Lula derrotou a Bolsonaro na campaña máis longa e tensa de Brasil

Emir Sader - 31 Out 2022

Lula ten un novo gran desafío. Non só debe reconstruír o país senón tamén construír unha maioría parlamentaria e reunificar o país, como logrou facelo en 2002 e deberá repetir 20 anos despois

 A campaña electoral máis longa e tensa de Brasil terminou co enfrontamento entre os dous líderes políticos máis fortes, que representan os valores máis opostos que se poidan imaxinar. Brasil viviu entre estes dous mundos durante varios meses. Por suposto, Lula sempre liderou as enquisas. Mais poucos puntos separaban a un do outro, a un futuro do outro.

 A campaña terminou prognosticando os resultados que finalmente chegaron. Lula finalizou a campaña arriba e Bolsonaro deprimido, derrotista, presaxiando a súa derrota. O resultado seguiu o curso natural de toda unha longa campaña. Ao final, despois de moitas oscilacións, todas as enquisas tenderon a converxer cara a unha diferenza favorábel a Lula de seis puntos.

 Lula triunfou así para se converter no primeiro presidente de Brasil que resulta electo por tres mandatos. E Bolsonaro, en troca, será o primeiro presidente que non logra ser reelixido.

 Lula gañou con pouco máis do 50 por cento dos votos, a menor diferenza coa que un presidente brasileiro foi elixido. Pouco menos de dous millóns de votos de diferenza. Cunha concentración de votos para Lula no nordeste e para Bolsonaro no sur do país, como apuntaban as enquisas.

 Foi a vitoria máis difícil e a máis esperada. A máis difícil, sobre todo polos bots e as fake news que actuaron coa complicidade do poder xudicial. A máis esperada, porque o país sufriu cinco anos en mans dos mesmos políticos que foran derrotados democraticamente catro veces seguidas. Sentimos inxustizas e retrocesos.

 Brasil amencerá aliviado. Cun futuro decidido. Cun presidente que xa definiu que o seu goberno será de reconstrución nacional, polo país destruído que recibirá Lula cando asuma a presidencia dentro de dous meses.

 A xornada tamén foi tensa porque apareceu outra anomalía. A PRF (Policía Rodoviaria Federal) realizou varios operativos, precisamente no nordeste, detendo micros e dificultándolles o voto aos pasaxeiros, con denuncias que non tiñan sentido. O presidente do Tribunal Supremo Electoral xa exixira o sábado que non se realizase tal operación o día das eleccións.

 O Partido dos Trabalhadores (PT) pediu a detención do director desa rama da policía, pero a xustiza non aceptou aplicar ningún tipo de penalidade. Fontes sólidas dixeron que a operación foi articulada directamente desde o Palacio do Planalto.

 Non se sabe si houbo persoas que non votaron por estes operativos, pero quedan dúbidas sobre as intencións destes procedementos e en que medida poden afectar ao resultado final das eleccións.

 A marxe estreita da vitoria de Lula sorprendeu a todas as enquisas que daban a vitoria a Lula por marxes de entre o catro e o oito por cento. O episodio mencionado anteriormente pode prexudicar a Lula no nordeste, o que se poderá saber cando se analicen todos os datos.

 Non hai dúbida de que Brasil sae dividido desta votación. Lula é elixido por unha pequena diferenza. Mais a dereita logra elixir o gobernador de São Paulo, ademais doutros estados importantes, sobre todo do sur do país. A esquerda, en troca, elixe a case todos os gobernadores do nordeste.

 Lula ten un novo gran desafío. Non só debe reconstruír o país senón tamén construír unha maioría parlamentaria e reunificar o país, como logrou facelo en 2002 e deberá repetir 20 anos despois.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, do 31 de outubro de 2022]