Lusoanomalías

Daniel Finn -

Os partidos de esquerda portugueses (PCP e BE) lograron conter o pánico derrotista que parecía dominar despois de que a Troika someteu a Grecia á súa vontade no verán de 2015. Demostraron que se poden obter vitorias contra o Consenso de Berlín, mesmo nun momento de mobilización popular limitada

Os partidos de esquerda portugueses (PCP e BE) lograron conter o pánico derrotista que parecía dominar despois de que a Troika someteu a Grecia á súa vontade no verán de 2015. Demostraron que se poden obter vitorias contra o Consenso de Berlín, mesmo nun momento de mobilización popular limitada

 Desde finais de 2015, en Portugal desenvolveuse un inusual drama político. Despois de fracasar na consecución dunha maioría no parlamento, a tradicional máquina de centroesquerda do país rexeitou a oferta dunha «gran coalición» co seu rival conservador para implementar as demandas de Bruxelas e Francfort. Afastándose dos camiños tripados da socialdemocracia europea, o Partido Socialista Portugués chegou a un acordo coas forzas da esquerda radical, que estaban marxinadas en todos os demais países da UE. O primeiro ministro socialista, Antonio Costa, goberna co apoio de dous grupos situados fóra dos límites do que se considera unha política respectábel: o Partido Comunista Portugués, que nunca aceptou as trécolas do eurocomunismo ou as súas reencarnacións postsoviéticas, e o Bloco de Esquerda, cunhas orixes que se remontan ao movemento revolucionario da década de 1970. Ao asumir o cargo, Costa comprometeuse a «pasar a páxina» da austeridade e a reverter as medidas impostas pola Troika. Os votantes europeos oíron frecuentemente tales promesas nas campañas electorais, pero o goberno de Costa rompeu a tradición ao manter a retórica inicial baixo a presión dos seus aliados esquerdistas, revertendo os recortes de salarios e pensións, interrompendo as privatizacións e restablecendo os convenios colectivos. Esas reformas, que contraviñan a sabedoría tradicional, favoreceron unha suba do crecemento económico. A alianza entre os socialistas e a esquerda radical portuguesa, menosprezada polos críticos hostís como un acordo enfermizo, desmentiu as predicións de que se derrubaría en cuestión de meses. Os índices de aprobación de Costa disparáronse, xunto cos do seu partido, en marcado contraste coa desfeita de Hollande, a burbulla de Renzi e a capitulación de Tsipras. Que condicións, a longo e curto prazo, fixeron posíbel esta excepción e canto tempo pode durar?

 Durante un breve período a mediados da década de 1970, Portugal foi un foco de atención internacional en Occidente polo temor a que puidese converterse nun país comunista. Unha vez pasado o perigo, o desenvolvemento do país atraeu moito menos interese que o do resto do sur de Europa, e o que se soubo del no estranxeiro foi moito máis limitado. Quizais o mellor xeito de esbozar as súas coordenadas fundacionais sexa mediante unha comparación con España. Ambos os países estiveron gobernados durante moitas décadas por ditaduras de corte clerical-fascista -o réxime de Franco durou case corenta anos e o de Salazar case cincuenta-, que chegaron á súa fin case ao mesmo tempo, en 1974-1975. Pero as orixes e traxectorias dos dous réximes eran moi diferentes. Franco triunfou militarmente nunha sanguenta guerra civil, gañada coa axuda de Mussolini e Hitler e selada co exterminio sistemático dos que se resistiron. Salazar era un civil á cabeza dun Estado policial, que se instalou sen apenas disparar un tiro; aínda que o seu réxime esmagou os seus opoñentes con férrea determinación, nunca tivo que levar a cabo masacres do tipo das que consagraron a autoridade de Franco. A represión violenta da PIDE (a policía secreta de Salazar) era máis selectiva, aínda que en última instancia non menos formidábel.

 Ao cabo de case medio século, o final das dúas ditaduras inverteu o patrón inicial. A partir da década de 1960, o réxime español acometeu unha modernización da economía e da sociedade, concibida para perpetuar a vitoria da Guerra Civil máis aló da vida do Xeneralísimo, coa creación de novas clases medias vinculadas ao capitalismo de consumo. Cando Franco morreu, os seus herdeiros non tiveron problemas para asegurar a suave aterraxe do réxime. Restaurouse a monarquía borbónica con toda tranquilidade e impúxose unha Constitución que garantía a manipulación e neutralización da democracia española desde o primeiro momento, cun sistema electoral amañado para limitar a representación nas Cortes aos partidos que non fosen do réxime, un Senado con maioría conservadora baseada nas zonas rurais e un Tribunal Constitucional no que se axuntaban os restos do franquismo e os seus epígonos. O Partido Comunista, que fora a forza principal da resistencia clandestina á ditadura, uniuse ao novo monarquismo baixo o mandato do seu líder Santiago Carrillo, escenificando un haraquiri co que selaba o esquecemento da República española e permitía que os socialistas dirixidos por Felipe González se convertesen nos tranquilizadores herdeiros do que Franco legara ao país.

 En Portugal, en troca, os asasinatos en masa sobre os que se asentou Franco exportáronse ao exterior, en catorce anos de guerra brutal para preservar o seu imperio africano, provocando finalmente unha rebelión contra o réxime desde dentro do seu propio exército. As colonias españolas en África serviran a Franco como trampolín ao poder, transportando a Luftwaffe os seus mercenarios marroquís para atravesar o estreito de Xibraltar e chegar aos campos de batalla en Andalucía. As colonias portuguesas, pola súa parte, convertéronse no punto de partida da caída do sistema de Salazar: os oficiais novos que percibiran a futilidade e a barbarie da súa misión convertéronse en rebeldes decididos a poñer fin ao réxime que a ordenaba. En Lisboa non houbo transición suave e serena; a ditadura non organizou a súa propia metamorfose, senón que foi derrocada entre o xúbilo popular. A democracia portuguesa chegou como unha Revolución, non como unha Restauración, co levantamento de abril de 1974. Nun ano e medio de intenso fermento social e político, ocupáronse terras e fábricas e nacionalizáronse bancos. O Partido Comunista e unha chea de pequenos grupos de esquerdas mostráronse activos tanto na sociedade como no exército. Para Washington e Bonn, parecía que estaba cobrando forma unha revolución socialista; para que Occidente non perdese a Portugal, a OTAN tería que se mobilizar. Con financiamento e asesoramento da socialdemocracia alemá, un Partido Socialista comprometido coa normalidade atlántica superou os comunistas na fronte electoral; os oficiais atlantistas expulsaron os radicais do exército en novembro de 1975 e evitouse o perigo.

 O capitalismo salvouse en Portugal, mais o legado da revolución non puido ser completamente borrado. Cando a vida política se estabilizou, os aspectos máis radicais da nova Constitución portuguesa foron desbotados -un artigo falaba da «transición cara ao socialismo» como un obxectivo primordial; outro declaraba que «todas as nacionalizacións efectuadas desde o 25 de abril de 1974 son conquistas irreversíbeis das clases traballadoras»- e o Consello da Revolución encargado da súa salvagarda foi abolido. Pero a dinastía de Braganza non foi restaurada: Portugal seguiu sendo unha república como o era desde 1910. O goberno parlamentario dirixido por un primeiro ministro baseábase nun sistema de votación significativamente menos distorsionado que o español, xunto a unha presidencia electa con poderes limitados(1). O Tribunal Constitucional, en lugar de actuar como baluarte da reacción como en España, defendeu en máis dunha ocasión os dereitos sociais contra os intentos neoliberais de desmantelalos. Non hai equivalente á Garda Civil española (ou aos escuadróns da morte do GAL). O equilibrio posrevolucionario produciu unha configuración institucional que é moito menos restritiva -e moito menos ancorada nos plans da ditadura e os seus defensores- que a de Madrid.

 Por outra banda, a orde recentemente democratizada herdou unha sociedade coa maior taxa de natalidade e a menor expectativa de vida en Europa Occidental. A principios da década de 1960, o PIB per capita era practicamente idéntico en España e Portugal (274 e 270 dólares respectivamente); en 1970, a cifra española ascendía a 1.020 dólares, mentres que a portuguesa era de só 660 dólares. Na agricultura portuguesa aínda dominaban as parcelas pequenas e de escaso rendemento, concentradas principalmente no norte. Ao final da década de 1970, o 96 por 100 das explotacións tiñan menos de vinte hectáreas; en cambio, catro grandes terratenentes do sur posuían en total 95.000 hectáreas. Durante os últimos anos da ditadura produciuse certo desenvolvemento económico: a participación da industria no PIB pasou do 27 por 100 en 1953 ao 36 por 100 en 1969, a medida que novas fábricas e estaleiros nos arredores de Lisboa, e o emprego no sector primario caeu do 48 por 100 en 1950 ao 32 por 100 dúas décadas despois(2).

