Máis do 80% do persoal de Extel está secundando a xornada de folga de 24 horas contra a precariedade laboral

Traballadoras e traballadores concentráronse diante das oficinas da empresa
A Coruña - 16 Mai 2019

Máis do 80% das traballadoras e traballadoras da plataforma de Extel na Coruña están secundando esta xoves a xornada de folga de 24 horas para esixir da empresa unha negociación real para mellorar as condicións laborais e salariais, corrixir as deficiencias dos postos de traballo ou evitar o pago incorrecto dos incentivos, así como esixir o cese dos despedimentos arbitrarios. 

Esta xornada de folga enmárcase no calendario de mobilizacións convocado pola CIG, xunto con CCOO e UGT (organizacións que conforman a maioría do comité), para este mes de maio en resposta á nula vontade de Extel para negociar e chegar a acordos sobre as distintas problemáticas laborais que a representación social leva meses denunciando.

O calendario de mobilizacións previsto para este mes continuará o próximo xoves 23 de maio, con paros de unha hora por quenda de traballo e concentracións ás 12 e ás 18 horas; e o venres 31 de maio está convocada unha nova xornada de folga de 24 horas

Precariedade laboral

Con estas mobilizacións quérense denunciar os despedimentos arbitrarios executados pola empresa, en moitas ocasións logo de abrir expedientes disciplinarios "cheos de mentiras" e por presuntas baixadas de rendemento. Xunto a isto, dende a sección sindical da CIG denuncian que hai unha carga de traballo excesiva que o persoal ten que realizar baixo presión constante, sen a formación adecuada, coas aplicacións fallando de seguido e mesmo con medios materiais en mal estado.

Ademais, os cambios de departamento son constantes, denéganse vacacións por sistema, faise un seguimento intenso das/os traballadoras/as que caen de baixa, impídese a conciliación laboral e familiar e incluso os postos de traballo non reúnen as condicións hixiénicas axeitadas. Sumado a isto, o persoal vese na obriga de simultanear a atención das chamadas coa realización dos trámites administrativos.

Por non se non fora abondo, á hora de cobrar as nóminas son habituais os erros no cálculo dos incentivos, que a empresa sempre paga á baixa,  obrigando o persoal a ter que presentar mesmo papeleta de conciliación no SMAC para poder cobrar o que legalmente lle corresponde. Esta parte variábel do salario, subliña a representación da CIG, pode supor 200 ou 300 euros ao mes, nunha compañía na que a maioría dos soldos están nos 700 euros/mensuais.

A representación do persoal leva meses denunciando todas estas problemáticas diante da dirección, sen que até o momento teña adoptado ningún tipo de medida. Por iso, a sección sindical da CIG chama a todos os traballadores e traballadoras a secundar este calendario de mobilizacións de xeito masivo para "obrigar a empresa a escoitar as nosas queixas" e que, dunha vez por todas, sente negociar melloras reais.