Manifestación o 29 de outubro en Ferrol contra a represión sindical e en solidariedade con Pintos

A marcha, convocada por CIG, CCOO, UGT e CGT, sairá ás 20h do edificio da Xunta
Ferrol - 25 Out 2019

"Contra a represión sindical. Xustiza para Pintos!" é o lema baixo o que a CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación o martes 29 de outubro en solidariedade co exsecretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, para pedir a súa absolución e para rexeitar a persecución e a criminalización da mobilización social. A marcha, que xa recibiu o apio de organizacións sociais, culturais e políticas e duns 35 comités de empresa, sairá ás 20 horas de diante do edificio da Xunta e rematará no Cantón.

A manifestación, que fai parte da campaña iniciada pola CIG en contra da represión sindical e na que tamén se teñen involucrado CCOO, UGT e CGT, foi anunciada esta mañá en rolda de prensa por Manuel Anxo Grandal, Santiago Díaz e José Antonio Díaz, secretarios comarcais de CIG, CCOO e UGT, respectivamente, e por Xaquín García Sinde, que participou en representación da CGT.

Os catro responsábeis sindicais coincidiron en subliñar a importancia de manter a unidade na loita pola defensa dos dereitos e das liberdades fundamentais e para frear a vaga represiva que se intensificou nos últimos anos de xeito paralelo á imposición das políticas de recortes. Por iso reclamaron a derrogación inmediata da chamada Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal, xa que son dous mecanismos que se están a utilizar para acalar a resposta social.

Consideran que o proceso contra Pintos supón un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización social como ferramenta básica da clase obreira para a defensa dos nosos dereitos e a mellora das nosas condicións de vida. Mais advertiron que o seu non é un caso illado, senón que hai máis traballadores e traballadoras no noso país que están sendo perseguidas por defender os seus dereitos e liberdades.

A este respecto, Grandal engadiu que a represión contra Pintos reviste un carácter exemplarizante, xa que coa súa detención pretendíase enviar unha mensaxe a toda a clase traballadora da comarca, que naquel momento se estaba a mobilizar intensamente para esixir solucións á crise laboral e social. "Pero están moi equivocados, seguimos e seguiremos defendo a liberdade sindical e reivindicando as solucións adecuadas para que Ferrolterra teña futuro, porque se daquela a situación da comarca era grave agora é dramática", aseverou.

Apoio de corporacións locais e comités

A convocatoria do día 29 xa recibiu o apoio de entidades sociais e culturais da comarca, de partidos políticos e dos alcaldes e alcaldesas dos concellos da Ría. Ademais recolléronse uns 35 pronunciamentos solidarios de comités de empresa (aínda que continúan chegando adhesións a diario); entre eles o de Navantia, que xunto ao comité da xa pechada fábrica de Poligal, convocou aquela mobilización de outubro de 2012 na que se produciron as cargas policiais e a detención de Pintos que derivaron neste proceso xudicial.

A persecución a Pintos é un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización social como ferramenta básica da clase obreira

Así mesmo, dentro da campaña contra a represión promovéronse declaracións institucionais nos concellos chamando a participar na manifestación, pedindo a absolución de Pintos e manifestando o compromiso, no caso de ser necesario, de acudir a todas as instancias nacionais e internacionais precisas para evitar que o compañeiro teña que ingresar na cadea.

De igual maneira, o 12, 13 e 14 de novembro, datas nas que se celebrará o xuízo, realizaranse concentracións diante das dependencias da Audiencia Provincial (no edificio da antiga fábrica de Tabacos da Coruña), entre ás 09:30 ás 11:00 horas. Para facilitar o traslado poranse autobuses nos que as persoas interesadas poden anotarse chamando ao local da CIG de Ferrol.

Na comparecencia para os medios fíxose un chamamento á participación na manifestación do vindeiro martes, "porque estamos falando de defender a democracia, a liberdade e pedir a absolución para un compañeiro que o único que fixo foi participar nunha mobilización en demanda de solucións para esta comarca e dereitos para os traballadores e as traballadoras".

Pintos: de vítima a verdugo

Cómpre lembrar que o compañeiro Pintos se enfronta a un xuízo pola súa participación nunha mobilización que no ano 2012 convocaron traballadores/as de Navantia e Poligal en defensa do emprego e da industria na comarca, coincidindo co acto de inicio da campaña do PP ás eleccións autonómicas. A protesta desenvolveuse nun contexto de grave crise na comarca, cuns índices de perda de emprego alarmantes e mentres o PP, que entón ocupaba o goberno da Xunta e do estado, se dedicaba a aprobar medidas que afondaron no desmantelamento industrial, na consolidación da precariedade e a pobreza laboral e na perda de dereitos e liberdades fundamentais.

No marco daquela protesta, producíronse varias cargas policiais nas que o compañeiro Pintos (que daquela era co-secretario comarcal da CIG de Ferrol) foi golpeado, detido e trasladado á comisaría onde sufriu agresións e vexacións na súa condición de persoa, de sindicalista e polo seu pensamento nacionalista e de clase. Malia ser el o agredido, agora enfróntase a unha acusación de atentando pola que a Fiscalía lle pide dous anos de prisión e a acusación particular (un axente de policía) tres anos.

Pero pola contra, a Fiscalía non tivo en conta a denuncia presentada por Pintos por torturas ao considerar que só é a súa palabra, pois o resto dos/as axentes que contemplaron os feitos nin os impediron nin os denunciaron. A situación do compañeiro agrávase porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos, polo que, de saír unha sentenza condenatoria tería que entrar na cadea.

Xuízo a ex traballadores/as da empresa Oh Vigo

Mais o caso de Pintos non é o único. No resto do país hai máis compañeiras e compañeiras que terán que enfrontar xuízos por defender os seus dereitos e esixir unha condicións de vida dignas, como varios ex traballadores/as -entre eles/as o delegado de persoal, da CIG- da empresa Oh Vigo, que xestionaba a cafetaría do hospital Meixoeiro, aos que se lles piden penas de prisión e multas. Por iso, a CIG ten en marcha a campaña "Non hai represión que pare a loita obreira" baixo a que tamén convoca concentracións os días 28, 29 e 30 de outubro, ás 09:15h diante dos xulgados da cidade olívica, coincidindo co xuízo a estes compañeiros/as.

E mentres se persegue a quen defende os seus dereitos, nin os culpábeis da privatización dos servizos públicos nin os responsábeis empresariais e das administracións que permitiron o desfalco e o terrorismo patronal teñen que dar conta diante da xustiza.