Máis da metade das empresas non investigan os accidentes de traballo malia ser obrigatorio

O Gabinete Técnico de Saúde Laboral analiza esta situación no Boletín 32
Nacional - 03 Xun 2019

A Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) establece, no seu artigo 16.3, a obriga do empresariado de “investigar os feitos que teñan producido un dano para a saúde das/os traballadoras/es, co obxectivo de detectar as causas deses feitos”. Malia isto a maioría do empresariado do Estado español incumpre flagrantemente a súa obriga legal de investigar os accidentes acontecidos na súa empresa.

A Enquisa Anual Laboral (EAL) realizada polo Ministerio de Traballo, no ano 2016, revelou que só un 34,4% das empresas españolas investigaba os accidentes laborais. Isto é, que o 65,6% das empresas non cumpren coa súa obriga legal de investigar os accidentes. Se temos en conta que os accidentes non investigados rondan o 60%, isto supón que uns 300.000 accidentes de traballo quedan anualmente sen investigar, sen que isto conleve ningún tipo de sanción para a infinita maioría das empresas que non cumpren coa legalidade nesta materia.

Así o afirma o Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, no artigo de análise recollido no seu Boletín nº 32, a partir dos datos tirados de diferentes enquisas realizadas polo Ministerio de Traballo.

Xunto a esta cuestión, a publicación recolle tamén información sobre “A exposición a substancias nocivas para a saúde nos centros de traballo. Un caso real exemplificador” e un documento de análise a partir do último informe publicado do “World Inequality Report” sobre a desigualdade mundial e a distribución da riqueza entre os países máis ricos e os países emerxentes nos últimos corenta anos.

O Boletín conclúe analizando o avance que supón o recén implantado rexistro de xornada como “dispositivo fronte ao abuso laboral”.