 Mais aínda había unha ampla distancia entre Portugal e os seus veciños en canto ao seu nivel de vida. Nos último anos do réxime de Salazar, Portugal tiña menos médicos per capita que calquera outro país de Europa Occidental, así como o menor número de estudantes desde a escola primaria até a universidade(3). O ingreso mensual mínimo en Francia era superior ao do 90 por 100 dos traballadores portugueses; os salarios eran dous terzos do nivel de España ou Grecia, mentres que a taxa de mortalidade infantil era case o dobre. Unha cuarta parte da poboación era analfabeta, incluíndo case o 40 por 100 das mulleres(4). Entre 1960 e 1973 un millón e medio de persoas abandonaron o país en busca de emprego noutros lugares e houbo unha diminución neta da poboación, malia a elevada taxa de natalidade. A primeiros da década de 1970 máis da metade dos inmigrantes en Francia proviñan de Portugal e as remesas do estranxeiro cubrían case un terzo do custo das importacións portuguesas(5).

 Coa caída da ditadura, ademais, o Estado posrevolucionario tivo que lidar co duro desafío de integrar a 700.000 nacionais portugueses -case unha décima parte da poboación existente no país-, que fuxiron en masa das colonias africanas a medida que se achegaba a independencia: os chamados retornados. Moitos culpaban a revolución e os partidos de esquerda pola súa situación e forneceron un caladoiro de votos á dereita portuguesa unha vez que se axustou o rexistro electoral para telos en conta, sen se converteren, con todo, nun factor antisistémico como os colonos pieds-noirs regresados de Alxeria que se agruparon tras Le Pen no sur de Francia. Máis tarde chegaron novas comunidades de inmigrantes procedentes dos antigos territorios africanos -en particular Cabo Verde, Angola e Guiné-Bissau- e de Brasil. Despois de 2000, unha nova afluencia desde Europa do Leste contribuíu a converter Portugal por un tempo nun dos países europeos coa maior proporción de inmigrantes na súa poboación, nunha inversión espectacular da súa tradición histórica(6).

Dúas esquerdas

 Nos anos inmediatamente posteriores á revolución, a paisaxe política aínda tiña que se consolidar na forma que asumiría para o resto do século. Podíase conter a ameaza inmediata para a orde social, pero a esquerda marxista era aínda unha forza coa que había que contar. No momento en que caeu a ditadura, o Partido Comunista de Portugal (PCP) era a organización política máis forte do país. Inicialmente adoptou un enfoque cauteloso, aceptando postos ministeriais no goberno provisional e opoñéndose ás folgas. Cando unha vaga de axitación social alcanzou o seu apoxeo no verán de 1975, o Partido endureceu a súa liña baixo a presión da competencia de grupos marxistas máis pequenos e por un momento considerou a posibilidade de facer unha revolución coa axuda de oficiais radicais. A elección da asemblea constituínte en abril de 1975 golpeou duramente ese soño, xa que o PCP e os seus aliados obtiveron menos do 17 por 100 dos votos; a derrota dos radicais esquerdistas no exército púxolle o punto final. Pero a diferenza do seu homólogo español, o partido non era unha promesa errada; sen perspectivas inmediatas de alcanzar o poder, emprendeu a consolidación a longo prazo da base que aínda posuía na sociedade portuguesa.

 O PCP encabezara a resistencia contra a ditadura durante os longos anos de represión. Non tiña no seu expediente as páxinas escuras da guerra civil que comprometían o PCE (e en particular o seu turbio líder Santiago Carrillo), nin se dividiu en faccións rancorosas como o KKE en Grecia. Na inflexíbel figura de Alvaro Cunhal, o PCP contaba co líder máis capaz dos partidos comunistas de Europa Occidental da época. Intelectual consumado -cunha tradución en prisión do rei Lear, un importante estudo da agricultura portuguesa e unha chea de novelas publicadas baixo pseudónimo-, Cunhal pasara once anos en prisión baixo Salazar, antes dunha espectacular fuxida da fortaleza costeira de Peniche, seguida polo exilio en Praga e Moscova até que a revolución lle permitiu volver á casa. O líder do PCP era inquebrantabelmente leal á dirección soviética e aos dogmas da súa mocidade; pero era tal o respecto que aínda inspiraba, que á súa morte en 2005 con 91 anos se decretou unha xornada nacional de dó: medio millón de persoas saíron ás rúas para despedilo, no que o seu biógrafo José Pacheco Pereira describiu como «a última gran manifestación do comunismo europeo»(7). Con Cunhal, o PCP conservou as súas principais áreas de apoio no cinto industrial que rodea Lisboa e nos distritos rurais do sur do Alentejo, onde os concellos comunistas alcanzaron unha sólida reputación. O liderado do partido na maior federación sindical do país, a CGTP-Intersindical, reforzou a súa presenza social.

 Electoralmente, o apoxeo do PCP produciuse en 1979, cando recibiu case unha quinta parte dos votos emitidos. Posteriormente a súa cota de votos foi caendo gradualmente, nunha diminución acelerada polo colapso do bloque soviético, tras o cal o apoio ao PCP caeu por primeira vez por baixo do 10 por 100. Pero Cunhal e os seus aliados aferráronse á súa liña, reafirmando a oposición do partido ao capitalismo, á OTAN e á integración europea. En termos puramente electorais, o PCP resistiu a treboada da década de 1990 mellor que a maioría dos seus partidos irmáns, cunha media do 8 por 100 dos votos nas eleccións parlamentarias desde 1991(8). Actualmente o partido está dirixido por Jerónimo de Sousa, quen se incorporou a el sendo un obreiro da periferia industrial de Lisboa; agora na setentena, o seu estilo de debate coloquial, no marco dunha cultura política dominada por graduados de elite, chega máis aló das fileiras dos leais incondicionais do PCP. O papel do comunismo na vida do país non garda proporción coa súa base electoral, xa que se estende a través da cultura portuguesa. José Saramago, o maior novelista do país, premio Nobel en 1998, uniuse ao PCP cando aínda non era moi coñecido, cinco anos antes da revolución, e seguiu sendo un membro leal, aínda que ocasionalmente crítico, até a súa morte en 2010. O líder socialista Antonio Costa é fillo dun poeta comunista e as dúas figuras principais do Bloco de Esquerda, Catarina Martins e Marisa Matias, recoñeceron o papel desempeñado polos mestres comunistas na súa formación política.

 Na década de 1980, co PCP marxinado como contendente polo poder, a escena política reduciuse ao patrón europeo común de centroesquerda e centrodereita, alternándose no que era de feito un sistema bipartidista. O Partido Socialista Portugués (PS), fundado apenas un ano antes da caída da ditadura, foi o primeiro dos bloques nesta competición e converteuse no principal atranco para o avance comunista durante o período revolucionario. O seu líder Mário Soares fora comunista na súa mocidade -e discípulo de Cunhal nalgún momento- antes de abandonar o partido con ocasión da ruptura de Tito con Moscova. Avogado experto e orador fluído, tamén el pasara anos na cadea e no exilio pola súa oposición a Salazar. Despois de regresar a Portugal converteuse rapidamente no político máis influínte da súa xeración, participando no goberno provisional de 1974-1975 como ministro de Asuntos Exteriores e supervisando a descolonización do África portuguesa. Soares levou os socialistas á vitoria nas eleccións á Asemblea Constituínte, co 38 por 100 dos votos e a maior extensión rexional entre todos os partidos. Nos meses que seguiron o PS converteuse en punto de confluencia para os anticomunistas de todo tipo e Soares na figura na que depositou a súa confianza a embaixada de Estados Unidos. Despois de que os socialistas encabezasen de novo os resultados nas eleccións lexislativas de 1976, Soares converteuse en primeiro ministro do país. Repudiando as tendencias terceiromundistas da á radical do exército e afirmando a lealdade de Portugal á OTAN, o PS ofreceu Europa como substituto do imperio a unha nación que acababa de sufrir unha drástica degradación xeopolítica.

 Pero os aliados occidentais do país presionaron a Soares para que aceptase un programa de austeridade do FMI que reverteu a redistribución revolucionaria e golpeou duramente o nivel de vida popular, impoñendo profundos recortes salariais e de gasto público para reducir a participación da man de obra na renda nacional, do 62,5 por 100 en 1976 ao 45 por 100 en 1979(9). Isto tivo efectos predicíbeis sobre a posición do PS, cuxo primeiro goberno durou só dous anos; cando se celebraron eleccións en 1979, o voto socialista caeu ao 27 por 100. A gravidade deste golpe abondou para que Soares nunca puidese igualar a hexemonía política lograda por Felipe González en España, separadamente da amarga división da esquerda portuguesa: entre 1976 e 1983, a media de voto para o PS e o PCP seguía sendo un 5 por 100 máis alto que o dos seus opoñentes da dereita, pero nunca se deu a posibilidade de que ambos os partidos formasen un goberno xuntos. Soares regresou brevemente como primeiro ministro nunha gran coalición coa dereita a mediados da década de 1980, momento no que xa estaba preparando a súa candidatura para a presidencia do país. Cando alcanzou ese obxectivo en 1986, deixou o PS no punto máis baixo da súa traxectoria, con pouco máis dunha quinta parte dos votos nas sucesivas eleccións. Mais durante unha década como xefe do Estado portugués, foi unha molestia irritante para os gobernos conservadores da época, ampliando o seu papel con repetidas xiras por todo o país. No seu apoio ao pobo de Timor Leste contra a ocupación indonesia, Soares tamén volveu ao aspecto máis progresista da súa carreira na década de 1970.

