Margarida Corral, secretaria das Mulleres: “Os traballos feminizados seguen sendo sinónimo de oficios precarios”

O 35,9% dos contratos a nome de mulleres duraron menos dunha semana en 2019

Nacional -

O retrato da muller traballadora en Galiza ben podería ser: asalariada no sector servizos, cun salario situado no tramo dos máis baixos e responsábel, ademais, do coidado de menores ou persoas dependentes. Así se desprende dos datos da Enquisa Estrutural a Fogares e dos datos de ingresos por salarios da Axencia Tributaria analizados no “Informe da situación sociolaboral das mulleres en Galiza. 2019” elaborado polo Gabinete de Economía da CIG e que foi presentado esta mañá en rolda de prensa.

O estudo constata ademais que son as mulleres as que se responsabilizan dos coidados. Tal é así que segundo explicou a responsábel do gabinete, Natividade López Gromaz, o 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en Galiza son mulleres, como tamén o son o 77% das persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos.

Pero é que ademais o 91,6% das persoas que se acolleron a unha excedencia por coidado de fillos ou fillas foron mulleres, ao igual que o 71,2% das persoas que reduciron ou suprimiron traballo remunerado por coidado de dependentes.

E non só iso, o 77,3% das excedencias por coidado de dependentes colléronas mulleres que tamén foron, nun 56%, as que utilizaron flexibilización horaria para conciliar.

Invisíbeis e precarias

Ante estes datos que evidencian de forma abrumadora que as mulleres seguen a responsabilizarse dos traballos de coidados, a secretaría das Mulleres da CIG acordou centrar a campaña do 8 de marzo deste ano precisamente nesta cuestión, baixo o lema “Invisíbeis e Precarias. Pola valorización dos traballos de coidados”.

Así o explicou a secretaria das Mulleres, Margarida Corral Sánchez, que denunciou que no actual mercado de traballo, , nos que, ademais “se perciben os peores salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais, dereitos laborais non recoñecidos, acoso, agresións e precariedade”. Isto sen esquecer a “invisibilidade dos labores de coidados, e de todo ese tempo de traballo realizado de balde, principalmente polas mulleres, pero do que se beneficia o resto da sociedade”.

Por iso considerou urxente dar unha resposta á “violencia simbólica” que supón a “sobreexplotación abnegada das mulleres”. Unha situación para a que cómpre “abordar a desigualdade socioeconómica e política que existe” e “transformar estes mandatos culturais de xénero que funcionan como coaccións sociais”.

Corral demandou, por iso, servizos de atención que os fogares non poden satisfacer. Asegurou que “o coidado prestado nos fogares é moito maior que o prestado polas institucións públicas ou privadas” e chamou a “socializar os coidados” considerando que debe ser “un compromiso colectivo” e unha “responsabilidade na que a sociedade debe participar solidariamente”.

Ademais denunciou que o traballo reprodutivo, doméstico e de coidados que realizan de forma moi maioritaria as mulleres é “constantemente desvalorizado” polo capitalismo, porque “se tivese que pagar polo valor real que teñen estes traballos, non podería seguir acumulando bens”.

Actos previstos arredor da campaña do 8 de Marzo

A secretaria das mulleres anunciou a celebración da VI Encontro Nacional de Delegadas, que terá lugar o vindeiro día 4 de marzo no Cersia, en Santiago de Compostela, a cuxo remate as asistentes sairán en manifestación cara o edificio administrativo da Xunta de Galiza para denunciar a responsabilidade do goberno galego como “culpábeis da precarización de milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados”.

Acusou directamente “a todo o sistema que, baixo o eufemismo do benestar, escraviza deliberadamente as mulleres, convertendo a miseria de moitas en cartos para uns poucos” e denunciou o desmantelamento de empregos de calidade que deberían ser públicos para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día ou residencias da terceira idade, entre outros.

Xunto a isto chamou a participar masivamente nas mobilizacións convocadas pola Asemblea Galegas8m, tanto o domingo 1 de marzo en Verín, como na morea de mobilizacións previstas para a xornada do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, en toda Galiza.

En todo caso matizou que a CIG continuará con esta campaña para exixir aos gobernos galego e do Estado  a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar “universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público”.

Canda isto demandou o recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social; salarios dignos e axeitados ao grao de responsabilidade que exixe o traballo de coidades e accións formativas específicas para o desempeño dos postos, garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais, recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de traballo, establecendo medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividdae.

Máis precarias e peor pagadas

Respecto dos datos da situación sociolaboral das mulleres en Galiza, Natividade López sinalou que unha asalariada cobrou un 78,6% do salario dun home en 2018. Unha ínfima redución da fenda salarial, que atribuíu “non ao medre dos salarios das mulleres, senón ao empeoramento dos salarios dos homes”.

Neste sentido denunciou que as mulleres teñen moito máis peso no tramo de salarios máis baixos e que, de feito, o 19,1% das asalariadas en Galiza tiveron ingresos inferiores aos 2.197€. Explicou que, segundo a Axencia Tributaria, no ano 2018 declararon ingresos procedentes do traballo, 495.851 mulleres e 549.671 homes; é dicir, do total de declarantes, o 47,4% eran mulleres e o 52,6% homes mais “cando desagregamos as persoas asalariadas por tramos de ingresos e sexo, vemos que nos tramos de menores ingresos é maior o peso das mulleres, pero, a medida que van medrando os ingresos medios, o peso das mulleres vai descendendo ata que no último tramo -o de ingresos superiores a 10 veces o SMI- o peso das mulleres se reduce a só 18,3%”.

*O gráfico é moi ilustrativo: ata ingresos inferiores a 1,5 veces o SMI, o peso das mulleres é moi superior; de media hai un 15% máis de mulleres que de homes. A partir deste intervalo de ingresos, a porcentaxe de homes supera amplamente a de mulleres (de media 20 puntos), ata xa no tramo superior –máis de 10 veces o SMI-, en que a diferenza é de 60 puntos porcentuais.

Ademais sinalou que a maioría das ocupadas (o 84,5%) estiveron traballando nalgunha rama do sector Servizos en 2019, fronte o 59% dos homes (25 puntos de diferenza) e que “onde máis medrou a ocupación foi nas remas relacionadas cos coidados, onde os ingresos son menores”.

Xunto a isto apuntou que o 22,4% das mulleres ocupadas en Galiza traballaban a tempo parcial (117.000) e que, porén apenas teñen xornadas parciais os homes, o 6,7%. Neste sentido subliñou que “no último ano entre as mulleres creáronse o dobre de empregos a tempo parcial que a tempo completo” e que as mulleres acceden a este tipo de xornada “non porque a escolleran, senón porque a maioría non tiveron outra opción”.

Ademais denunciou que o 35,9% dos contratos rexistrados a nome de mulleres duraron menos dunha semana en 2019; que se perderon mulleres activas pero que o máis preocupante foi a perda que se deu fundamentalmente entre as novas.

López Gromaz concluíu o seu percorrido polos datos constatando que a precaridade que padecen as mulleres ao longo da súa vida laboral tradúcese despois nas pensións de xubilación nunha fenda de xénero aínda máis profunda, do 36,7%.

Volver