Manel Grandal Anca, reelixido secretario comarcal na VIII Asemblea comarcal de Ferrol

Renovouse a executiva e elixíronse ás persoas que representarán á comarca no Consello Confederal

Ferrol -

A VIII Asemblea comarcal da CIG de Ferrol renovou a súa executiva e elixiu a Manel Grandal Anca como secretario comarcal con 91 votos a favor, 5 brancos e 5 nulos. Unha nova dirección que terá que afrontar a problemática laboral, económica e social que arrastra a comarca de Ferrolterra desde hai décadas, agravada pola pandemia e polo proceso de desindustrialización, coa crise do sector naval, o peche de Endesa e o peche e deslocalización de GAMESA ou POLIGAL, entre moitas outras. Situación da que Grandal responsabilizou aos goberno galego e do Estado.

A executiva comarcal recibiu 94 votos a favor, 2 brancos e 5 nulos e queda conformada por:

Manuel Anxo Grandal Anca

María Teresa Carballido Salgado

Mª Beatriz Fernández González

Xoán Galdo Regueiro

Marta Cillero Bilbao

Carlos García Seoane

Alberte Amado Tallón

A VIII Asemblea tamén escolleu ás persoas que a representarán no Consello Confederal. A única candidatura presentada foi apoiada por 91 votos a favor, 2 brancos e 5 nulos e queda conformada por:

Manuel Anxo Grandal Anca

Antonia Martínez Díaz

Francisco Xabier Cartelle Pérez

Xoán Galdo Regueiro

Carlos García Seoane

Firmeza e coherencia

Na súa intervención no acto de clausura, o recén reelixido secretario comarcal, Manel Grandal, comezou recoñecendo o traballo desenvolvido desde a anterior asemblea comarcal. Un traballo que permitiu que a CIG se consolidara como primeira forza sindical en Ferrolterra e no país “grazas ao esforzo militante de moitas e moitos camaradas”, mais, sobre todo, pola “firmeza, a coherencia e determinación de manter unha liña sindical propia, de clase e nacionalista, combativa, asemblearista e participativa, de confronto co poder, de rexeitamento do sistema capitalista e de defensa da soberanía nacional”.

Unha alternativa “claramente diferenciada e confrontada co modelo sindical español de CCOO e UGT”, matizou, que permite camiñar cara o obxectivo de “acadar a autoorganización plena da clase traballadora galega, o sindicato único galego, alentado pola conciencia de recoñecérmonos vítimas de unha sobreexplotación, a directa como clase e a derivada do estatus de colonia do noso País dentro do Estado español”.

Por iso sinalou como reto consolidar e seguir ampliando a maioría sindical, tanto en representatividade como en afiliación para “acumular forzas e construír poder sindical para avanzar e ir construíndo poder popular, co obxectivo de acadar unha Galiza ceibe e sen explotación”.

Socialización dos conflitos

Grandal fixo ademais un chamamento á Asemblea para fixar como obxectivo facer participe á afiliación da vida do sindicato porque “é vital para a loita de clases a socialización dos conflitos”. Ferramenta que considerou necesaria “para acadar a solidariedade da clase obreira”

Nese sentido pediu ao corpo máis militante e activo que “máis alá do labor no seu centro de traballo, é imprescindible practicar a solidariedade en canto ás reivindicacións colectivas que nos afectan a todas e a todos e mesmo apoiando conflitos doutros compañeiros e compañeiras”.

Insistiu ademais na necesidade de facer un esforzo no achegamento e en facilitar a participación das mulleres na vida e nos organismos da central sindical, así como da mocidade “escoitando e amosando empatía, mesmo adaptando o noso funcionamento na medida das posibilidades, convocatorias, horarios... mais facéndolles ver que só a través do sindicato e dun sindicato forte se poden mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora”.

Confrontación social

Grandal incidiu en que a conquista de dereitos ha de estar sustentada “no éxito da confrontación social” combinando “a formulación de propostas coa mobilización”. Cuestión respecto da que advertiu que “estaremos perdidos e derrotados se non somos quen de entender e facerlle entender ás traballadoras e traballadores que isto é tamén un combate ideolóxico”.

Fixo un percorrido pola historia do sindicato. Un proceso que definiu como “longo e plural, con distintas sensibilidades, que entenderon a necesidade imperiosa de autoorganizarse, como única, e mellor  ferramenta de confronto o sistema, na defensa da clase traballadora galega e na loita pola emancipación nacional.  Un gran legado e un gran capital, que temos a obriga de preservar, pois é a chave do noso éxito presente e futuro, e polo tanto do éxito das clases populares galegas”.

