Manifestación de SOS Sanidade Pública o 14 de novembro para “salvar a Atención Primaria”

Demanda que se destine o 25% do orzamento sanitario e persoal para garantir a atención

Nacional -

A plataforma SOS Sanidade Pública vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación que, baixo o lema “Salvemos a Atención Primaria, na defensa da sanidade pública”, percorrerá as rúas de Compostela, a partir das 12:00 horas, desde a Alameda. A plataforma reclama un orzamento finalista para a Atención Primaria, que supoña o 25% do orzamento sanitario, máis persoal e un novo modelo “digno, integral, accesible e de calidade”.

Na rolda de prensa as e os asistentes lembraron que antes da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal as necesidades poboacionais; a non renovación de xubilacións, baixas e vacacións e as demoras e masificación na asistencia, “como consecuencia dos recortes nos orzamentos  aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular”. Xunto a isto denunciaron que “os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12 % do orzamento sanitario total, que é evidentemente insuficiente  e é urxente incrementalo”.

Situación crítica durante a pandemia

Lembraron que durante a pandemia, en Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso das e dos doentes aos centros sanitarios e reduciuse o aforo das salas de agarda obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros de saúde. Isto xunto á suspensión de probas e controis de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas. Medidas adoptadas inicialmente para evitar a transmisión que están agora tendo “consecuencias negativas na calidade da atención que reciben as e os cidadáns, entre elas o atraso no diagnostico de patoloxías  como as tumorais”.

Demanda de atención presencial

Xunto a isto denunciaron agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta presencial,  o que “non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento de abandono e desprotección por parte do Sistema Sanitario Público e un incremento das urxencias hospitalarias”. Unha situación que “xenera malestar social e profesional que vai en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público”.

Lembraron que durante os meses de confinamento, o persoal da Sanidade Publica recibiu o recoñecemento da cidadanía ao labor desenvolvido en durísimas condicións. Recoñecemento que abría a esperanza de que, tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsaría medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como recomendan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais. Unha esperanza que, lamentaron, non se materializou.

Atención 100% presencial

Por iso exixiron a recuperación da atención presencial e o acceso aos centros o antes posible, para evitar  un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación alertando de que “as barreiras de acceso á Atención Primaria favorecen a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na  actualidade xa  supón un  20% da  poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da inequidade”.

Xunto a apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais, demandaron tamén a reapertura de todos os consultorios existentes que foron pechados pola pandemia e a mellora da accesibilidade acabando coas listas de espera, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención. Limitando as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, que non limiten ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e traballadoras da Atención Primaria e a poboación, e que non sigan discriminando aínda máis ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías.

Respecto do orzamento sanitario para a Atención Primaria demandaron o seu incremento urxente, co obxectivo de acadar o 25% en 5 anos. Orzamentos que, matizaron, deberán ser finalistas para que non rematen noutras partidas.

Ademais exixiron contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal poñendo en marcha un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación e que se repoña a Xerencia de  Atención primaria que eliminaron, como forma de organización especifica da área e con presuposto propio e non dependente do hospital de referencia.

SOS Sanidade Pública denuncia que “a Xunta de Galicia do Sr. Núñez Feijóo e o seu goberno,  é o único responsable do deterioro da Atención Primaria en beneficio da sanidade privada” e advirte que “se non facemos unha forte presión social e profesional para conseguir cambios de calado, a nova realidade pos-pandemia pode deteriorar aínda máis a situación que vimos padecendo dende hai moito tempo”.

Volver