Mario Maceiras elixido novo secretario comarcal da CIG-Construción e Madeira da Coruña

No proceso tamén se renovou a Executiva comarcal da Federación
A Coruña - 21 Dec 2017

A VII Asemblea da Federación de Construción e Madeira (FCM) da Coruña elixiu este xoves a Mario Maceiras Dosil como novo secretario comarcal, dando así o relevo a Vitorino Ares Prado. No proceso renovouse tamén a Executiva comarcal da FCM e propuxéronse os/as representantes nas dirección comarcal da CIG da Coruña e na nacional da Federación.

A candidatura de Maceiras, a única presentada para a Secretaría comarcal e tamén foi a única que concorreu á Executiva, organismo que sufre unha renovación practicamente total, e queda configurado do seguinte xeito:

1.- Mario Maceiras Dosil
2.- Salvador González Fernández
3.- Silvia Rodríguez Naya
4.- Xabier Espasandín García
5.- José Antonio Coto Seoane

Loitar contra a desregulación do sector

Tas a proclamación de resultados, o novo secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da Coruña quixo agradecer o apoio amosado ao proxecto sindical que representa a CIG, pedindo o compromiso da base da afiliación e dos/as delegados/as nesta nova etapa, "tendo en conta que nos enfrontamos a unha situación de empobrecemento no sector e rebaixa das condicións laborais, derivado do auxe das obras de tendas, contra o que a central sindical leva meses actuando".

Advertiu Maceiras que esta nova realidade, que afecta a centos de empresas e miles de traballadores/as, está a arrastrar ao conxunto do sector, levándoo á desregulación. Este contexto, engade, vese particularmente agravado pola ofensiva recentralizadora "que agora xa sen reparos están a levar a cabo as patronais, coa cooperación necesaria de UGT e CCOO".

Este proceso levou ao feito inédito de que a patronal estatal impugnara o convenio provincial da construción aprobado en Pontevedra "ou a que este mesmo mércores, patronal e sindicatos españois decidiran aplicar literalmente o asinado en Madrid no convenio da construción da Coruña, privando ao conxunto dos traballadores e traballadoras da provincia da posibilidade de negociar sequera melloras nas súas condicións laborais".

Mario Maceiras xa adiantou que esta vaga recentralizadora vai ser contestada dende a Federación "coa máxima contundencia e en defensa do marco de negociación galego, por ser o máis transparente, limpo e próximo ao conxunto da clase traballadora".

Recoñecemento do labor de Vitorino Ares

A asemblea tamén serviu como emotivo acto de recoñecemento ao traballo realizado á fronte da Federación nestes últimos 16 anos polo histórico compañeiro Vitorino Ares Prado, quen fixo posíbel "que hoxe dispoñamos dunha Federación de Construción útil e referencial para os traballadores e traballadoras e que, por primeira vez, se converteu en primeira forza nas eleccións sindicais".