Avanzou ademais o proceso acelerado de cambios, da dixitalización dos procesos produtivos, da  transformación enerxética. Un proceso no que “o capital vai intentar coller máis tallada no reparto da tarta”, advertiu. E por iso chamou a “ser moi firmes na resposta, empezando pola loita na recuperación de dereitos, nomeadamente a derrogación inmediata das reformas laborais, das pensións ou da negociación colectiva, así como a implementación de medidas de protección a clase traballadora ante novas formas de explotación”.

Folga xeral

Lembrou a resolución aprobada no VIII Congreso da CIG sobre a convocatoria dunha Folga Xeral en Galiza, “de non darse avances nestas reivindicacións”. E emprazou a dar resposta aos novos modelos de explotación. “Vainos supor un gran esforzo pedagóxico, de debate dentro e fóra da afiliación. Enfrontámonos ao neoliberalismo máis salvaxe, que fará uso de todos os seus resortes e artimañas, de compra de vontades, de propaganda,  contando ademais por activa ou por pasiva cos gobernos e sindicatos amigos e inmersos no sistema, os do diálogo social”.

Proclamou a demanda de poder vivir e traballar na nosa terra como “unha demanda xusta” e advertiu que, sen loitar por isto “as nosas comarcas quedarán abocadas á desertización industrial, con todo o que iso leva consigo”. Por iso afirmou que “temos a obriga e o deber moral de dar a batalla polo futuro, por ese dereito o traballo digno na terra que nos veu nacer a nós e os nosos fillos e fillas”.

Unha loita na defensa dos postos de traballo, dos nosos sectores produtivos, do naval, coa creación dun complexo industrial para acceder a todo tipo de construción, civil e militar e da súa diversificación cara as enerxías renovables”. Mais tamén por unha transición xusta, que leve asociados proxectos que realmente creen postos de traballo, polos nosos sectores primarios e as súas potencialidades na creación de emprego e riqueza, desde o forestal ao agro-gandeiro, nomeadamente as nosas rías”.

Chamou ademais a defender os servizos públicos e demandar a súa potenciación. Servizos que, dixo, “cobran vital importancia nunha comarca tremendamente empobrecida como a nosa”.

O reelixido secretario comarcal concluíu recoñecendo que son moitos os retos, mais considerou que “servirán de pouco se non somos quen de enmarcalos no camiño, na necesidade, de acadar o dereito a decidir por nós mesmos, a exercer a soberanía que como nación nos corresponde”.

Por iso apostou por aportar corpo “ao movemento nacionalista galego que somos” e participar “na súa dinamización se de verdade queremos acadar unha Galiza libre e soberana, ceibe e sen explotación”.

Informe de xestión

Foi tamén Grandal quen na súa condición de secretario comarcal da Exectiva saínte, defendeu o Informe de Xestión, que foi referendado por 73 votos a favor, 0 en contra e 11 abstencións. Un informe no que a Executiva considera que a situación económica, laboral e social da comarca de Ferrolterra “xa é límite” e advertiu que se converterá en “irreversible se non se poñen en marcha actuacións urxentes”.

Así, Grandal sinalou que ocupa o primeiro posto do Estado en maiores de 65 anos e o último en natalidade, cunha perda de poboación do 0,46% anual nos últimos 40 anos; a taxa de paro acada o 17,9%, superando a media galega; a  taxa de actividade é do 49%, a peor de todo o Estado; en 2020 o paro medrou un 40% entre menores de 30 anos, 15 puntos por riba da media galega e o 78% dos novos desempregados son parados de longa duración.

Loita por unha transición xusta

Fronte esta situación salientou o papel da CIG liderando a loita por unha transición enerxética xusta, un sector naval con futuro e que atinxa todas as súas potencialidades ou a demanda de recuperación e potencialización do sector primario, nomeadamente, das nosas rías. Loita á que lembrou como se conseguiu atraer ao resto de sindicatos e grazas á que se mobilizou á cidadanía, mesmo durante a pandemia, con accións como marchas, cadea humana e mesmo unha Folga Xeral o 10 de marzo, data moi significativa para a clase obreira galega.

Destacou ademais a crítica situación de As Pontes onde tamén a CIG demanda unha transición xusta, que as concesións de produción de enerxía vaian acompañadas de proxectos industriais e que manteñan os postos de traballo na industria auxiliar. Mais lamentou a tendencia desmobilizadora existente na comarca, propiciada por diversos factores pero, sobre todo, pola actitude de CCOO e UGT, aos que acusou de estar “inmersos na mordaza do diálogo social e nunha onda política recentralizadora, españolista e antiobreira, que tratan de vender como solución a todos os males, e cun discurso de falsa solidariedade”.