Ventos atlánticos en contra

 O poder, con todo, caera agora en mans da dereita, encuberta como Partido Socialdemócrata (PSD), nome que herdara do período revolucionario, cando a discreción fora esencial para os que promovían unha axenda conservadora; os seus principais baluartes estaban no norte clerical e as illas do Atlántico. Cando o clima político fíxose máis favorábeis para el a finais da década de 1970, o PSD virou á dereita baixo o áspero liderado de Francisco Sá Carneiro, que quería demoler todas as conquistas revolucionarias. Isto fíxoo confluír cunha forza de dereitas máis pequena, o Centro Democrático e Social (CDS), o único partido que votou contra a Constitución de 1976 e ao que se acolleron algunhas luminarias recicladas do antigo réxime (especialmente Adriano Moreira, ministro de Colonias baixo Salazar, á cabeza do partido na década de 1980)(10). A dereita portuguesa formou unha «Alianza Democrática» baixo o liderado de Sá Carneiro e obtivo a maioría no Parlamento a finais de 1979, prometendo reverter as nacionalizacións de 1974-1975. Pero cando Sá Carneiro morreu nun accidente de aviación un ano máis tarde, o seu sucesor Francisco Pinto Balsemão, unha figura apática sen moito apoio no partido, deixou de lado a idea da privatización a gran escala, concentrándose en limitar o poder residual do exército como gardián da revolución, tarefa na que podía contar co apoio dos socialistas.

 Cando Balsemão conduciu o PSD á derrota nas urnas en 1983, foi substituído por un político dun tempero moi diferente. Aníbal Cavaco Silva, quince anos máis novo que Soares, formado en Lisboa e na Universidade de York, era un economista orixinario do Algarve un tanto rudo e defensor sen concesións do libre mercado. Despois de formar un goberno minoritario en 1985, logrou un gran triunfo electoral en 1987 obtendo algo máis do 50 por 100 dos votos, nun dos mellores resultados de calquera partido de Europa Occidental desde 1945, repetido catro anos despois. Reagan estaba daquela no seu segundo mandato e Thatcher acababa de gañar a súa terceira maioría en Gran Bretaña; era a marea alta do neoliberalismo atlántico e Cavaco Silva coroouna con entusiasmo agresivo. Tras el estaban as expectativas ansiosas das elites económicas do país. Baixo a ditadura, corenta grandes familias dominaran a economía portuguesa, gozando de posicións de monopolio ofrecidas polo Estado, con intereses que abranguían desde a agricultura até a industria, as finanzas e o comercio polo miúdo(11). Os acontecementos de 1974-1975 deixaron a esa clase nunha posición moito máis débil. O goberno provisional expropiou os conglomerados xigantes como a Companhia União Fabril e o grupo bancario Espírito Santo, que pasaron a ser de propiedade pública, o que outorgou ao Estado un papel dominante na vida económica, en tanto, pasou a controlar a cuarta parte do valor engadido e a metade do investimento total do país(12). A elite económica do país mantivo un perfil baixo durante a fase máis radical da revolución ou fuxiu do país; os propietarios de grandes empresas, aínda estando en mellor posición para resistir, abandonaron Portugal en masa.

 A finais da década de 1980, porén, moitas desas mesmas dinastías -Champalimaud, Amorim, Espírito Santo- estaban de volta, enxugando as perdas e restricións da orde posrevolucionaria. Portugal uniuse á Comunidade Económica Europea en 1986, o mesmo ano en que se promulgou a Lei do Mercado Único, creando un clima máis favorábel para reverter as nacionalizacións revolucionarias. En 1989 Cavaco Silva eliminou, coa complicidade socialista, as cláusulas da Constitución que protexían eses bens públicos, abrindo as portas para a súa privatización. Entre 1990 e 1996, a cota de mercado dos bancos públicos caeu do 74 ao 24 por 100, e un tramo crecente doutras empresas vendeuse a prezos de saldo, aparentemente para reducir a débeda pública(13). A primeiros da década de 1990, unha vez desaparecida Thatcher do goberno británico, o xefe do PSD encabezou o goberno neoliberal máis duro de Europa. As subvencións de Bruxelas axudaron a manter o apoio ao goberno de Cavaco Silva mentres se dedicaba a remodelar a economía portuguesa, pero despois da súa segunda vitoria aumentaron as protestas contra os recortes do gasto social. Antonio Guterres, recentemente nomeado secretario xeral da ONU, asumira o liderado do PS en 1992. Tres anos máis tarde, os socialistas regresaron ao poder coa súa maior porcentaxe de votos desde a revolución.

 Lonxe de deter, e moito menos de reverter, as privatizacións de Cavaco Silva, Guterres proseguiu o desmantelamento da propiedade pública e converteu Portugal no campión das privatizacións na UE, ascendendo as vendas a preto dun cuarto do PIB portugués entre 1993 e 2003(14). A liberalización do comercio co resto de Europa levou o país a especializarse en industrias intensivas en man de obra que eran menos produtivas que outros sectores, pero os principais políticos portugueses non estaban dispostos a cuestionar os beneficios da pertenza á UE e presionaron enerxicamente para cumprir os criterios para a entrada na moeda única. Os fondos estruturais fomentaron unha visión positiva da integración europea máis aló da elite política: entre 1994 e 1999 a devandita axuda representaba o 3,3 por 100 do PIB portugués, deixando unha pegada tanxíbel na paisaxe en forma de pontes, autoestradas e outras infraestruturas. En 1986 Portugal só alcanzaba o 54 por 100 do PIB per capita do resto dos membros; en 2001, esa cifra aumentara ao 75 por 100. O país tiña agora una das taxas de natalidade máis baixas de Europa e os niveis de mortalidade infantil baixaran do 80 por 1.000 en 1960 a 7 por 1.000 catro décadas despois. Con todo, os salarios seguían moi por baixo da media rexional: en 1998, os traballadores portugueses gañaban menos de dous terzos da media da UE e o 71 por 100 do nivel español(15).

 Durante o último ano de goberno de Guterres, a vaga de privatizacións continuou, o crecemento vacilou e o PSD superou os socialistas por unha estreita marxe nas eleccións de 2002. O seu líder era agora o untuoso maoísta de outrora (e carrerista de sempre) José Manuel Barroso, quen formou un goberno de coalición co CDS. Ese partido de dereita, máis pequeno, esforzouse durante as dúas décadas anteriores por atopar o seu papel como unha formación cristiándemócrata, que non podía confiar en que a Igrexa mobilizásese no seu favor. A primeiros da década de 1990 engadiu «Partido Popular» ao seu nome; despois de flertar co euroescepticismo por un tempo, o partido rebautizado foi expulsado do grupo de centrodereita en Estrasburgo, pero logrou manter o seu nicho electoral baixo a dirección de Paulo Portas, un mediático comentarista conservador que alcanzara certa fama nacional cando era un adolescente e agora deulle a Barroso o apoio que necesitaba para se converter en primeiro ministro. Desde entón, cada goberno do PSD dependeu dos votos do CDS-PP para se manter no poder. A única acción notábel de Barroso como gobernante foi fornecer un podio nos Açores para que Bush e Blair anunciasen a súa data límite para a invasión de Iraq, flanqueados por el mesmo e Aznar. Un ano despois foi recompensado coa presidencia da Comisión Europea, desde a que se elevou aínda máis para se converter en presidente non executivo de Goldman Sachs Internacional, cuxa sede está en Londres.

 Tras a dimisión de Barroso e a disolución da Asemblea poucos meses despois, o PS obtivo unha gran vitoria nas eleccións de 2005 baixo a dirección de José Sócrates, un político moi parecido, cuxa presidencia do goberno estivo marcada polos escándalos, desde o referido ao seu título universitario de licenciado en enxeñaría civil, até diversos casos de corrupción; na actualidade está en liberdade vixiada, procesado por diversos cargos de fraude fiscal, branqueo de capitais e tráfico de influencias. Durante o seu mandato até 2011, Portugal seguiu caendo nunha depresión prolongada que comezara co novo século. A converxencia cos demais países da UE revertérase: desde o seu máximo do 75 por 100 en 2001, o PIB portugués caeu ao 66 por 100 da media dunha UE moito maior en 2008(16). A diferenza doutros membros «periféricos» da eurozona, Portugal non experimentou un período de crecemento acelerado durante os anos previos ao colapso mundial. En palabras de Ricardo Reis, o crecemento económico desde o inicio do novo milenio foi «o peor que cabía imaxinar para unha economía desenvolvida»: a economía portuguesa empeorou despois de 2000 máis que a estadounidense durante a Gran Depresión ou a de Xapón durante a súa «década perda». O crecemento anual do PIB de 2000 a 2007 foi dunha media de apenas un 0,6 por 100, menos da metade da cifra da eurozona considerada no seu conxunto(17). En 2006 o salario medio dos traballadores portugueses era o 60 por 100 do dos seus homólogos españois, o 45 por 100 do nivel italiano e menos do 40 por 100 do alemán; cinco anos despois esas proporcións eran case idénticas, pero Portugal estaba en perigo de ser superado tamén pola República Checa (cadro 1).

