Máis do 25% do profesorado funcionario de carreira xubilarase nos próximos anos

Así se tira dun estudo feito por CIG-Ensino partindo de datos facilitados por Educación

Nacional -

Despois de anos de insistencia e dunha inexplicábel e reiterada negativa, a Consellaría de Educación aceptou na Mesa Sectorial na que se presentou a oferta de emprego público de 2021 facer entrega dos datos que a CIG-Ensino viña demandando desde hai moito tempo ao respecto das perspectivas de xubilación do persoal docente nos próximos anos. En concreto, o sindicato formulou a súa solicitude no número de funcionariado de carreira con idades comprendidas entre os 55 os 65 anos, isto é, o  profesorado nacido entre 1965 e 1955.

Desde a CIG-Ensino sempre se demandou maior transparencia nos datos de posíbeis xubilacións á hora de poder valorar os efectos das ofertas de emprego no conxunto do profesorado interino e na previsión de oposicións para futuros anos.

Un relevo xeracional moi importante

Tendo en conta as xubilacións producidas nestes últimos anos, que xa implicaron unha muda importante de profesorado, as cifras que se poden observar no estudo feito pola CIG-Ensino a partir dos datos proporcionados pola administración educativa, deixan clara a importancia do relevo no profesorado galego.

Tendo en conta unhas cifras de funcionariado de carreira entre os 55 e os 65 anos que rolda os 27 ou 28.000 (un dato non proporcionado pola Administración (por algo máis de 5700 docentes interinos), temos unha porcentaxe superior ao 25% que poden xubilarse nos próximos anos.

Hai tamén profesorado interino, con cifras e porcentaxes moi inferiores que poden estar nesta situación, mais desde o sindicato centramos o estudo no que ten carácter fixo xa que son as súas prazas, coas limitacións actuais das taxas de reposición -persoas que se xubilan- as que poden indicar futuras ofertas de emprego público.

Idade

55

56

57

58

59

60

61

62

63

64

65

docentes

999

1030

1020

1033

1014

961

514

392

344

252

194

Sobre os datos globais deste estudo cómpre ter en conta que:

  • Non se inclúe o profesorado en prórroga de xubilación (maior de 65 anos) mais é unha cifra moi reducida.
  • A práctica totalidade do profesorado destas idades pertence ao réxime de Clases Pasivas e, nos últimos anos, a maioría xubílase anticipadamente.
  • A progresión segundo se avanza na idade é claramente descendente, con tan só 194 docentes que na actualidade teñen 65 anos.
  • A inmensa maioría dos e das docentes entre 60 e 65 anos (2.657 en total) xubilaranse en breve, seguindo a tendencia de que moi poucas persoas agardan á idade de xubilación ordinaria. De non se producir cambios na modalidade de xubilación anticipada de Clases Pasivas (xubilación a partir dos 60 anos con 30 anos de servizo con redución da pensión, mais con 33 anos no grupo A1 e con 35 no grupo A2 xa se acada o tope da pensión en cada grupo) é de prever que unha parte maioritaria dos docentes entre 55 e 59 anos (5.906) se xubilarán tan pronto reúnan os requisitos, isto é nos próximos anos.
  • Tendo en conta isto, e sempre coa marxe de erro que dá non saber exactamente canta xente decidirá xubilarse anticipadamente, parece correcto concluír que dos 7.753 docentes que reúnen os requisitos, nalgúns casos agora e noutros nos próximos 5 anos, unha maioría se xubilará neste tempo, provocando taxas de reposición que poden ser superiores a 5.000 docentes, con cifras anuais por tanto similares ás destes últimos anos.

Grandes diferenzas por corpos e especialidades

O corpo de mestres e as especialidades con máis docentes de secundaria son as que copan os primeiros postos de profesorado entre 55 e 65 anos. Destaca especialmente a cifra de 1.316 de Primaria así como as 488 de Infantil, 360 de PT ou 249 de Inglés.

No corpo de PES destacan por cifras absolutas aquelas especialidades que superan as 300 profesoras e profesores destas idades: Inglés, con 500 docentes nesta franxa etaria e Lingua Galega, con 447 próximas xubilacións, son as especialidades que requirirán unha maior demanda de docentes, por 355 de Xeografía e Historia ou 343 de Matemáticas.

