
Máis do 90% do persoal secunda os paros contra o ERE de Teleperformance

Máis do 90% do persoal de Teleperformance está secundando a xornada de paros parciais de tres horas por quenda, en rexeitamento ao despedimento colectivo formulado pola empresa e que suporá deixar na rúa a preto de 30 persoas traballadoras da plataforma da Coruña.

Para darlle máis visibilidade á súa loita e trasladarlle á cidadanía as prácticas laborais habituais nas compañías deste sector, ducias de traballadoras e traballadoras de Teleperformance concentráronse ao mediodía diante da tenda que Vodafone ten na céntrica Praza de Pontevedra.
A CIG reclama a nulidade deste ERE “porque non ten xustificación real”. Despois da última xuntanza da mesa de negociación, explica o secretario da CIG-Banca da Coruña e delegado en Teleperformance, Sergio Toucedo, “confirmouse que a culpábel deste despedimento é Teleperformance, que decidiu novamente deslocalizar a actividade”, en concreto, o servizo de atención á clientela de Vodafone a Colombia e a campaña Verisure de Securitas Direct a Tánxer.

Toucedo denuncia que hai un acordo tácito entre estas multinacionais (Vodafone, Securitas e Teleperformance) “para abaratar custes, precarizar as condicións de traballo e os servizos, vulnerar a lei de protección de datos e destruír emprego”.
A próxima reunión do período de consultas está fixada para mañá, mércores, e nesta xuntanza “agardamos que a empresa se mova e concrete se está disposta a reducir o impacto da medida ou se en realidade quere aproveitar para pechar o centro de traballo de Ponferrada, que é o máis afectado polo ERE”.
Despois desta xuntanza, haberá unha asemblea de persoal para trasladar toda a información sobre as pretensións de Teleperformance e avaliar que medidas de resposta levar adiante en defensa do emprego.