Cadro i: Taxas salariais medias en Europa (€)

 

 

2006

2011

Portugal

9.167

10.120

España

15.347

16.643

Grecia

14.660

15.589

Irlanda

24.974

26.023

Italia

20.075

21.503

Francia

19.797

22.790

Alemaña

23.438

24.850

Reino Unido

27.179

25.150

Polonia

5.086

6.790

Chequia

6.716

9.314

 

Fonte: Christian Dreger et al., Wage and Income Inequality in the EU, Bruxelas, 2014.

Estancamento e crise

 Que hai detrás desa fatiga? Cando Portugal entrou na Unión Monetaria Europea, o escudo estaba notabelmente sobrevalorado, o que danaba a competitividade das súas industrias exportadoras. Co país aprisionado na moeda única, os gobernos portugueses xa non podían depreciar para restablecer esa vantaxe, agora ameazada pola adhesión de China á OMC e a expansión cara ao leste da UE. Lisboa tamén tivo que reducir drasticamente o investimento público despois de ter infrinxido o Pacto de Estabilidade e Crecemento en 2001 (a indulxencia concedida a Francia e Alemaña era naturalmente negada aos membros máis débiles da UE). Ao mesmo tempo, a entrada de Portugal na eurozona permitiu unha afluencia de capital a unha escala sen precedentes. Os bancos españois, franceses e alemáns apoderáronse da parte do león do novo mercado crediticio dun país que antes estaba moi illado das finanzas internacionais. O investimento produtivo beneficiouse pouco diso: a proporción dos empréstitos bancarios destinados ao sector industrial caeu á metade, mentres que o crédito á actividade inmobiliaria e á construción aumentou do 10 por 100 do total en 1992 a case o 40 por 100 en 2008(18), aínda que non houbo unha burbulla inmobiliaria portuguesa comparábel ás de Irlanda ou o Estado español, entre outras razóns porque se produciu un forte aumento da construción de vivendas durante o auxe de finais da década de 1990, que saturara o mercado, e os programas gobernamentais para subsidiar a propiedade de vivendas diminuíran despois de 2000. O emprego na construción diminuíu lixeiramente entre 2000 e 2006, e tamén caeu a participación do sector inmobiliario no valor engadido. O fluxo do crédito distribuír máis amplamente aos sectores cuxa produción non destinaba á exportación, o cal reduciu a produtividade do conxunto da economía(19).

 Pero aínda que Portugal nunca experimentou os breves e embriagantes cumes da euforia financeira vivida nos seus veciños da UE, si compartiu plenamente a caída despois de 2008 (cadro 2). Aínda que a economía portuguesa non se derrubou tan dramaticamente como a de Grecia, a traxectoria dos dous países foi practicamente idéntica ao longo da primeira ducia de anos do milenio, cun crecemento do PIB de só o 1,4 por 100 entre 2000 e 2012(20). En 2013, o desemprego disparouse até case o 18 por 100, e a emigración masiva era unha vez máis unha característica definitoria da vida portuguesa. Coa economía española paralizada, Gran Bretaña, Alemaña e Suíza convertéronse nos principais destinos europeos, mentres que países lusófonos como Angola e Brasil ofrecían outra saída, polo menos durante o auxe mundial das materias primas. En total, medio millón de portugueses abandonaron o país entre 2008 e 2013, dunha poboación activa duns cinco millóns(21).

 Para daquela Portugal caera nas gadoupas da Troika. Coa erupción da crise grega a finais de 2009, o destino da moeda única parecía en risco; os tipos de xuros dos bonos do goberno case se duplicaron no prazo dun ano, e Lisboa viuse obrigada a pedir un rescate en abril de 2011. O Consenso de Berlín sinalou dous principais culpábeis do malestar económico no sur de Europa: o malgaste do gasto público e o aumento dos custos laborais unitarios. Ningún dos dous tiña moita relevancia para Portugal. Como observa Ricardo Reis, nos anos previos ao crac había poucas probas de malgasto: «Todo o aumento do gasto público se explica por aumentos no pago das pensións de vellez e as prestacións de desemprego, e ambos os apartados fixéronse máis reducidos durante ese período»(22). A perda de competitividade de Portugal tampouco podía atribuírse a un aumento excesivo dos salarios: a incapacidade para igualar o rendemento das industrias de exportación alemás debíase máis ben aos patróns de especialización a longo prazo nas respectivas economías. Arredor do 45 por 100 do valor engadido na industria portuguesa proviña dos sectores de baixa tecnoloxía, fronte ao 19 por 100 no caso alemán; Alemaña tiña unha cota de mercado global do 18 por 100 para os produtos manufacturados máis complexos, fronte ao 0,04 por 100 para Portugal(23).

Cadro 2: Portugal na eurocrise (porcentaxes)

 

Portugal

España

Grecia

Italia

eurozona

PIB real (2008-2013)

7.9

-6,4

-23,3

7,1

-2,0

Produción industrial (2008-2012)

 

-11,8

 

-22,1

 

-26,1

 

-7,8

 

-8,3

 

Demanda interna real (2008-2013)

 

-17,1

 

-15,7

 

-31,5

 

-10,8

 

-5,2

Investimento real (2008-2013)

 

-12,3

 

-14,0

 

-30,7

 

-8,5

 

-4,3

 

Desemprego (2013)

 

17,6

 

26,5

 

26,6

11,9

12,1

 

Desemprego xuvenil (2013)

 

40,6

 

55,7

 

60,1

 

39,2

 

24,1

Fonte: S. Storm e C. W. M., Naastepad, «Europe’s Hunger Games», cit.

 Non se hai que sorprender de que isto non interesase aos funcionarios da Troika que insistían nun programa punitivo de austeridade destinado a reducir os salarios e a reestruturar a economía portuguesa. Desde 2009, Sócrates viñera gobernando sen unha maioría no Parlamento e confiara na axuda da oposición conservadora para aprobar medidas orzamentarias de urxencia. O líder do PSD, Pedro Passos Coelho, retirou o apoio en marzo de 2011, obrigando a un goberno provisional encabezado por Sócrates a asinar o acordo de rescate antes de que se celebrasen as eleccións en xuño. Despois de presidir o crac e a primeira rolda punitiva de recortes, o PS obtivo os seus peores resultados desde a década de 1980, con só o 28 por 100 dos votos: unha caída do 17 por 100 no prazo de seis anos e dúas eleccións. A dereita portuguesa obtivo unha vitoria decisiva, coa forza dun manifesto que prometía «ir máis lonxe e máis profundamente», en palabras de Passos Coelho, que as medidas xa acordadas coa Troika(24), o que incluía case cincocentas «accións de reforma estrutural», segundo o cálculo do FMI: a apertura de novos territorios para a privatización, o aumento da idade de xubilación aos 66 anos, a supresión dos convenios colectivos para gran parte da forza de traballo, insistindo mesmo na cancelación de catro días festivos até daquela gozados polos cidadáns portugueses.

 Como non podía ser doutro xeito, os resultados foron nefastos: os custos unitarios do traballo caeron o 6,6 por 100 entre 2010 e 2014; no momento en que Portugal saía do rescate, o PIB per capita era case o 5 por 100 inferior ao de catro anos antes, mentres que o emprego se reduciu de 4,9 a 4,5 millóns de traballadores(25). Para unha clase empresarial que vía a crise como a oportunidade para transformar Portugal para sempre, ese era un prezo que pagaba a pena pagar. Como dixo Passos Coelho nun congreso do PSD en marzo de 2012: «O país non terá unha segunda oportunidade. Non podemos errar»(26). Portugal converteuse no segundo país (despois de Grecia) en ratificar o Pacto Fiscal da UE. Porén, malia esta radicalización decretada desde arriba, a reacción popular contra a austeridade parecía ser máis moderada que en Grecia ou o Estado español. A coalición de dereita enfrontouse á maior manifestación desde a Revolución en setembro de 2012, cunha marcha de millóns de persoas nas rúas de Lisboa, e as protestas a gran escala continuaron en 2013 baixo o lema «Que se lixe a Troika». Así e todo, as protestas nunca atoparon unha expresión organizativa duradeira. O Tribunal Constitucional de Portugal tamén anulou algúns dos recortes impostos polo goberno de Passos Coelho, pero este completou o seu mandato e o PSD chegou á campaña electoral de 2015 confiando en que, xunto co CDS-PP, podería vencer os seus rivais unha vez máis.

 Así, a medida que se achegaba o cuadraxésimo aniversario da Revolución, Portugal parecía terse convertido nun país «normal» de Europa Occidental: desposuído de colonias, acomodado na OTAN e na Unión Europea, aparentemente beneficiario da moeda única cando as marxes eran baixas e o crédito era barato, pagando o prezo cando os mercados de bonos se asustaron e tomando agora sen se laiar as medicinas receitadas pola Troika. Politicamente, o poder alternara suavemente entre os bloques de centrodereita e de centroesquerda, dando unha lixeira vantaxe ao primeiro, pero con escasas diferenzas ideolóxicas ou de políticas entre os dous, mentres competían en celo privatizador e se apresuraban a unirse á eurozona á primeira oportunidade. Este consenso multipartidista reflectía en certa medida, sen dúbida, as características compartidas da clase gobernante do país. A prominencia dos académicos entre os seus gobernantes foi abraiante nunha perspectiva comparada, pero esa peculiaridade esténdese desde a época da ditadura, cando Salazar e o seu sucesor Marcello Caetano foron orixinalmente profesores universitarios (economía e dereito, respectivamente) até a democracia, desde Soares (que ensinou historia e filosofía antes de entrar en política a tempo completo) até Cavaco Silva (economía), Guterres (teoría de sistemas) ou Barroso (ciencia política). O prestixio do bacharel [académico, ou cando menos titulado universitario] na cultura portuguesa, que se remonta ao século XIX, sobreviviu no seguinte, o que contrasta notabelmente co perfil da clase política española ou británica nas últimas décadas: os González e Zapatero do PSOE eran esencialmente criaturas da xerarquía do partido, do mesmo xeito que os irmáns Miliband; Aznar e Rajoy no PP, inspector de facenda e rexistrador da propiedade, respectivamente, e David Cameron un experto en relacións públicas.

