buscando a formación dun movemento antigobernamental.

- Fomento do desprestixio das forzas de seguridade oficiais (policía ou forzas da orde), instigación a folgas, á desobediencia social, aos disturbios e a provocación de sabotaxe.

- Chamado ao derrocamento non violento do goberno.

 Así, un cambio de goberno enmascárase como resultado dunha protesta popular espontánea.

2) A iso pódese engadir, como parte destes novos golpes de Estado “suaves”, o traballo disuasivo que realiza a corporación mediática comercial, sempre aliñada co gran capital e posicións conservadoras. Traballar sobre a corrupción, denunciando e magnificando mesmo o cansazo feitos corruptos por parte dos funcionarios “díscolos”, consegue resultados: dado que é un tema sensíbel, ou mesmo sensibleiro, as poboacións responden sempre visceralmente: “Morren nenos nun hospital por falta de medicamentos, culpa da corrupción estatal”; “Podemos ver os resultados da corrupción aquí nesta escola: non teñen suficientes aulas para a xente, para os estudantes (...) Toca ao goberno e á xente de Guatemala loitar cada día contra a corrupción”, como declarara o daquela embaixador de Estados Unidos en Guatemala preparando as “espontáneas” protestas populares. Quen podería avalar a corrupción? Xa que logo, insistir e sobredimensionar esta en función dunha estratexia de desprestixio, dá resultados. De feito, iso evidenciouse (laboratorio de proba?) no 2015 en Guatemala, onde as denuncias reiteradas de corrupción por parte da prensa e as “manifestacións cívicas pacíficas” de poboación da calse media urbana lograron quitar da presidencia o binomio Otto Pérez-Molina e Roxana Baldetti, conspicuos operadores políticos de dereita (Pérez-Molina, polo momento, militar absolutamente comprometido na guerra contrainsurxente de anos atrás, pero agora “utilizado” como proba con isto das cruzadas anticorrupción).

 O mecanismo definitivamente funciona, pois foi o que logo se utilizou para que a xeoestratexia hemisférica de Estados Unidos, en conivencia coas oligarquías locais, desprazase con esta modalidade de golpes suaves o Partido dos Trabalhadores en Brasil, encarcerando o ex presidente Lula e á nesa altura presidenta Dilma Rousseff, por feitos nunca claramente probados de corrupción. E o mesmo sucedeu en Arxentina, onde sen chegar a substanciar un golpe de Estado, a dereita puido quitar da cadeira presidencial a Cristina Fernández (unha socialdemócrata pro capitalismo, en todo caso reformista, pero igualmente molesta para o statu quo), acusándoa de innumerábeis feitos corruptos que levaron ao triunfo electoral de Mauricio Macri.

3) Outra forma de “golpe suave” desenvolvida por Estados Unidos dáse a através de intervencións “cuirúrxicas” que, sen apelar ao gran despregamento militar, “capturan” o presidente en cuestión, afastándoo do seu cargo de forma silenciosa, ordenada, facéndoo desaparecer “maxicamente” da vida pública. Iso é o que se fixo, por exemplo, con Jean-Bertrand Aristide en Haití, secuestrado e levado a África, con Manuel Zelaya en Honduras, ou con Hugo Chávez en Venezuela (xogada, esta última, que non lles resultou pola activa participación popular en defensa do seu líder, o que fixo abortar o golpe).

4) Complementando o anterior, tamén como parte desta nova modalidade de golpes non cruentos, unha nova técnica que impulsa o goberno de Estados Unidos é a “autoproclamación” como mandatario. É unha xogada case absurda, pero que pode resultar efectiva. Crea unha situación de feito, presentando un determinado personaxe como o “novo” presidente, co que se forza un escenario inédito que pode servir para desprazar o anterior mandatario. Isto ensaiouse primeiramente na República Bolivariana de Venezuela, onde o deputado Juan Guaidó se autoproclamou presidente, sen que iso tivese efecto real na dinámica política do país. Pero si resultou na República Plurinacional de Bolivia, onde ilegalmente a vicepresidenta do Senado, Jeanine Áñez, autonomeándose, ocupou o espazo deixado pola renuncia forzada do lexítimo mandatario Evo Morales, completando así o golpe de Estado argallado pola dereita.

 Esta nova modalidade de “golpes soft” evita o desgaste político, sen tensar a lume vivo a situación político-social. Pódense combinar varios elementos: mobilización popular manipulada, prédica antigobernamental polos medios de comunicación, operacións cirúrxicas, mecanismos de sabotaxe, etc. De todos os xeitos, a posibilidade da “man dura” non se desbota. A clase dominante sempre garda esa carta. A Escola das Américas, despois rebautizada pero en esencia sempre a mesma cousa, segue preparando militares latinoamericanos golpistas e torturadores como reaseguro das clases dominantes para todo o subcontinente. “América do Sur pódesenos emlear de modo incontrolábel se non temos sempre á man un líder militar (...) Isto reclama un xefe da calidade solidaria do xeneral Augusto Pinochet”, manifestou o secretario de Estado estadounidense, Mike Pompeo, ante “a preocupante situación de Chile”. De feito, en procesos chamados democráticos (que o son só formalmente), cando as cousas se “complican”, aparece a bota militar. Iso ocorreu no virtual golpe de Estado en Honduras en 2009, cando se desprazou o daquela presidente lexítimo Manuel Zelaya (un moi morno socialdemócrata que ousara negociar o petróleo coa Venezuela chavista a través de Petrocaribe), aparecendo como outrora os tanques de guerra nas rúas de Tegucigalpa.

 En Bolivia acaba de se consumar un golpe que nuclea varias destas modalidades. As cuantiosas reservas de litio (75% das reservas mundiais, elemento fundamental para as baterías de aparellos electrónicos e futuro posíbel substitución do petróleo) e outros recursos naturais (gran reserva de gas, de minerais estratéxicos, de terras raras) esperan polas ávidas corporacións multinacionais, que de momento non podían entrar, dado o goberno socialista de Evo Morales e o MAS.

 A institucionalidade das democracias formais demóstrase un absurdo. Faise crer á poboación que decide algo a través do seu voto, cando en realidade todas as decisións importantes se toman ás súas costas. E se os pobos erguen a voz, reprímense (todas as actuais protestas, en todas as partes do mundo, foron reprimidas a sangue e lume con forza bruta, en Francia e en Haití, en Exipto e en Honduras, en Chile e en Iraq, en Ecuador e en Colombia). A actual nova modalidade de golpes suaves non debe facernos crer que os golpes duros desapareceron. As palabras de Mike Pompeo lémbrannolo. A petición das Comisións da Verdade que investigaron os graves delitos de lesa humanidade de gobernos ditatoriais en Arxentina e Guatemala e titularon os seus documentos como “Nunca máis”, non pasan dun bo desexo. Nada asegura que os golpes cruentos e sanguentos non poidan volver. As armas non están en mans dos pobos, senón dos militares preparados para defender “o modo de vida occidental e cristián”. Só Cuba e Venezuela ten forzas armadas non golpistas. O capital séguese protexendo e protexe os seus privilexios custar o que custar, sen cuartel, sen piedade.

 

[Artigo tirado do sitio HispanTV, do 27 de novembro de 2019]

 

Volver