Malos agoiros para a economía, bos para os oligopolios

Isidro Esnaola - 04 Mai 2020

O Goberno español, que puxo outros recursos baixo o seu control, podía fixar vía decreto o prezo da electricidade, agora que o consumo nos fogares creceu. Sería un importante alivio e unha achega directa das eléctricas non aos seus sufridos accionistas, senón á poboación que padece as súas prácticas

 A medida que o confinamento e sobre todo a incerteza se alonga, as perspectivas económicas vanse deteriorando para traballadores, autónomos e pequenas empresas. Porén, as grandes compañías seguen coma se nada co inestimábel apoio do Goberno español a cambio dunha esmola.

 Noutra das súas grandes achegas ao benestar xeral, o FMI recalculou as previsións económicas. Segundo os seus modelos, o PIB mundial contraerase un 3% este ano, na súa «peor recesión desde a Gran Depresión», sinalou a economista xefa do FMI, Gita Gopinath, o pasado martes. En Europa a caída será espectacular, o 7,5% na zona euro, algo que número arriba ou abaixo se vía vir. Así e todo, mentres traballadores precarios e moitos autónomos non deixan de suar para ver como poden cadrar as súas contas, as grandes multinacionais non parecen demasiado preocupadas.

 De feito, os grandes bancos cancelaron o reparto de dividendos até o primeiro de outubro porque llo pediu o Banco Central Europeo. A razón que deu foi que así podían elevar a súa capacidade de absorber perdas e apoiar os empréstitos a fogares, pequenas empresas e compañías durante a pandemia. Non parece que teña que ver co terribelmente inxusto e mesmo obsceno que pode chegar a ser repartir beneficios cando a economía de millóns de persoas cae de vez.

 En calquera caso, para clareza a da presidenta do Santander, Ana Botín, que na xunta xeral de accionistas explicou claramente a causa dos seus desvelos. Asegurou que era consciente de que a cancelación do dividendo «non é unha boa nova» para miles de persoas que o avalían «de xeito especial», e que pode supoñer «maior presión financeira nun momento xa de seu malo». Sen dividendos, os sufridos accionistas non van ter liquidez para os seus gastos correntes? Esquecéuselle recomendar un banco no que solicitar un crédito, como está facendo o resto dos mortais para pagar facturas que se acumulan, as cotas da hipoteca ou para conseguir circulante para a súa empresa.

 O Goberno de Pedro Sánchez interrompeu todo, agás as actividades non esenciais, incluídos os prazos administrativos, pero non se atreveu a suspender os prazos de pagamento dos empréstitos e as hipotecas; nin tampouco os xuros. Non é de estrañar que, como confesou Botín, no Santander a media diaria de créditos en marzo creza un 16% en comparación co mes de febreiro. A economía cae en picado pero os créditos seguen crecendo. E os grandes bancos están facendo o seu agosto mentres o resto de mortais acumula débedas, unhas sobre outras.

 E o Goberno, ademais de non suspender os prazos, non fixo máis que alentar ese endebedamento con avais e liñas de créditos. Porén, xa na Idade Media se inventaron as obrigas de pagamento e letras de cambio, un método relativamente sinxelo de poder pechar operacións mercantís sen necesidade de que houbese diñeiro líquido. Non serven agora? Todo ten que pasar polos bancos?

 Outras empresas están pensando que facer cos dividendos do ano pasado; así e todo, hai algunhas que seguen adiante cos seus plans de distribución de beneficios. E entre estas salientan as eléctricas, que confirmaron o reparto de dividendos previsto. Endesa ratificou a súa intención o 26 de marzo e uns días despois, na xunta de Iberdrola, o seu presidente, Ignacio Sánchez Galán, confirmou un incremento do dividendo anual, até 40 céntimos por acción. Así mesmo, o presidente de Iberdrola vaticinou que este ano superaría os 3.406 millóns de beneficios de 2019.

 O certo é que se observamos a demanda de electricidade, esta apenas caeu en marzo un 4,4% con respecto ao ano pasado. Pouco parece tendo en conta a lea que organizou Confebask e Urkullu coa paralización das industrias electrointensivas e o peche de actividades non esenciais a última semana de marzo. Máis se consideramos que desde mediados de mes se reduciu a frecuencia no transporte público, pecháronse comercios, hostalaría así como cantidade de servizos, tanto públicos como privados. Dá a impresión de que as grandes non pararon tanto porque o consumo dos fogares aumentou, pero só nun 1,6%.