 Por outra banda, o sistema de listaxes pechadas para as eleccións parlamentarias deu un tremendo poder ás direccións centralizadas de todos os partidos políticos, bloqueando calquera identificación especial entre os votantes e os candidatos individuais. Os estudos revelan unha conexión bastante tenue entre a clase social e as preferencias de voto; sendo pouco o que distinguía as súas políticas, unha gran parte do electorado podía alternar entre os dous bloques principais dunha elección á seguinte(27). O índice máis claro de apoio foi (e segue sendo) a división entre un norte inclinado á dereita e un sur á esquerda, que se remonta aos anos revolucionarios, se cadra o contraste electoral máis claro en calquera parte de Europa, como revela un mapa da sondaxe máis recente (figura I). Os esvaramentos ocasionais en calquera dirección cara ao PS ou o PSD escureceron ás veces esta polarización rexional, mais en xeral a continuidade é inconfundíbel.

FIGURA I: Partido maioritario en cada circunscrición electoral, 2015

 O que si cambiou, porén, foi a credibilidade e o prestixio popular da clase política que preside este sistema. A privatización a grande escala foi inseparábel da corrupción onde quer que se produciu, e Portugal non foi unha excepción. As masivas inxeccións de capital cleptocrático desde Angola, con cuxo réxime as empresas e os políticos portugueses se entrelazaban cada vez máis, turraban na mesma dirección(28). Unha vez posto en marcha todo isto, produciuse unha dexeneración bipartidista, a profundidade da cal, con todo, non se puxo de manifesto até novembro de 2014, cando a policía detivo a Sócrates á súa chegada ao aeroporto de Lisboa desde París por sospeitas de fraude fiscal, corrupción e branqueo de capitais. O escándalo coincidiu coa caída ignominiosa do grupo bancario Espírito Santo nunha arañeira de escuras transaccións financeiras, cos fiscais tras as pegadas do seu presidente e fundador Ricardo Salgado. Despois dun ano en prisión, a solidariedade da elite portuguesa conseguiu que Sócrates pasase a estar baixo arresto domiciliario, mentres se agarda un xuízo que aínda non tivo lugar. Pero o dano estaba feito. A fe na honestidade da clase gobernante, xunto coa confianza nas urnas, viñera caendo constantemente durante anos. Na década de 1980 a participación electoral situábase en tomo ao 77 por 100; na década seguinte caera ao 65 por 100. Cando se celebraron as eleccións de 2015, situouse nun mínimo récord do 56 por 100. A ese ritmo, o país arriscábase a facer realidade a cáustica ficción de Saramago Ensaio sobre a lucidez(29)de 2004.

Un novo punto de partida

 Tentando recuperar o terreo perdido a medida que se aproximaban as eleccións, o PS decidiu presentar como candidato o alcalde de Lisboa, Antonio Costa. Malia ser fillo dun incondicional do PCP, Costa sempre seguira os pasos menos radicais da súa nai socialista. Na campaña electoral propuxo unha morna postura antiausteridade, que non cuestionaba o marco da eurozona, pero bateu con dificultades para distanciar o partido do seu pasado recente: a mancha de asinar o acordo coa troika aínda persistía e o lastre de Sócrates penduraba do seu pescozo. O PSD e o CDS-PP organizaron unha candidatura conxunta como Portugal à Frente encomiando descaradamente a súa propia traxectoria e a virtuosa necesidade dos recortes, que impuxeran para corrixir a difícil situación do país. Cando se celebraron as eleccións en outubro, o apoio á coalición de Passos Coelho reduciuse un 12 por 100, pero o PS só aumentou o seu voto un 4 por 100, e a dereita seguía tendo o maior número de escanos no parlamento: 107 deputados fronte a 86 do PS, dun total de 230.

 No pasado iso conduciría automaticamente a unha «gran coalición» ao estilo alemán entre os dous bloques dominantes. Esta vez, porén, irrompeu unha nova forza política que bloqueou esa posibilidade. A finais da década de 1990 a derrota nun referendo para liberalizar a lei do aborto de Portugal reunira a tres organizacións de extrema esquerda, que sobreviviran á crise dos anos anteriores nun espazo común, o Blocode Esquerda: o Partido Socialista Revolucionario, un grupo trotskista afiliado ao maior fragmento supervivente da Cuarta Internacional; a Unión Popular Democrática, de procedencia maoísta; e Política XXI, composta na súa meirande parte por antigos membros do PCP que deixaran o partido cando se enrocou despois de 1989. A adopción dunha cultura organizativa pluralista, con representación de diferentes correntes nos órganos principais do partido e debates públicos sobre a estratexia que debería seguirse, abriron desde o principio ao Bloco a persoas que non foran membros de ningún dos grupos fundadores. Foi moito máis rápido que o PCP en responder ás cuestións xeradas polos movementos feministas e ambientais e moito máis perspicaz en canto a distanciarse da herdanza do «socialismo realmente existente»(30). O novo partido tamén era moito máis favorábel á idea do «europeísmo de esquerdas» que os comunistas. Francisco Louçã, un economista recoñecido internacionalmente e militante do PSR, converteuse no primeiro portavoz do partido, casando a tradición do liderado docente na política nacional cun activismo socialista comprometido(31).

 Cando se presentou por primeira vez ás eleccións en 1999, o neonato Bloco de Esquerda obtivo un par de escanos no Parlamento cun pouco máis do 2 por 100 dos votos. A súa base aumentou continuamente durante a seguinte década coñecendo un crecemento que non se produciu a expensas do PCP, xa que o partido non sufriu ningún desgaste real durante ese mesmo período, pero si foi finalmente superado polo Bloco, que se aproveitou de novas camadas sociais e atraeu a votantes máis novos que os tradicionais do PCP, que frecuentemente contaban con empregos de colo branco ou precarios(32). A súa implantación rexional era tamén máis uniforme, sen chegar aos niveis alcanzados polo PCP nas súas fortalezas tradicionais, pero superando os comunistas nas rexións do norte e as illas. O apoio combinado para os dous partidos nas eleccións de 2009 -18 por 100- foi case un 6 por 100 superior ao alcanzado conxuntamente por Syriza e o Partido Comunista Grego ese mesmo ano e un dos mellores resultados da esquerda radical en calquera país de Europa Occidental antes de que o panorama político se vise trastornado pola Gran Recesión.

 O resultado das eleccións de 2011, en troca, unha amarga decepción para o Bloco, que perdeu a metade dos seus votantes de 2009 no varrido da dereita, mentres que o PCP se mantivo estábel. Louçá renunciou como voceiro do partido ao ano seguinte e no seu lugar colleu o relevo un dobre liderado respectuoso coa paridade de xénero formado por Catarina Martins e João Semedo. Despois de resultados pouco alentadores nas eleccións europeas de 2014 -unha vez máis, a cota de votos do partido reduciuse á metade-, cando os militantes do Bloco se reuniron para o congreso do partido en novembro dese ano só podían mirar con envexa a correlación de forzas políticas en Grecia ou o Estado español. Nun contexto de frustración electoral, o congreso de 2014 estivo dominado por fortes desacordos e mesmo se falou dunha ruptura; ese perigo evitouse ao final e Semedo anunciou que se retiraba para deixar aberto o camiño a Catarina Martins como coordinadora única do partido. O cambio produciuse cunha renovación máis ampla do persoal dirixente do Bloco, promovendo a un conxunto de mulleres até daquela único na esquerda europea. Xunto a Martins, cuxo talento se viron axiña obrigados a recoñecer os medios portugueses, a parlamentaria europea Marisa Matias resultaría moi efectiva como candidata presidencial do partido nas eleccións de 2016, mentres que as irmás Mortágua, Mariana e Joana, causaron unha forte impresión no Parlamento, en particular Mariana no seu exhaustivo interrogatorio televisado ao xefe do grupo Espírito Santo, Ricardo Salgado(33).

 Co seu recentemente e fortalecido equipo e as cualificadas actuacións de Catarina Martins nos debates televisados durante a campaña, o Bloco de Esquerda obtivo un gran triunfo nas eleccións de 2015: foi o único partido que aumentou os seus resultados en todos os distritos electorais, até un total de pouco máis do 10 por 100. Xunto ao PCP, que mantivo o seu apoio, case unha quinta parte dos votantes apoiou a esquerda radical. Os comentaristas, tanto no país como no estranxeiro, entenderon que se facía posíbel unha gran coalición, a menos que un goberno minoritario da dereita encabezado por Passos Coelho contase coa tolerancia do PS(34). Porén, Catarina Martins xa indicara durante a campaña electoral que o Bloco estaría disposto a conceder un apoio externo a un goberno do PS se este se comprometía a un paquete de reformas para aliviar a crise social. O líder do PCP, Jerónimo de Sousa, tamén sinalara a disposición do seu partido para discutir un acordo.

