Lugo acolle unha nova protesta do persoal de Alcoa para esixir a aprobación xa dunha tarifa industrial

A concentración realízase nas vésperas da nova poxa de interrompibilidade

Lugo -

Ás portas da celebración da nova poxa de adxudicación do servizo de interrumpibilidade e con máis incerteza que nunca sobre o futuro da fábrica de San Cibrao, milleiros de persoas continuaron este sábado diante da Subdelegación de Lugo as mobilizacións para esixir do Goberno español que, de inmediato, poña en marcha unha tarifa eléctrica estábel, predicíbel e competitiva que permita reverter a crise na que están sumidas o conxunto das industrias electrointensivas do noso país.

"Resulta indignante a inoperancia do Goberno español, que cada día que pasa sen actuar é máis culpábel da situación de incerteza permanente e incluso de perda de postos de traballo na que se atopan este tipo de industrias con grandes consumos de enerxía", valoraba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que hoxe participou na concentración convocada polo comité de Alcoa na capital lucense.

A este respecto, insistiu na necesidade termos xa un novo marco regulador que garanta a industrialización e a creación de emprego no noso país, especialmente atendendo ao desmantelamento imparábel do sector secundario e á condición de Galiza de gran produtora e exportadora de enerxía. Carril subliñou que, de ter vontade, o Goberno español podería aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo mediante un Real Decreto pola vía de urxencia. "Neste caso, a urxencia está máis que xustificada pola situación agónica do sector industrial", aseverou.

Porén, a única solución que pon enriba da mesa o Goberno do PSOE é a convocatoria dunha nova poxa do servizo de interrompibilidade (que comeza este luns) pero en peores condicións que a anterior, ao reducir nun 60% a potencia e os importes asignados. De feito, desaparecen da poxa os bloques de 40MW, que son precisamente os que lle interesan a multinacional do aluminio.

O recorte nos paquetes de enerxía a adxudicar (de 5 MW) significa que as industrias con maiores consumos (como a produción de aluminio, que é máis electrointensiva de todas) vanse ver máis prexudicadas, xa que non terán ningunha baixada significativa no custe da enerxía e polo tanto, terán máis dificultades para competir con outras plantas. Nestas circunstancias, podería darse a circunstancia de que Alcoa non participe na poxa, "dificultando así moito máis o futuro da actividade produtiva e dos empregos".

A sección sindical da CIG reitera que a Mariña non se pode permitir a perda dunha fábrica destas características, que leva 40 anos sendo o motor económico da comarca. Por iso, ter unha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva é imprescindíbel para garantir a continuidade do complexo de San Cibrao; pero, dotar de futuro á fabrica pasa tamén por esixirlle á multinacional norteamericana compromisos claros de inversión, permanencia e mantemento do emprego.

Neste senso, Carril urxiu do Goberno español que convoque de inmediato da mesa de traballo á que se comprometeu a ministra Reyes Maroto durante a visita ao complexo mariñán, para abordar a problemática que atravesa Alcoa San Cibrao.

A CIG concentrarase o martes 17 na Delegación

Ante a ausencia de actuacións da Administración e as nefastas perspectivas, Carril lembrou que a CIG ten convocada unha nova concentración na Coruña, diante da Delegación do Goberno, para o vindeiro martes, 17 de decembro, ás 11:00horas, coincidindo coa celebración da poxa.

Volver