Maroto e Feijoo visitan a fábrica de San Cibrao sen achegar solucións malia a "situación de emerxencia" que vive A Mariña

A ministra confirma que non haberá estatuto até que se constitúa o futuro goberno español
San Cibrao - 08 Out 2019

O comité de Alcoa San Cibrao mantivo este martes unha reunión coa ministra de Industria, Reyes Maroto, e o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feijoo, para trasladar de primeira man a situación crítica que atravesa fábrica de aluminio da Mariña e ao tempo esixir solucións urxentes e definitivas á crise que vive a industria electrointensiva. Solucións que pasan polo establecemento dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e competitiva que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias con grandes consumos eléctricos.

Nese encontro, dende o comité, explica o seu presidente e delegado da CIG, Xosé Paleo, pedíuselle á ministra que informara do contido exacto do estatuto do consumidor electrointensivo e a materialización inmediata dun marco tarifario estábel "que nos poña en igualdade de condicións coas demais industrias do aluminio europeas". Cómpre lembrar que o Goberno do PSOE se comprometera a ter listo o documento antes das eleccións xerais do 28 de abril, mais a día de hoxe, nada se avanzou malia que a situación no conxunto do sector en Galiza segue a ser de máxima urxencia.

Porén, a reunión deste martes non xerou ningunha tranquilidade entre o cadro de persoal, pois Reyes Maroto non quixo desvelar o contido do estatuto e insistiu en que a súa aprobación queda para despois das eleccións de novembro, unha vez estea constituído o próximo Executivo. Pola súa banda, o presidente da Xunta mantívose no seu papel habitual, descargando responsabilidades no goberno estatal mais sen achegar solucións.

Dous mil empregos directos

Paleo subliña que sen un prezo da enerxía competitivo será moi difícil garantir a viabilidade e a continuidade do complexo de San Cibrao, do que dependen dous mil empregos directos e que leva sendo o motor económico da comarca durante os últimos 40 anos. De feito, a dirección da empresa volveu manifestar que cos actuais prezos da enerxía, a produción de aluminio no Estado español é inviábel.

A este respecto, a representación social reclama dos gobernos que lle esixan á multinacional norteamericana que reinicie a actividade nas cubas paradas, que cese nos seus intentos de reducir a produción, e presente un plan de garantías (que contemple medidas de emprego, investimentos e permanencia) ligado á solución enerxética.

Pago do CO2 e nova poxa

Na reunión tamén se pediu se acelerar o pago do CO2 licitado e ampliar este ao máximo permitido pola Unión Europea; así como clarificar cando e en que condicións sairá a poxa de interrompibilidade. A titular de Industria confirmou que a próxima semana se aprobará en consello de ministros/as a ampliación do crédito para abonar a compensación por CO2 ao máximo permitido pola UE, para as empresas que o solicitaron. "A partir dese momento comezarase cos pagos que, informou, se farán efectivos antes de final de ano", sinala Paleo.

De igual xeito, a ministra manifestou que se ten solicitado unha nova poxa de interrompibilidade para o 2020 en condicións idénticas á do segundo semestre de 2019, prórroga que se está negociando coa UE. A CIG leva anos denunciando que que esta poxa é unha auténtica ruleta rusa e a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector. As negativas consecuencias deste sistema víronse ademais agravadas nas últimas convocatorias ao dárselle carácter semestral e ao empeorarse as condicións coa redución dos bloques e das contías.

Finalmente, confirmouse a mesa de seguimento da que se concretará a data da primeira reunión ao longo desta semana e na que, segundo asegurou Maroto, desvelará o contido do estatuto.

Paleo reitera que é responsabilidade da Administración española e da galega garantir a viabilidade do tecido produtivo e dunha industria que ten futuro como a do aluminio. Lembrou que dende xullo Alcoa reduciu a súa produción en San Cibrao nun 11% e que a comarca da Mariña "non pode permitirse perder unha industria como esta".

Mobilización este mércores no Concello de Xove

Así as cousas, o persoal continuará adiante co calendario de mobilización acordado e para este mércores, 9 de outubro, está convocada unha concentración diante da Praza do Concello de Xove, ás 20:30 horas.