 Para bloquear tal perspectiva, Aníbal Cavaco Silva -presidente de Portugal desde 2006, agora nos últimos meses do seu mandato- intentou establecer unha liña vermella mentres se producían conversas entre os tres partidos: «En corenta anos de democracia, ningún goberno en Portugal dependeu nunca do apoio das forzas antieuropeas, é dicir, das forzas que fixeron campaña para abrogar o Tratado de Lisboa e o Pacto Fiscal, así como para sacar a Portugal do euro, ademais de pretender a disolución da OTAN». Era «o peor momento para un cambio radical nos fundamentos da nosa democracia»(35). Prometendo facer «todo o posíbel para evitar que se envíen sinais falsos ás institucións e mercados financeiros», Cavaco Silva designou a Passos Coelho para que formase un novo goberno, malia a súa falta de maioría no Parlamento, coa esperanza de que puidese presionar sobre o PS e obter o seu apoio.

 Mais os socialistas non puideron vencer o seu medo ao dano electoral que sufrirían se aparecían como socio menor noutra rolda de austeridade. Para Costa, un pacto cos partidos de esquerda era un mal menor e en novembro mostrouse disposto a asumir a xefatura do goberno despois de elaborar un programa que revertería as medidas impostas pola dereita (negociado por separado co Bloco de Esquerda e co PCP, xa que os comunistas crían que as diferenzas políticas eran aínda demasiado grandes para constituír unha plataforma conxunta). Suprimiríanse os recortes de pensións e salarios, deteríase a privatización das empresas de fornecemento de auga e transporte público e restableceríanse os convenios colectivos, xunto cos catro días festivos perdidos. Ademais, o goberno eliminaría os aumentos impositivos regresivos e aumentaría o salario mínimo. Nunha entrevista co Financial Times, Costa rexeitou a idea central do plan da Troika para as zonas periféricas de impulsar as exportacións portuguesas a través da represión salarial:

 É completamente erróneo pensar que un país europeo como Portugal podería ser máis competitivo sobre a base dos factores de competitividade do Terceiro Mundo. A idea de que a produtividade aumenta grazas ao número de horas traballadas ofrece á xente un incentivo errado. Ten que se lograr aumentando o valor dos bens e servizos que producimos.(36)

 Para chegar a un acordo co PS, o Bloco de Esquerda e o PCP tiveron que deixar de lado as súas reivindicacións de reestruturación da débeda e de saída do euro, xa que Costa insistiu en que o seu goberno traballaría dentro das restricións orzamentarias da eurozona. Para o Bloco en particular, había nisto unha paradoxo considerábel: o partido afastouse do «europeísmo de esquerda» á luz dos acontecementos recentes -especialmente a humillación de Syriza no verán de 2015- e destacara na súa axenda a cuestión da saída de Portugal da moeda única(37).

 Costa e o seu gabinete víronse baixo a presión inmediata de funcionarios da UE mentres preparaban o seu primeiro orzamento obxecto de aprobación e tiveron que reducir os seus compromisos de gasto para 2016 para obter o consentimento de Bruxelas. O comisario económico da UE, Pierre Moscovici, deu a súa versión hipócrita do resultado: «Persoalmente, estou bastante satisfeito de que a Comisión poida convencer as autoridades portuguesas para que manteñan o cumprimento das nosas regras comúns»(38). Nese momento, as eleccións de xaneiro de 2016 deran a presidencia do país ao candidato preferido pola dereita, Marcelo Rebelo de Sousa, ex líder do PSD convertido en presentador de televisión(39). Ao achegarse o verán de 2016, o enfrontamento coa UE parecía inevitábel. Portugal e España estaban no punto de mira da Comisión por non cumprir os seus obxectivos orzamentarios. Catarina Martins promoveu a idea dun referendo sobre a pertenza de Portugal á UE se a Comisión cumpría as súas ameazas de multar o país por incumprimento.

 Ao final, seguindo o costume establecido, a Comisión mitigou as súas normas supostamente vinculantes para satisfacer as necesidades inmediatas da clase política europea. En primeiro lugar, permitiu que se aprobase o prazo até maio de 2016 para evitar crear problemas a Rajoy antes das eleccións xerais convocadas en España para xuño dese ano: como observou con delicadeza Moscovici, «non era o momento económico nin político máis acaído» para que a Comisión actuase(40). Mentres os votos se contaban en España, o Reino Unido votara a favor do Brexit, alarmando o suficiente a Bruxelas e Berlín como para disuadilos de arriscar unha reacción ibérica contra as súas esixencias. Unha vez máis, Moscovici apreciou que era un momento de indulxencia: «Un enfoque punitivo non sería o correcto nun momento en que a xente dubida en Europa»(41). Posteriormente, coa elección de Trump e as eleccións potencialmente difíciles pendentes en Alemaña, Francia e os Países Baixos durante 2017, a UE tiña as mans atadas, dando ao goberno de Costa un respiro moi necesario.

 O crecemento económico recuperouse durante os últimos meses de 2016, impulsado en gran medida pola expansión da demanda interna. O desemprego reduciuse a pouco máis do 10 por 100 e o déficit orzamentario para 2016 reduciuse en máis da metade, até o nivel máis baixo desde a Revolución(42). O goberno impulsara o consumo cumprindo os termos do seu programa sobre pensións, días festivos e o salario mínimo. Estas medidas dificilmente constitúen unha transformación de gran alcance da sociedade portuguesa, pero despois dun longo período de estancamento e crise, serviron como un alivio ben recibido polos cidadáns do país. As enquisas de opinión da primeira metade de 2017 daban ao PS unha media de sete puntos de vantaxe sobre os dous partidos de dereitas: un cambio do 13 por 100 desde as últimas eleccións xerais. Os índices de aprobación de Costa aumentaron notabelmente, con dous terzos dos votantes dándolle preferencia sobre Passos Coelho como eventual primeiro ministro. O aumento no apoio ao PS produciuse a expensas da oposición conservadora e non dos seus socios de esquerda: as cifras da sondaxe para o Bloco de Esquerda e o PCP estiveron aproximadamente en liña coa súa porcentaxe de votos obtidos en 2015. O apoio combinado para os partidos da maioría gobernante era un 24 por 100 máis alto que o do bloque dereitista.

Liñas de fractura

 Pode durar esa lúa de mel política? Por baixo das principais cifras, seguen a asexar perigos para a economía portuguesa. O investimento caeu abruptamente desde que comezou a crise e agora está máis do 30 por 100 por baixo do seu nivel de 2005(43). O BCE estima que os catro principais bancos portugueses acumulan 32 millardos de euros de créditos de dubidoso cobro, case un quinto do crédito bancario total, o terceiro nivel máis alto da UE(44). Só Grecia e Italia teñen unha maior carga de débeda pública que Portugal: a proporción da débeda con respecto ao PIB é agora superior ao 130 por 100, cando era de menos do 70 por 100 en 2007. O acceso de Portugal ao programa de flexibilización cuantitativa do BCE depende da cualificación de risco que recibe dunha pequena empresa canadense, DBRS [Dominion Bond Rating Service], elixida polo BCE coa intención expresa de diluír a hexemonía das «tres grandes» axencias de cualificación, polo que a súa decisión de outorgar un respiro a Lisboa en dous momentos cruciais en 2016 era máis predicíbel do que algúns dos medios poderían chegar a crer. Mario Draghi deu un claro sinal do que se esperaba cando dixo nunha conferencia de prensa, pouco antes de que se fixese pública a segunda avaliación, que Portugal realizara «un progreso notábel». Pero mesmo se DBRS estivese a actuar como axente para o propio BCE, iso só subliñaría até que punto o goberno de Costa é vulnerábel á presión externa.

 En Portugal, a xestión do sector financeiro xa demostrou ser un tema de división. Ás poucas semanas da chegada de Costa ao poder, o Bloco de Esquerda e o PCP votaron en contra dunha iniciativa para gastar máis de 2 millardos de euros de diñeiro público para rescatar a firma Banif, ademais dos 12 millardos de euros xa entregados aos bancos portugueses entre 2008 e 2014; ao final Banif foi disolto, pasando os seus mellores activos ao Banco de Santander, porque o PSD decidiu absterse(45). Os partidos de esquerda tamén cuestionaron a formulación de Costa para o Novo Banco, un «banco bo» formado polos restos do imperio de Espírito Santo, presentando os seus propios plans para a propiedade estatal a longo prazo; o goberno do PS rexeitou esa posibilidade, vendéndoo ao fondo voitre estadounidense Lone Star.

