Máis de 200 unidades superan as ratios legais de alumnado por aula

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público require da consellaría de Educación o seu cumprimento e advirte que de non se atender a súa reclamación recorrerá ao Contencioso

Compostela -

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentou no rexistro da Xunta de Galiza un requirimento á consellaría de Educación en demanda do cumprimento das ratios legais de alumnado por aula nos centros públicos galegos e anunciou que se a resposta da consellaría é negativa recorrerá á vía do Contencioso-Administrativo.

Anxo Louzao, en representación da Plataforma, denunciou que as ratios legais xa provocan que as aulas estean masificadas e alertou das consecuencias que para a calidade do ensino ten que estas se vexan mesmo superadas. Unha situación que afecta, sobre todo, a Infantil e Primaria, pero que tamén se dá en ESO e Bacharelato e que se repite en toda a xeografía galega, pero de forma especial nas cidades e vilas que as rodean.

Lembrou que a LOE, no seu artigo 157, e no Decreto que fixa cales son os requisitos mínimos dos centros, establécense as ratios máximas, que son 25 en Educación Infantil; 25 en primaria; 30 en ESO e 35 en Bacharelato. A este respecto asegurou que “hoxe son moitas as unidades e os centros nos que se superan” e sinalou que xa ao comezo do curso escolar se denunciou que a consellaría estaba incumprindo a lexislación.

Subliñou que para a Plataforma as actuais ratios xa son excesivas para garantir unha atención individualizada. Unha situación que empeora cando o profesorado se ve obrigado a impartir materias das que non é especialista e ten nas aulas repetidores/as e alumnado con necesidades especiais.

Especificou que están confirmadas e computadas máis de 40 unidades nas que directamente se superan as ratios establecidas vulnerando a legalidade pero que son máis de 200 as unidades nas que non se cuantifican as repetidoras/es ou a matriculación que se produce fóra de prazo por traslado de lugar de traballo da nai ou do pai.

Para Anxo Louzao estes son “parámetros fundamentais” para garantir a calidade do ensino  e “calquera medida que se leve a cabo para mellorala, para loitar contra o fracaso escolar, poder atender as diferentes características do alumnado e garantir a igualdade de oportunidades pasa por reducir o número de alumnos/as por aula”.

Vía do Contencioso-Administrativo

Por iso anunciou que a Plataforma agardará por unha resposta de Educación e que se esta é negativa recorrerán á vía do Contencioso-Administrativo. “Estamos falando das ratios máximas que as administracións galegas terían para reducir, como fixo algunha comunidade autónoma, pero estamos ante un goberno galego que o que fai é masificar as aulas co que iso supón”.

Esther Martínez Piñeiro, en nome das ANPAS de Compostela, reiterou que o que se está defendendo é a calidade do ensino público e o que o número de alumnos e alumnas por aula por enriba das ratios “lonxe de ser algo excepcional estase convertendo case nunha situación habitual”. Por iso subliñou que “queremos reclamar unha vez máis que se cumpra a lexislación e entendemos que sería desexábel que as ratios foran menores”.

A representante das ANPAS alertou de que esta situación “vai en detrimento do ensino, da educación que reciben os nosos fillos/as e da atención individualizada que poderían recibir”. Por iso reclamou que se desdobren as aulas “para que os nosos fillos poidan ter a atención que merecen, para realmente contar c un ensino de calidade e cunha educación inclusiva na que se garanta aos nenos e nenas igualdade de oportunidades”.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).

Volver