Porén, as porcentaxes de docentes próximos á xubilación esténdese case por igual nas especialidades que imparten docencia na ESO e o Bacharelato e, en cifras relativas, tendo en conta o total de docentes en activo e cada especialidade, son moi elevadas en case todas.

No caso das especialidades da Formación Profesional a situación é bastante diferente, evidenciando a diferenza entre aquelas especialidades cunha maior implantación daquelas máis novas e minoritarias.

As xubilacións, o colchón de protección fronte a un ERE masivo, insuficiente para parte do profesorado interino

Os efectos do mal chamado acordo de estabilidade, asinado polos sindicatos estatais e o goberno Rajoy que, como denunciou a CIG-Ensino, non se fixo pensando en estabilizar as persoas, puido ter provocado xa un ERE masivo na práctica totalidade dos corpos e especialidades.

O feito de que as porcentaxes de persoal interino que superou os procesos selectivos, especialmente no colectivo dos que xa levan anos a traballar, sexan reducidas (a maioría das persoas que superaron as oposicións nestes últimos anos tiñan unha antigüidade inferior a tres anos) implicaba un maior risco na exclusión das compañeiras e compañeiros con experiencia na función pública docente e que son vítimas dun marco legal que despreza a súa situación e de anos de recortes e de ausencia de ofertas de emprego.

O alto índice de xubilacións, cunha rotación importante nas listas de interinidades, está a servir en moitas especialidades como protección fronte ao que podería ter sido unha desfeita para o profesorado interino ao se manter no bando sindical e na Consellaría o boicot a incorporar unha cláusula de estabilidade para salvagardar centos de postos de profesorado interino en risco, partindo de cuestións como contar cunha determinada antigüidade nas listas ou unha idade avanzada, principios nos que se fundamenta a negativa da CIG-Ensino a subscribir o acordo sindical sobre persoal interino.

Mais esta situación non é idéntica en todas as especialidades. Así, e como xa denunciou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial, a oferta en moitas especialidades nas oposicións en marcha, practicamente idéntica ao número de interinas e interinos traballando, nun proceso atado pola normativa fixada na LOE (e que a LOMLOE non mudou) e no Real Decreto de ingreso e acceso, unido a que en moitas desas especialidades non se vai dar un proceso masivo de xubilacións, deixa tirado a un número importante de compañeiros e compañeiras.

É necesario un cambio na normativa estatal para a consolidación do profesorado interino

A CIG-Ensino leva anos demandando cambios fundamentais na normativa estatal de ingreso na función pública docente. Todas as súas propostas, centradas nun modelo de acceso diferenciado, foron desatendidas polos diferentes gobernos, antes do PP e agora co PSOE. “Negámonos a sermos cómplices de procesos masivos nos que non se dá solución ao abuso na contratación temporal. O fracaso do pacto sindical (CCOO-UGT e CSIF) co PP, mantido na actualidade polo goberno Sánchez, debe ser superado”, afirman.

A próxima negociación comprometida polo ministro Iceta no marco da Función Pública debería supoñer un salto cualitativo no recoñecemento da fraude polo abuso na temporalidade e permitir procesos extraordinarios que non limiten a capacidade do sector docente, restrinxido agora mesmo pola LOE e polas sentenzas do Tribunal Constitucional.

O feito de que, en paralelo, a ministra Celaá se comprometese a negociar cambios no sistema de acceso, debería ir no camiño desa excepcionalidade que recoñeza o problema das altas taxas de interinidade e busque solucións centradas nas persoas e non nas cifras.

Desde a CIG-Ensino amosan o seu escepticismo a que as propostas que cheguen poidan ir nesa liña mais xa avanza que, mantendo o  que defendeu desde sempre, “poremos no centro do debate a situación do profesorado interino, dentro dun marco de ofertas amplas de emprego que dean resposta acaída e persoal a quen durante anos ocupou postos estruturais e vacantes mestres as administracións miraban cara outro lado e non convocaban nos prazos legais os procesos selectivos que terían evitado a fraude da alta temporalidade”.

Volver