Máis dunha vintena de marchas fúnebres e mobilizacións en defensa do ensino público galego na cuarta xornada de folga

Para a folga deste mércores día 17 está convocada unha manifestación nacional con saída no Parlamento e remate na Xunta
Nacional - 16 Dec 2025

O profesorado galego volveu dar unha lección dignidade, “esa que nos quixeron roubar coma os dereitos laborais pero que aínda nos queda e moita”, como rezaba o manifesto lido ao final das máis de 20 marchas fúnebres e mobilizacións que tiveron lugar espalladas por todo o país durante o cuarto día de folga neste trimestre. Durante as marchas, realizadas nas sete cidades e mais Monforte, O Vicedo, Viveiro, Sober, Negreira, Cangas, Bueu, Moaña, Redondela, Gondomar e Ponteareas, as persoas participantes, maioritariamente profesorado pero tamén membros de ANPA, familias e alumnado, vestían de negro e portaban simboloxía mortuoria.

Ademais, a falta de profesorado especialista e persoal auxiliar coidador para atender á diversidade, que se puxo de manifesto especialmente este curso con protestas protagonizadas polas ANPA; as ratios elevadas, sobre todo nas áreas urbanas e periurbanas; a precarización das condicións con cada vez maior número de contratos a media xornada e itinerantes até en tres centros diferentes, así como unha burocracia asfixiante que impide dedicar o tempo a preparar as clases, son algunha das demandas que levaron á convocatoria de tantos días de folga, que mañá chegarán ao quinto, algo insólito desde os anos 86/87 e 87/88 nos que se realizaron 12 e 20 convocatorias de folga respectivamente.

No manifesto, lido por representantes das organizacións convocantes CIG-Ensino e STEGA, facíase alusión ao inmobilismo da Consellaría de Educación, negándose a negociar directamente con quen representa a maioría do profesorado e está liderando estas mobilizacións.

“Sabemos que temos diante unha Consellaría refractaria a negociar, que só entende de imposicións e de propaganda. Pero sabemos tamén que temos a razón da nosa parte. Sabemos, porque a padecemos día a día, que a realidade dentro dun colexio, dun instituto ou dun centro educativo é a impotencia de non poder atender o noso alumnado como precisa tanto no plano académico como emocional", salientouse. 

Falta persoal coidador, faltan especialistas na atención á diversidade, faltan orientadores e orientadoras, faltan docentes para facer desdobres, falta oferta pública, falta profesorado especialista nas súas materias... Faltan moitas cousas e sobran outras. Sobra burocracia, sobra propaganda, sobran recortes, sobra autoritarismo e sobran motivos para continuar esta loita mentres non vexamos melloras reais”, indicaba.

Enterro do ensino público este mércores en San Caetano

Na xornada tamén se fixo un repaso do que significaron estes meses de curso e a folla de ruta a seguir. “O noso malestar saíu das paredes dos patios, das salas de profesorado e das aulas e a loita que construímos entre todos e todas, porque a verdadeira unidade é esta, a de docentes que comparten unhas reivindicacións xustas, non pode ficar aquí. Temos que seguir” -continuaba o texto-.

“A administración xoga ao desgaste, a dividir, a culpabilizar o profesorado . Pero nós temos a forza da razón e a razón da forza”. Neste sentido alertábase de que a Consellaría está moi pendente do seguimento destas protestas, “que lle molestan e que fixeron que reaccione dado que está negociando por detrás, deixando á maioría sindical de lado, cuestións relativas á recuperación do horario lectivo para secundaria e outras ensinanzas e á baixada de ratios”.

“Sen estas mobilizacións nada disto estaría pasando despois de dous anos de parálise do acordo asinado por Rueda e unha minoría sindical. Por iso, sabendo que estamos realizando moitos sacrificios, pedímosvos que mañá volvades a Compostela ás 11 e media da mañá co mesmo alento”, solicitaron.

Trátase da manifestación organizada a modo de enterro do ensino público galego, “que as políticas da Consellaría está deixando que morra e non precisamente de forma lenta”, que unirá o edificio onde estes días se aprobaron os Orzamentos da Xunta para 2026 coa sede da Consellaría de Educación, en San Caetano.

Nesta procesión fúnebre está previsto que haxa cadaleitos, velas, música solemne e diverso atrezo mortuorio para chamar a atención da sociedade e visitantes da capital de Galiza sobre a situación dun dos servizos públicos máis esenciais, a educación.