Máis do 9% das prazas das oposicións docentes xa se poden declarar desertas

Quedarían sen cubrir 195 prazas de promoción interna
Nacional - 24 Mai 2019

Unha vez publicadas as listas de persoas admitidas e excluídas nas oposicións aos diferentes corpos docentes confírmase, un ano máis, “a farsa creada pola Consellaría de Educación á hora de vender como convocatorias históricas oposicións como a do 2018 ou a actual do 2019, ambas superando teoricamente as 2.000 prazas mais que nunca chegan a esas cifras”.

Así o denuncia a CIG-Ensino que asegura que “para vender estas ofertas de emprego a consellaría bota man da oferta de prazas de promoción interna do grupo A2 ao A1 (paso dos corpos de mestres e profesorado técnico de FP ao corpo de secundaria)”.

Lembra que xa o fixo no ano 2018 coa oferta de 262 prazas para as que só se matricularon 113 persoas, concorrendo aos exames 85 e aprobando 21 persoas. “Así nesa convocatoria só un 8% das prazas de cambio de corpo se cubriron finalmente”. 

As cifras da convocatoria do 2019 vaticinan, segundo a CIG-Ensino, peores resultados xa que malia se incrementaren as prazas ofertadas de 262 a 276 -mais dun 5% de aumento- só se matricularon 81 persoas, o que implica unha diminución do 28%.

O “engano” de superar a cifra das 2.000 prazas

A Consellaría de Educación “está máis preocupada de vender cifras que de negociar e analizar na Mesa Sectorial os efectos das ofertas de emprego sobre o persoal interino que leva anos ocupando prazas, nun escandaloso abuso da temporalidade”, sinala.

Así o fixo no 2018 cando vendeu que a oferta chegaba ás 2.050 prazas e de novo repetiu a operación no 2019 “chegando” ás 2.064.

En todo caso, para a CIG-Ensino, o máis insultante da oferta deste ano é que para poder afirmar que se superaba a oferta de emprego de 2018 engadiron 14 prazas de promoción interna que quedarán sen cubrir.

A realidade é, porén, moi diferente. En 2018, tal e como denunciou a CIG-Ensino, só se cubriron 1.723 prazas, quedando un 16% das prazas desertas (327). A maioría destas prazas correspondíanse coas prazas de promoción interna (241). 

Todo parece indicar que esa porcentaxe de prazas desertas pode incrementarse este ano, xa que só tendo en conta a matrícula “xa temos un 9,45% de prazas que non se cubrirán (195)”, asegura e engade que “a consellaría debería deixar de vender fume e enganar á opinión pública coas cifras infladas que proporciona e aplicar un mínimo rigor, sen faltar ao respecto a miles de aspirantes ao ensino público galego”.

Verdadeiro concurso oposición e cobertura de todas as prazas.

Como sindicato maioritario no ensino público en Galiza chama a atención, tras se celebrar o sorteo dos tribunais que xulgarán os procesos selectivos deste ano 2019, sobre a ausencia da fase de concurso que “leva anos evidenciándose nas oposicións docentes” e lamenta que a Educación “non asumira as nosas propostas para facilitar os traballos dos tribunais, coa redución da ratio de aspirantes por tribunal e a realización da fase de baremación por unha comisión técnica, a garantía ao máximo posíbel do anonimato das probas e a publicación diaria da notas das persoas que se examinan”. 

Despois da reiterada negativa da Consellaría a nomear as presidencias dos tribunais por sorteo como lle propuxo, desde a CIG-Ensino demandan que se evite a repetición de persoas nesas presidencias.