“López Veiga, atende, a CIG non se rende!”

Delegados/as da central mobilizáronse hoxe para esixir ter representación no consello da APV

Vigo -

Máis dun cento de traballadores/as e delegados/as da CIG mobilizáronse hoxe para esixirlle ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Enrique López Veiga, que permita que a central teña un representante no consello de administración do ente estatal, tal e como lle corresponde como sindicato maioritario do comité de empresa.

A protesta que tivo lugar esta mañá consistiu nunha manifestación entre a sede da APV e edificio de sesións, situado no peirao de transatlánticos, onde tiña lugar o pleno do consello de administración.

Tras despregar unha faixa diante do edificio co lema “Non á discriminación da CIG Autoridade Portuaria de Vigo” marcharon a pé até o edificio de sesións berrando consignas como “López Veiga, atende, a CIG non se rende” ou “Non á discriminación da APV”.

Unha vez alí xuntáronse ao cadro de persoal de Vulcano, que protestaba pola actitude do presidente da APV con respecto ao estaleiro, xa que está a pechar todas as portas a que se poida retomar a actividade de construción e reparación naval na zona portuaria onde se sitúa.

Precisamente a esta problemática tamén se referiu secretario comarcal da CIG de Vigo, que se preguntou a que “escuros intereses” responde López Veiga no seu intento de evitar que as instalacións acollan actividade industrial. “Non queremos nin fábricas de galletas nin máis contedores nesa zona, o que queremos é que os estaleiros teñan actividade e os traballadores/as recuperen o seu emprego, teña o nome que teña o estaleiro”.

Cambio de criterio

En canto á actitude de López Veiga coa CIG, Gonçalves denunciou que “non lles interesa que esteamos no consello de administración, porque saben que nós non tragamos calquera cousa e imos a defender os traballadores/as e a opoñernos aos seus plans privatizadores do porto”.

Ademais, o responsábel sindical cargou contra o representante de CCOO que continúa ocupando un posto no consello a pesar de que o seu sindicato non gañou as eleccións sindicais no comité de empresa. “Non sabemos a quen representa, porque aos traballadores/as seguro que non”, sinalou.

Ao mesmo tempo, quixo deixar moi claro que a CIG terá representación no consello antes ou despois, “porque somos a central maioritaria do comité, desta cidade e do país, e van ter que roelo por moito que non lles guste”. Neste senso, lembrou que no resto de Autoridades Portuarias de Galiza o sindicato maioritario conta con representación no consello, “como o era na de Vigo até que decidiron cambiar de criterio unha vez que gañamos as eleccións”.

Volver