Máis de 29.000 traballadores/as están pendentes de renovar os seus convenios colectivos en Ourense

En 2015 unicamente se actualizaron 3 dos 20 convenios de sector e 19 dos 71 de empresa

Vigo -

Segundo denuncian dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, máis de 29.000 traballadores/as da provincia agardan pola renovación dos seus convenios colectivos. En 2015 unicamente se actualizaron 3 dos 20 convenios de sector e 19 dos 71 de empresa.

O secretario comarcal da CIG-Ourense, Etelvino Blanco, sinalou que dos 20 convenios colectivos de sector que hai na provincia só 3 teñen vixencia no ano 2015 e afectan a 2910 traballadores/as: Comercio de Alimentación, Comercio de Materiais de Construción e Pastelería. Ao mesmo tempo, dos 71 que existen de empresa unicamente están actualizados 19, que afectan a 1650 traballadores/as.

Deste xeito, o número de empregados/as que están sen convenio actualizado ascende a 29.000, “o que representa un dato moi negativo e preocupante porque ademais algúns teñen sen revisar as súas condicións económicas e sociais dende hai tres anos”.

Blanco responsabiliza desta paralización na negociación colectiva aos empresarios/as que se negan a sentarse a negociar e ao Goberno español, que coa reforma laboral da negociación colectiva e coa política de redución de salarios beneficia a patronal, “causando unha degradación constante dos convenios en todos os sectores, mesmo nos máis importantes como Siderometal e Construción, e provocando unha indefensión na clase traballadora e a perda considerable de poder adquisitivo dos salarios”.

Diante disto, dende a CIG de Ourense están a impulsar a constitución da mesa de negociación nalgúns sectores, "agardando que se conformen nos vindeiros meses", e barallan convocar mobilizacións “como as que se están a desenvolver xa no sector de Siderometalúrxica”.

Volver