Manifestación nacional en Compostela “Por un Monte Galego con Futuro”

O día 20 de outubro, ás 12:00 horas, con saida da Alameda

Nacional -

A Plataforma cidadá “Por un monte galego con futuro”, da que fai parte a CIG, convoca unha manifestación nacional para o día 20 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. A plataforma fai o chamamento á mobilización en defensa dun medio rural vivo e contra as medidas que se están a barallar na revisión do Plan Forestal que está a tramitar a Xunta de Galiza ou as contempladas na Estratexia Galega contra o Cambio Climático.

As organizacións convocantes propoñen toda unha serie de medidas que permitirían favorecer o papel dos ecosistemas forestais para, no actual contexto de mudanza climática, mitigar os efectos do quecemento global, mais non só como reservas de carbono, senón tamén como fornecedores de  servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión, entre outros.

Eucalipto e especies de crecemento rápido

Por iso cuestionan o recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático no que “só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel”, o que ao seu entender “potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido”. Especies que se ven ademais favorecidas, para o seu uso en repoboación, no Decreto 163/2014 do Estado español para a compensación e absorción de dióxido de carbono.

A este respecto lembran que o recente informe do IPBES (Panel Internacional para a Diversidade Biolóxica, UNESCO) cifra en 290 millóns de hectáreas a superficie de bosques naturais perdidos no planeta entre 1990 e 2015, e en 110 millóns de ha o aumento das plantacións forestais no mesmo período. Por iso advirten que “unha plantación forestal non pode ser considerada un bosque, e menos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que, como os eucaliptos, empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade. Nin sequera contribúen a fixar carbono neto ao favorecer as cortas en ciclos curtos para queimar en plantas industriais de biomasa”.

Plan Forestal: 35.000 ha de eucalipto máis

Subliñan que o Plano Forestal que está a tramitar a Xunta promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso de 300.000 Ha con respecto á planificación anterior. Fronte a iso reclaman que as Administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos docambio climático, e que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras.

Apostan, ademais, polo peche do ciclo produtivo da madeira na Galiza, de xeito que cunha regulación do monte adecuada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordeada, se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais, algo que permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural.

Anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal

As organizacións sindicais, ecoloxistas e do mundo rural coinciden en valorar que na posta en valor do monte, de xeito multifuncional e sustentábel, ten incidencia a estrutura da súatitularidade. Lembran que as recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destasás colectividades locais. Fronte a isto denuncian que ”en Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización”.

Por iso demandan a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais,a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.

Medidas concretas

Entre as medidas concretas que poñen sobre a mesa está a de establecer unha moratoria indefinida para novos plantíos de eucalipto e a súa prohibición na Rede Galega de Espazos Protexidos, ademais dun programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.

Respecto dos aproveitamentos forestais demandan a promoción do ciclo completo da transformación da madeira en Galiza, a recuperación do tecido industrial dedicado aos distintos aproveitamentos forestais; o investimento na promoción da produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte ou o apoio á investigación para unha industria forestal integral e sustentable. Isto xunto co fomento do aproveitamento da biomasa forestal só residual, da silvicultura con madeiras de calidade ou a prohibición dos cultivos enerxéticos.

Sobre a biodiversidade reclaman, entre outras cuesións, a realización urxente do Inventario de masas de frondosas autóctonas, pendente desde 1992, e incentivos para a súa conservación e ampliación; que se estableza unha reserva ecolóxica do 30% para bosque nativo en plantacións forestais e que se agarde á publicación do V Inventario Forestal (IFN5) para a elaboración dunha nova revisión do Plan Forestal.

Lumes forestais

Para combater os lumes forestais propoñen a creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que favoreza a multifuncionalidade do monte e, por tanto, a súa  prevención fronte os incendios forestais; a promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios; a recuperación dos 100 m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes; o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación e un PLADIGA de carácter anual que estableza obxectivos claros de prevención dos incendios forestais. Isto xunto coa creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios.

Montes veciñais

A plataforma tamén presenta toda unha batería de propostas relativas aos montes veciñais en man común, como unha nova lei que reforce o carácter xermánico da titularidade veciñal; a devolución da xestión dos montes veciñais consorciados e/ou conveniados á veciñanza comuneira; que se potencie a mobilidade de terras abandonadas a través do Banco de Terras e que se incremente a xestión pública dos montes con fins conservacionistas, entre outras.

Volver