A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia o despedimento disciplinario do delegado sindical da CIG en Maquisaba -empresa de construción de vías férreas con sede en Santa Comba (A Coruña)-, no medio dun grave conflito pola negativa da compañía a recoñecer os seus dereitos de representación e participación sindical, con relación ao accidente mortal que custou a vida de dous operarios na provincia de Lugo.
O despedimento produciuse o 10 de agosto, pouco despois despois de que o delegado sindical, en calidade de responsábel da sección sindical da CIG, reclamase formalmente a convocatoria urxente do comité de seguridade e saúde para analizar o accidente mortal ocorrido o 5 de agosto na A-6, no que faleceron dous traballadores de Maquisaba que viaxaban nun vehículo da empresa.
Na comunicación, pedía coñecer as circunstancias laborais e preventivas do accidente, a planificación do desprazamento, a xornada e descansos dos traballadores, o estado e a carga do vehículo, a documentación preventiva e a investigación realizada pola empresa, así como a preservación de gravacións, comunicacións, GPS, rexistros horarios e demais documentación que puidese contribuír ao esclarecemento dos feitos.
A CIG advertiu tamén de que, desde a constitución da actual representación sindical en 2023, o seu delegado sindical non fora nunca convocado ao comité de seguridade e saúde, ao que están obrigados por lei.
A empresa negou a existencia da sección sindical e os dereitos do delegado LOLS
Maquisaba respondeu ao escrito, o propio 7 de agosto, negando a existencia da sección sindical da CIG (constituida en setembro de 2023) e do seu delegado, os dereitos de participación e información reclamados.
Tres días máis tarde, uns 20 minutos despois de solicitarlle á empresa uso do crédito sindical precisamente en relación coa investigación do accidente dos seus compañeiros, a dirección de Maquisaba comunicoulle por correo electrónico o seu despedimento disciplinario.
A CIG impugnará o despedimento perante a xurisdición social e solicitará a súa nulidade por vulneración da liberdade sindical. Paralelamente, trasladaralle á Inspección de Traballo os incumprimentos relativos aos dereitos de participación sindical, funcionamento do somité de seguridade e saúde e as evidentes trabas de todo tipo que están á interpoñer á investigación do accidente mortal.
“Se a empresa descoñecía o que facían alí, hai aínda máis razóns para investigar”
A Fedeación de Construción e Maderia da CIG considera especialmente preocupante a versión que Maquisaba tería trasladado aos medios de comunicación sobre que descoñecía que facían os dous traballadores no lugar no que se produciu o accidente. Para a central sindical, esa afirmación, lonxe de aclarar o acontecido, abre novos interrogantes.
“Falamos de dous traballadores que circulaban nun vehículo de Maquisaba, durante un desprazamento vinculado aparentemente á súa actividade laboral e transportando presuntamente material de traballo perigoso, incluíndo combustíbeis e gases altamente explosivos. Se realmente a empresa afirma descoñecer por que estaban alí, terá que explicar quen lles deu as instrucións, cal era o seu destino, que traballo ían realizar, quen autorizou o vehículo e a carga e como se organizaban e controlaban os desprazamentos do persoal”, sinala a FCM-CIG.
Segundo os indicios publicados, foi precisamente a deflagración deses materiais volátiles, ocasionado polo impacto contra un vehículo de sinalización do equipo de mantemento de vías, a que tería ocasionado a morte dos dous traballadores.
A CIG púxose inmediatamente, a través da súa sección sindical, a disposición das familias das vítimas e da propia empresa para colaborar no esclarecemento dos feitos e a determinación de responsabilidades. Por iso mesmo “resulta aínda máis intolerábel que, consecuencia desta iniciativa, a resposta da empresa sexa negar os dereitos do delegado que reclamou o seu esclarecemento e, pouco despois, proceder ao seu despedimento”.
A FCM-CIG incide en que dous compañeiros perderon, polo que a prioridade debe ser coñecer exactamente que aconteceu, por que aconteceu e que medidas hai que adoptar para que non volva suceder. “Despedir o delegado sindical que está reclamando esa información non contribúe nin á transparencia nin á prevención”, conclúe a FCM-CIG.