 Porén, a xeración creceu un 1,4% para compensar a caída das importacións, e o prezo da tarifa de referencia, o PVCP, baixou un 9% con respecto a febreiro. Malia todo iso debe resultar especialmente rendíbel seguir producindo electricidade. Doutro xeito non se entende que a Papelera de Zikuñaga en Hernani, por exemplo, en febreiro anunciase unha parada técnica de entre 45 e 52 días para montar as súas novas instalacións e agora, precisamente cando todo está parado, decida pospoñer a obra de reforma ao terceiro trimestre do ano. Posibelmente a razón fundamental sexa que ademais de celulosa, a planta xera electricidade.

 Estes días nas noticias converteuse en habitual unha sección dedicada aos timos. Pequenas estafas que non teñen a virtude dos grandes timos: enganar o incauto sen que este se decate. Para lograr ese efecto non hai nada como se apropiar de pouco diñeiro pero a unha gran cantidade de persoas. Se consideramos, por exemplo, que no Estado hai máis de 18 millóns de fogares, calquera cantidade, por pequena que sexa, da que poidan apropiarse os grandes oligopolios proporcionará millóns de beneficios. E non hai nada máis opaco, e xa que logo máis propicio para a estafa, que o mercado eléctrico español.

 O Goberno español, que puxo outros recursos baixo o seu control, podía fixar vía decreto o prezo da electricidade, agora que o consumo nos fogares creceu. Sería un importante alivio e unha achega directa das eléctricas non aos seus sufridos accionistas, senón á poboación que padece as súas prácticas. Algo similar podería facer co prezo da bombona de gas, pero o Real Decreto-lei 8/2020 suspendeu a actualización de prezos regulados dos gases do petróleo durante seis meses, mantendo o vixente que se fixou o 14 de xaneiro, cando o barril OPEP estaba a 58 euros. Esta semana non chegaba nin aos vinte (16€ o 14 de abril, 17€ o 15), un terzo do que valía cando se fixou o prezo do butano.

 Non pagar impostos, gañar inxentes sumas de diñeiro e repartir dividendos nunha situación catastrófica non queda moi ben. É por iso polo que as grandes compañías do Ibex decidiron poñer un bote para a compra de material sanitario: 25 millóns por barba. Que sexa por vontade propia ou a suxestión do Goberno, como deixou entrever Galán na xunta de accionistas de Iberdrola, iso nunca se saberá. BBVA, Santander, Inditex, Telefónica e Iberdrola xa fixeron a súa achega. Algunhas como Santander financiarano coas retribucións da dirección e con achegas dos empregados. Os beneficios, por suposto, non se tocan. Esmola para un país de pandeireta.

 O Estado español cada vez recorda máis a marquesa dos "Santos Inocentes", que exemplificaba a miseria moral de quen se vale do diñeiro e do poder para humillar a xente. Humillación que tamén sentiu Pedro Arrupe, o papa negro, cando unha señora rica convidou a doar diñeiro para as misións dos xesuítas en Xapón na porta da súa residencia e diante dos xornalistas. Contaba que aceptou o diñeiro polos pobres de Xapón, e logo cando abriu o sobre que a señora entregoulle atopou... 10 dólares!

 Ademais de non tocar os prezos de subministracións básicas, o Goberno tamén se preocupa doutros desacougos dos oligopolios. Así, xa no primeiro paquete de medidas urxentes, aprobado o 17 de marzo, cambiou a normativa para dificultar que empresas de fóra da UE puidesen facerse co control de compañías estatais debido á caída do prezo das súas accións. Tras unha caída próxima ao 30% as accións están a prezo de saldo. Todas as grandes están agora comprando as súas propias accións, aproveitando os baixos prezos, para as revender máis tarde, cando comecen a subir a cotización. Para elas, non hai mal que por ben non veña.

 Tamén hai especuladores con músculo que se están a facer con participacións importantes. É o caso de Manuel Lao, con negocios no xogo, que gastou 245 millóns de euros na compra do 6,27% de Merlin, unha socimi inmobiliaria. Outro é Daniel Bravo Andreu, exaccionista do grupo farmacéutico Almirall, que pagou 55,47 millóns polo 3% de Acerinox e outros 20,38 millóns polo 5% de CAF. Ao Goberno español preocúpanlle as adquisicións de grandes paquetes de accións de fóra da UE; os especuladores locais non lle parecen tan perigosos, aínda que poden terminar vendendo as súas participacións a grupos estranxeiros. Sen ir máis lonxe, Manuel Lao vendeu a súa participación en Cirsa ao fondo de investimentos Blackstone Group.

 Sen apenas actividade económica, seguir mantendo a bolsa aberta é propiciar estes xogos especulativos que só serven para que a riqueza se concentre aínda máis. E mentres os grandes seguen coas súas cousas e volve a produción, o confinamento alóngase sine die, acabando coas perspectivas dunha gran cantidade de pequenos negocios.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 19 de abril de 2020]