Mantense a folga de ambulancias ante a ausencia de avances na xuntanza coa Administración

Pastoriza: “Non avanzamos nada, saímos da reunión como entramos”

Nacional -

Sindicatos e patronal do sector de ambulancias acudían esta mañá a unha reunión convocada polo Sergas e presidida polo Xerente do Sergas, o director do 061 e A presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Dúas horas de xuntanza nas que, segundo explicar o responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza “non houbo nada. Saímos como entramos”.

O único que adiantou o SERGAS foi que sacaría a licitación os novos contratos do 061 a altura de mediados ou finais de marzo. Uns contratos “que dixo que nos van gustar a todos” pero “o resto foi todo repetir o que estamos dicindo na mesa do convenio. Por iso marchamos de alí  tal e como entramos”.

Segundo explica Pastoriza a patronal segue manifestando que mentres non saiba como van ser os contratos e a súa dotación económica “vai seguir aportando cero ao convenio”. Algo que, segundo o representante da CIG “o SERGAS non pode dicir porque sería ilegal. Sería información privilexiada e hai outras patronais que poderían optar ao concurso e non terían esta información”.

Haberá folga mentres non haxa convenio

Por iso os representantes sindicais manifestaron que “nós non vimos aquí a arranxar os contratos, senón a negociar un convenio” e xa deixaron claro que a folga continuará mentres este non estea asinado.

De feito hoxe mesmo repetíronse as concentracións de traballadoras e traballadores de ambulancias en centros hospitalarios e se mantén un seguimento do 100% a pesar dos abusivos servizos mínimos denunciados.

Cómpre reiterar que a orixe do conflito foi un concurso dotado á baixa pola consellaría de Sanidade que entregou a concesión a empresas que presentaron propostas con baixas aínda máis temerarias. Empresas que intentaron garantir os seus beneficios pola vía de rebaixar as condicións laborais e salariais do persoal do sector e de eludir os seus compromisos respecto ao mantemento dos vehículos.

Con todo a folga, que entrará na súa terceira quenda na semana do 4 ao 10 de marzo e será indefinida a partir do día 20 de marzo, convócase logo de que a patronal propuxera, en mesa de negociación, unha rebaixa das condicións do convenio do 10%.  Unha proposta inadmisible cando o actual convenio leva caducado tres anos e os salarios están conxelados desde 2015.

Volver