Manifestación dende o HUAC até o Materno para denunciar a contratación fraudulenta na área sanitaria

A Xunta de Persoal esixe que se oferten os contratos pola orde de lista
A Coruña - 03 Xul 2020

Traballadores e traballadoras da área sanitaria da Coruña-Cee manifestáronse este venres dende o HUAC até o Materno para denunciar a contratación fraudulenta que se está a realizar nesta área. A Xunta de Persoal denuncia que xerencia ten contratado un número de profesionais importante en contratos de “acúmulos de tarefas” que se iniciaron ao comezo da declaración de pandemia e que continúan na actualidade, "sendo renovados directamente e saltándose os acordos de contratación existentes".

Subliñan que unha lista de contratación pública "está baseada nos méritos das/os profesionais e non pode verse vulnerada pola “improvisación” do SERGAS tomando a decisión de xeito unilateral de “saltarse” a lista de contratación e contratando directamente".

Estas/es profesionais están a cubrir todo tipo de ausencias, "provocando unha fraude na contratación, xa que cada ausencia debe ter o contrato que deriva da orde de vínculos, o resto é manipulación". O órgano de representación lembra que leva anos denunciando os cadros de persoal deficitarios desta área, que en moitos casos non están cubertas con profesionais estábeis senón con contratación fraccionada de días, semanas e no mellor dos casos de mes.

Este fraccionamento dos contratos sumado á falta de previsión incide directamente na calidade e continuidade asistencial que se presta ás e aos doentes e provoca, ademais, que as traballadoras e traballadores teñan serias dificultades para a conciliación da vida laboral e familiar.

Por iso, dende a Xunta de Persoal esíxenlle á Xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee e ao SERGAS que retire dunha vez a orde de renovación de contratos directa e que proceda a ofertar os contratos pola orde de lista de contratación.