 No que respecta á débeda pública, a liña de división máis importante entre os socialistas e a esquerda incumbe aos medios máis que aos fins. A finais de abril de 2017, un grupo de traballo conxunto de representantes do PS e do Bloco de Esquerda publicou un informe que propoñía a reestruturación da débeda para evitar un esganamento da economía portuguesa. Pero os socialistas insisten en que non se pode avanzar nesta dirección sen o consentimento dos demais Estados da eurozona, como explicou Pedro Santos, ministro que axudou a deseñar o pacto cos partidos de esquerda:

Non estamos en contra da renegociación da débeda, mais non actuaremos unilateralmente correndo o risco dunha ruptura con Europa. Aprendemos da experiencia grega. Intentaron unha estratexia de confrontación que non funcionou. Xa sabemos o que pasaría se empregásemos a mesma estratexia. Así que o noso enfoque é completamente diferente do que adoptou Syriza e tamén é diferente ao que seguiría o Bloco de Esquerda se liderase o goberno. Estamos a tentar unha xestión máis intelixente da nosa débeda pública. Esa solución debe atoparse dentro da Unión Europea.(46)

 O PCP declinou participar no grupo de traballo, crendo que non resolvería o problema fundamental de como asegurar o alivio da débeda.

 Cando aínda faltan dous anos para que se celebren novas eleccións, a gerigonça de Costa entra en augas inexploradas. Hai poucas probabilidades de que o seu goberno adopte unha postura máis radical sobre a reestruturación da débeda ou a relación de Portugal coa eurozona: se os partidos de esquerda non puideron obter tales concesións en 2015, agora as condicións sonlles aínda menos favorábeis, cando os socialistas teñen o vento empurrando o seu velame. A principal ameaza para o goberno de Costa é probábel que proveña de fóra do país, máis que dunha oposición conservadora desmoralizada. Unha crise económica que fixese imposíbel satisfacer os criterios orzamentarios da UE sen recortes adicionais podería ser o punto de inflexión; os principais estados europeos poderían simplemente decidir que chegou o momento de afogar a heterodoxia suave de Costa, unha vez que atravesaron con seguridade o campo minado electoral de 2017. Non hai garantías, por suposto, de que algún deses escenarios se materialice de aquí a 2019, mais sería imprudente supoñer que o estado de graza de Portugal vaia durar indefinidamente(47).

 No momento actual o Bloco de Esquerda e o PCP son as únicas forzas políticas que propugnan a cuestión da saída de Portugal da moeda única, pero carecen do apoio necesario para levar esa idea á práctica(48). A esquerda radical portuguesa pode reivindicar dous logros principais desde 2015: as medidas adoptadas polo goberno de Costa para aliviar as dificultades dos últimos anos tiveron un impacto palpábel na vida cotiá dos cidadáns portugueses; o programa de alivio pode ter un alcance limitado, pero sen o Bloco de Esquerda e os comunistas dificilmente existiría: se os socialistas puidesen formar un goberno sen o seu apoio non se afastarían do camiño de Guterres e Sócrates.

 Desde unha perspectiva máis ampla, os partidos de esquerda tamén lograron conter o pánico derrotista que parecía dominar despois de que a Troika someteu a Grecia á súa vontade no verán de 2015. Demostraron que se poden obter vitorias contra o Consenso de Berlín, mesmo nun momento de mobilización popular limitada; a miserábel rendición de Syriza non ten por que ser o destino de todos. A clareza da liña que adoptaron sobre a moeda única contrasta coa miraxe dunha eurozona democratizada suxerido por figuras como Varoufakis e Hamon. O seu enfoque deu un exemplo á esquerda europea de como tratar cos restos dunha socialdemocracia noutro tempo poderosa e agora en devalo mais aínda lonxe da extinción. Desde os comunistas franceses e italianos até o Partido Popular Socialista de Dinamarca, os antigos radicais puxéronse repetidamente ao servizo do centroesquerda como apéndices impotentes e pagaron por iso un alto prezo político. Ao resistiren á tentación de entrar no goberno de Costa e obteren concesións modestas pero tanxíbeis a cambio do seu apoio externo, o Bloco de Esquerda e o PCP abriron un camiño entre a oclusión sectaria e a neutralización política e aínda teñen a oportunidade de promover solucións máis radicais á aflición portuguesa cando se produza a próxima eurocrise. Lisboa deu o seu nome á axenda da UE da reforma neoliberal e á constitución reformulada que rexeitaron franceses e holandeses; hoxe esa cidade pode ofrecer sinais cara a un futuro diferente para Europa.

____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Do mesmo xeito que no Estado español, en Portugal aplícase o sistema D’Hondt, que dá vantaxe aos principais partidos, mais as súas circunscricións electorais son maiores, o que reduce o límite mínimo para a representación no Parlamento.

(2) Richard Robinson, Contemporary Portugal: A History, Londres, 1979, pp. 140-144, 147,136; Wemer Baer e Antonio Leite, «The Peripheral Economy, Its Performance in Isolation and with Integration: The Case of Portugal», Luso-Brazilian Review, vol. 29, núm. 2, inverno de 1992, p. 23.

(3) Antonio Barreto, «Social Change in Portugal: 1960-2000», en Antonio Costa Pinto (ed.), Contemporary Portugal: Politics, Society and Culture, Nova York, 2003, p. 181.

(4) Kenneth Maxwell, The Making of Portuguese Democracy, Cambridge, 1995, p. 23; R. Robinson, Contemporary Portugal: A History, cit., pp. 156-158.

(5) A. Barreto, «Social Change in Portugal: 1960-2000», cit., p. 164; Maria Ioannis Baganha, «Portuguese Emigration after World War II», en A. Costa Pinto (ed.), Contemporary Portugal: Politics, Society and Culture, cit., pp. 140-141.

(6) Sebastián Royo, «The Portuguese Migratory Experience: A New Migratory Cycle?», en Sebastián Royo (ed.), Portugal in the 21st Century: Politics, Society and Economics, Lanham (MA), 2012, pp. 157-161.

(7) Pereira publicou tres volumes dunha monumental biografía de Cunhal, baseada nos seus extensos arquivos persoais e actualmente está traballando no cuarto.

(8) O comunista foi o único partido importante en se opoñer á pertenza á CEE durante a década de 1980, e continuou infrutuosamente a súa campaña contra a adopción por Portugal do euro: Richard Dunphy, Contesting Capitalism? Left Parties and European Integration, Manchester, 2004, pp. 113-121. Desde finais da década de 1980, o PCP participou nas as campañas electorais baixo a bandeira da Coalición Unitaria Democrática (CDU), en coalición co Partido Verde portugués, frecuentemente presentado como un puro satélite do PCP e que nunca se presentou independentemente ás eleccións.

(9) A media durante a década de 1980 foi lixeiramente inferior ao 50 por 100: W. Baer e A. Leite, «The Peripheral Economy, Its Performance in Isolation and with Integration: The Case of Portugal»», cit., p. 22.

(10) Aínda que aquí tamén se podía observar outro contraste ibérico: houbo moita menos continuidade persoal na dereita portuguesa que en España, onde o franquista Manuel Fraga liderou a oposición conservadora durante gran parte da década de 1980, creando o Partido Popular que hoxe goberna o país.

(11) Eric Baklanoff, «The Political Economy of Portugal’s Later Estado Novo: A Critique of the Stagnation Thesis», Luso-Brazilian Review, vol. 29, núm. 1, verán de 1992, pp. 4-5.

(12) W. Baer e A. Leite, «The Peripheral Economy, Its Performance in Isolation and with Integration: The Case of Portugal», cit., p. 4.

(13) João Rodrigues, Ana Santos e Nuno Teles, «Semi-peripheral Financialization: The Case of Portugal», Review of International Political Economy, vol. 23, núm. 3, 2016, p. 9.

(14) Isto significaba o dobre da taxa de privatización rexistrada no Reino Unido durante o mesmo período: João Rodrigues e José Reis, «The Asymmetries of European Integration and the Crisis of Capitalism in Portugal», Competition and Change, vol. 16, núm. 3, xullo de 2012, p. 196. Na privatización das empresas eléctricas, Guterres copiou a demagoxia «Tell Sid» de Thatcher para popularizar a venda de British Gas, conseguindo que 800.000 cidadáns mercasen accións con créditos baratos, a maioría das cales acabaron naturalmente en mans de grandes empresas. As operacións posteriores deixaron de recorrer a eses subterfuxios, vendéndose a meirande parte dos activos ao capital estranxeiro. En total, máis de mil empresas foron vendidas a basicamente corenta e catro grupos importantes, o que conduciu a unha concentración de capital maior que baixo a ditadura. Os ingresos procedentes destas privatizacións -aproximadamente 46 millardos de euros- non lograron reducir a débeda pública, que entre 1989 e 2013 aumentou nun 400 por 100: Francisco Louçã, João Teixeira Lopes e Jorge Costa, Os Burgueses, Lisboa 2014, pp. 508-509.

(15) Sebastián Royo, «Portugal and Spain in the EU: The Paradox of Economic Divergence, 2000-2007», en S. Royo (ed.), Portugal in the 21st Century, cit., pp. 179- 180; Antonio Goucha Soares, «Portugal: An Incomplete Europeanization», ibid., p. 123; S. Royo, «The Portuguese Migratory Experience: A New Migratory Cycle?», ibid., p. 152; A. Barreto, «Social Change in Portugal: 1960-2000», cit., p. 163.

(16) Ricardo Reis, «The Portuguese Slump and Crash and the Euro-crisis», Brookings Papers on Economic Activity, primavera de 2013, pp. 144,149.