Acción sindical

Respecto da acción sindical, Grandal apuntou o traballo desenvolvido nas distintas campañas nacionais, nomeadamente na de propostas “Por unha saída galega xusta”, na defensa do emprego, os servizos públicos e a recuperación de dereitos laborais e sociais.

Mais tamén na defensa das condicións laborais das traballadoras e traballadores fronte á agresividade das reformas laborais ou na defensa dos postos de traballo, onde subliñou o papel de vangarda da CIG, “tanto nas empresas como nos sectores, mesmo onde non tiñamos representación máis os traballadores depositaban a súa confianza en nós”.

O secretario comarcal fixo un percorrido polas múltiples loitas enfrontadas, pero salientou, sobre todo a folga de 18 días da UTE de mantemento de Navantia contra o despedimento de nove compañeiros e as loitas en NOA e Candido Hermida.

Servizos públicos

Grandal apuntou o papel da CIG de Ferrolterra na defensa dos servizos públicos como “garantía de equidade e xustiza social” que “cobran moita máis importancia nunha comarca deprimida como a nosa”. Denunciou as consecuencias dos recortes do PP, especialmente  lesivos para unha poboación  envellecida e empobrecida que o que necesita son “coberturas sociais, de dependencia, de asistencia sanitaria” e reclamou, xa que logo, investimentos para reforzalos.

Denunciou tamén a consideración de periferia administrativa que para a Xunta de Galiza ten a comarca de Ferrol e reiterou a defensa da CIG da sanidade pública e dos dereitos do seu persoal; do ensino público tanto canto a defensa do profesorado galego desde unha perspectiva de clase, como a defensa dun ensino público galego e en galego; da administración pública e do seu persoal, que enfrontou políticas de recortes e de contención de gasto, mais que logo foi, moito considerado persoal esencial durante a pandemia.

Persoal ao que quixo amosar “o noso inmenso recoñecemento pola súa labor e que por parte das Administracións só tiveron  boas palabras e ningún reforzo do cadro de persoal nin mellora das súas condicións laborais”. Un recoñecemento que fixo extensivo “a todos os traballadores e traballadoras que non sendo da Administración como tal, si foron declaradas como servizos esenciais, transporte, alimentación, limpeza etc, sectores dos mais precarizados pero que en tempos de emerxencia se amosan imprescindibles”.

Eleccións sindicais

O secretario comarcal puxo en valor os datos das eleccións sindicais neste período que “amosan, non só a consolidación da CIG como sindicato maioritario na comarca, senón tamén un incremento importante no número de delegadas e delegados”, dixo. De feito subliñou que de ter o 34,31% de representación hai catro anos, pasouse ao 39,15%, malia elixirse un 4% menos de delegadas/os, e superando a UGT e a CCOO en 15 e 14 puntos respectivamente.

Acción feminista

Como non podía ser menos, no seu percorrido por este período Grandal fixo tamén fincapé na acción feminista desenvolvida, con campañas, convocatorias de paros e folgas xerais de mulleres coincidindo co 8 de marzo, impulsando a organización de Galegas 8M en Ferrol ou participando nas campañas desenvolvidas pola Marcha Mundial das Mulleres.

Para alén do traballo conxunto no movemento feminista, salientou tamén as campañas propias en denuncia da precariedade dos traballos desempeñados exclusiva ou maioritariamente por mulleres, como é o caso das traballadoras de atención a domicilio.

Con todo, trasladou tamén a autocrítica que se recolle no informe respecto da necesidade de incrementar a presenza de mulleres afiliadas nos organismos de dirección do sindicato e na representación sindical nos centros de traballo, tan necesaria para lograr unha igualdade real dentro e fóra do sindicato.

Ademais debullou o traballo feito en materia de Saúde Laboral, as campañas e mobilizacións desenvolvidas polo colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG ou a importancia do Plan de Axuda Alimentar.

Un sen fin de cuestións nestes catro anos nos que concluíu que quedou máis que contrastado que “mentres na CIG temos claro que a mobilización é a ferramenta necesaria para a defensa da clase traballadora galega, o emprego e o futuro das nosas comarcas e do País, para os sindicatos españois todo se basea na recentralización e no diálogo social. Unha escenificación que entrampa o proceso reivindicativo e unha renuncia explícita a dar a batalla ideolóxica e política para contribuír a un cambio real do modelo económico e social”.

Volver