Máis de 9.100 docentes avalan coa súa sinatura as demandas da CIG-Ensino para mellorar condicións laborais e calidade do ensino

Delegados/as da CIG-Ensino concentráronse diante da Consellaría de Educación para manifestar que “o traballo docente é importante”
Compostela - 03 Feb 2016
A CIG-Ensino presentaba este mércores, no rexistro da Xunta, as máis de 9.100 sinaturas coas que o profesorado avala a demanda de melloras nas condicións laborais e na calidade do ensino público. Xunto coas sinaturas, a CIG-Ensino solicitou tamén ser recibida polo novo concelleiro de Educación. “Esperamos que non ignore a todo este profesorado que, coa súa sinatura, amosa o seu desacordo coa política educativa, de persoal e de descualificación permanente ao noso traballo como docentes”, explicou Anxo Louzao.

O secretario nacional da CIG-Ensino explicou que as sinaturas foron recollidas no decurso dunha campaña entre o profesorado, nas máis de 1.200 asembleas celebradas nos centros educativos galegos. Unha campaña que dá continuidade á Iniciativa Lexislativa Popular que foi presentada no Parlamento de Galiza e para a que se conseguiran máis de 23.000 sinaturas.

Louzao subliñou que o que hoxe se presentou son as propostas e reivindicacións máis sentidas polo profesorado que “incidirían de maneira moi positiva na calidade do ensino e na mellora das condicións laborais”.

Denunciou ademais que o profesorado foi obxecto, nestes anos, de “numerosas descualificacións por parte das autoridades educativas” e que con esta campaña perséguese xustamente “valorizar o noso traballo” como “piar fundamental para o sistema educativo”.

Por iso, entre as propostas máis salientábeis está a elaboración dun Estatuto do Profesorado Galego que permitiría, entre outras cuestións, mellorar a calidade do ensino. Así incidiu na necesidade de reducir as ratios en todos os niveis educativos e crear emprego para dotar os centros de profesorado e persoal administrativo suficiente.

Ademais reclamou que se elabore un plan de formación que abranga ao conxunto do profesorado para que se forme nas súas áreas, mais tamén para que se actualice tanto en medidas pegadóxicas e didácticas innovadoras, como en cuestións relativas á atención á diversidade e apoio educativo. Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino denunciou que a administración educativa, no canto de velar por ter un profesorado ben formado en todos os ámbitos, “o que está a facer é levar a cabo recortes permanentes nesas cuestións”.

Xunto a isto, a CIG-Ensino tamén propón que se deixen de reducir os salarios do profesorado, que deixou de percibir, desde 2009 até agora, entre 24.000 e 42.000 euros; que non se penalice por enfermar;  a restitución dos horarios lectivos que había antes de seren ampliados pola administración educativa  de maneira unilateral e toda unha batería de medidas que “sen lugar a dúbidas favorecerían que o actual sistema educativo quedara totalmente transformado para ben”.