(17) A. Goucha Soares, «Portugal: An Incomplete Europeanization», cit., p. 123.

(18) Ana Santos, Nuno Serra e Nuno Teles, «Finance and Housing Provision in Portugal», FESSUD Working Paper Series, núm. 79, p. 22; R. Reis, «The Portuguese Slump and Crash and the Euro-crisis», cit., pp. 150-151; J. Rodrigues, A. Santos e N. Teles, «Semi-peripheral Financialization: The Case of Portugal», cit., p. 14.

(19) A. Santos, N. Serra e N. Teles, «Finance and Housing Provision in Portugal», cit., pp. 22, 25-29; R. Reis, «The Portuguese Slump and Crash and the Euro-crisis», cit., pp. 155-157.

(20) R. Reis, «Looking for a Success in the Euro-crisis Adjustment Programmes: The Case of Portugal», Brookings Papers on Economic Activity, outono de 2015.

(21) David Justino, Emigration from Portugal: Old Wine in New Bottles?, Washington DC, 2016, pp. 14-18; Observatório da Emigração, Emigração Portuguesa: Relatório Estatistico, Lisboa, 2015, p. 31.

(22) R. Reis, «Looldng for a Success in the Euro-crisis Adjustment Programmes: The Case of Portugal», cit., p. 437. Unha vez que rebentou a crise, a débeda pública –até daquela menor que en Alemaña- disparouse, con dous terzos dela en mans de acredores estranxeiros: Francisco Louçã e Mariana Mortágua, A dividadura: Portugal na crise do euro, Lisboa, 2012, pp. 208-216.

(23) Servaas Storm e C. W. M. Naastepad, «Europe’s Hunger Games: Income Distribution, Cost Competitiveness and Crisis», Cambridge Journal of Economics, vol. 39, núm. 3, maio de 2015. As porcentaxes respectivas de Italia, España e Grecia eran o 3,1, o 0,9 e o 0,02.

(24) Peter Wise, «Politicians battle over Portuguese bail-out», Financial Times, 16 de maio de 2011.

(25) Case a metade dos traballadores portugueses están agora contratados temporalmente, no que representa a gran maioría dos postos de traballo creados desde 2000 e iso converteuse en norma para os menores de corenta anos: R. Rides, «Looking for a Success in the Euro-crisis Adjustment Programmes: The Case of Portugal», cit., pp. 441-442.

(26) Peter Wise, «Resolved to see reforms through», Financial Times, 10 de abril de 2012.

(27) Pedro Magalhães, «Elections, Parties and Policy-Making Institutions in Democratic Portugal», en A. Costa Pinto (ed.), Contemporary Portugal: Politics, Society and Culture, cit., pp. 193-194; José Magone, Politics in Contemporary Portugal: Democracy Evolving, Boulder (co), 2014, pp. 87-89. En ambos os casos o PCP era un caso á parte, cunha base social ben definida e unha conca de apoio social máis comprometida.

(28) Preto da metade da obscena fortuna multimillonaria de Isabel dos Santos, filla privilexiada do dictador de Angola desde hai case corenta anos, investiuse en Portugal: Jorge Costa, João Teixeira Lopes e Francisco Loucã, Os donos angolanos de Portugal, Lisboa, 2014, pp. 45-48.

(29) Na que, o día das eleccións, o 13 por 100 vota pola dereita, o 9 por 100 polo centro e o 2,5 por 100 pola esquerda, mentres que o 75 por 100 vota en branco. Presa do pánico, o goberno chama a unha segunda votación. Esta vez o 83 por 100 vota en branco, tras o cal as autoridades declaran o estado de sitio: unha parábola válida, por suposto, non só para Portugal; Ensaio sobre a lucidez, Lisboa, 2004.

(30) Unha fonte de discordia entre os dous partidos é a súa distinta actitude cara ao réxime angolano. O PCP, con vínculos históricos co MPLA gobernante en Luanda, móstrase reticente a criticar o seu historial no poder; o Bloco de Esquerda, en troca, non dubidou en atacar a súa corrupción e represión.

(31) Antes da súa actuación como portavoz do Bloco de Esquerda, Louçã foi profesor de economía na Universidade de Lisboa, posto ao que regresou despois. As súas publicacións, tanto teóricas como empíricas, foron moi variadas: inclúen un formidábel estudo como coautor da burguesía portuguesa (Os burgueses), unha visión xeral das teorías das ondas longas desde Kondratiev e unha exposición do crecemento económico e o cambio tecnolóxico desde a Revolución Industrial até o presente (As Time Goes By, con Chris Freeman), ademais de moitas intervencións políticas.

(32) O Bloco aínda ten un apoio moito máis débil entre os sindicatos portugueses que o PCP.

(33) Marisa Matías procede dunha contorna empobrecida nun lugar da periferia de Coimbra; fortemente influída pola obra de Boaventura de Sousa Santos, formouse como socióloga antes de entrar en política a tempo completo. As xemelgas Mortágua son fillas dun militante de esquerda que participou no movemento guerrilleiro urbano LUAR baixo a ditadura.

(34) Tony Barber, «Pedro Passos Coelho: Portugal’s PM defies the austerity curse», Financial Times, 5 de outubro de 2015.

(35) Ambrose Evans-Pritchard, «Germany loses key ally in Portugal as austerity regime crumbles», Daily Telegraph, 10 de novembro de 2015.

(36) Peter Wise, «Portugal PM will roll back austerity and maintain fiscal discipline», Financial Times, 24 de xaneiro de 2016.

(37) O parlamentario Femando Rosas do Bloco explicou a lóxica desta nova posición en xullo de 2015. Despois da experiencia grega, argumentou, era claramente imposíbel levar a cabo unha política antiausteridade mentres se permanecía na eurozona: «A nosa posición ten que se presentar dun xeito moi pedagóxico porque os portugueses están moi apegados a Europa e ao euro. Polo tanto, non dicimos: ‘O noso programa é deixar o euro’, senón máis ben: ‘O noso programa é renegociar a débeda’. Se iso non funciona, temos que estar preparados para o abandono»: Dick Nichols, «Portuguese elections: surge in Left Bloc support puts Socialist Party on the spot», Links, outubro de 2015.

(38) Peter Spiegel e Peter Wise, «Portuguese budget narrowly avoids rejection by Brussels», Financial Times, 5 de febreiro de 2016.

(39) Detrás deste aparente revés para os socialistas, había unha vitoria de Costa sobre os seus opoñentes internos no partido. As faccións esquierdistas e dereitistas do PS deron o seu apoio a candidatos independentes, prolongando por esa vía a batalla sobre a alianza de Costa coa esquerda radical. O independente «de esquerdas» obtivo o 23 por 100 dos votos, e o «de dereitas» pouco máis do 4 por 100, o que favoreceu a Costa contra os seus críticos. Polo Bloco de Esquerda, Marisa Matias logrou un impresionante 10 por 100, mentres que o PCP caeu por baixo do 4 por 100.

(40) Alex Barker, Jim Brunsden e Claire Jones, «Spain and Portugal win reprieve over breaking EU fiscal rules», Financial Times, 18 de maio de 2016.

(41) Mehreen Khan e Jim Bmnsden, «Brussels drops fins against Spain and Portugal for fiscal breaches», Financial Times, 27 de xullo de 2016.

(42) «Growing Out of It», The Economist, 1 de abril de 2017.

(43) OECD Economic Surveys: Portugal, febreiro de 2017, p. 16.

(44) Economist Intelligence Unit, Portugal: Country Report, 23 de marzo de 2017, p. 34.

(45) Peter Wise, «Bank bailout tests Portuguese leader?s austerity pledge», Financial Times, 27 de decembro de 2015.

(46) Pedro Santos, entrevista, 28 de abril de 2017. En 2011 Santos interviñera na controversia desde os bancos da oposición, propoñendo utilizar a ameaza de creba como arma nas negociacións coa Troika: «Debemos facer tremer as pernas dos banqueiros alemáns». Ambrose Evans-Pritchard, «Talk of ‘nuclear default’ sums up Left’s anger at EU dictates», Daily Telegraph, 15 de decembro de 2011.

(47) Se o PS chegase a se desdicir dos seus compromisos, os dous partidos de esquerda poderían non estar de acordo sobre as circunstancias en que deberían retirarse (seguiron negociando cos socialistas por separado). Os comunistas están mellor situados para sobrevivir ao colapso do goberno, tendo cavado unha profunda trincheira durante as dúas últimas décadas á que poden retirarse se é necesario; o Bloco de Esquerda ten máis razóns para temer a perda dos seus votantes actuais, mais tamén parece estar mellor situado para adquirir novas capas de apoio, se é capaz de trazar o rumbo correcto.

(48) O historiador e comentarista dos medios José Pacheco Pereira, que anteriormente representaba o PSD no Parlamento, tamén insistiu en que Portugal non ten futuro no euro: «Poderiamos ter anos mellores ou peores, pero en xeral non obteremos o crecemento que necesitamos, porque as restricións ao investimento público son demasiado grandes. Sen reestruturar a débeda, nos próximos vinte anos será imposíbel ter unha política diferente. Iso significa estancamento», José Pacheco Pereira, entrevista, 4 de maio de 2017.

____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web New Left Review, núm. 106 (2017)]

Volver