Martes reivindicativo no ensino público: peches hoxe en Cee e Lalín e e segundo martes en loita nos centros

Nacional - 03 Feb 2026

O profesorado galego volve protagonizar este martes unha nova xornada reivindicativa. Por volta das seis da tarde inciáronse peches no IES Agra de Raíces de Cee e no Laxeiro de Lalín despois de que a semana pasada xa se realizaran outros 9 encerros deste tipo como unha medida para descentralizar o conflito laboral docente a todas as comarcas e localidades do país.

No caso da Costa da Morte, este curso foron moitas as queixas de profesorado e ANPA pola falta de persoal para atender á diversidade nos colexios de infantil e primaria e nas últimas semanas intensificáronse as denuncias da situación precaria das instalacións do IES Fernando Blanco, do CEIP Labarta Pose, do CPI de Zas e do IES Eduardo Pondal, entre outros.

Polo que respecta á comarca do Deza as problemáticas que afectan aos seus centros son comúns ás do resto de Galiza. Por un lado, os centros do rural ven como a diminución de alumnado leva ao agrupamento de distintos niveis educativos, co que iso supón de perda de calidade e de redución da oferta formativa e, por outro, nos institutos e colexios das vilas hai aulas con ratios avultadas, un número moi elevado de estudantado por docente e pouca oferta en comparación coas grandes cidades sobre todo en optativas de secundaria e bacharelato e en ciclos de FP.

Nestes dous encerros están a participar máis de un cento de docentes. Este mércores día 4, a partir das 6 da tarde está previsto que teñan lugar outros dous en Lugo, no Instituto de Educación  Secundaria Nosa Señora dos Ollos Grandes e en Cangas, no IES de Rodeira. O xoves realizaranse os tres últimos, polo de agora, en Rianxo, no IES Félix Muriel; en Carballo, no CRA Ponte da Pedra e en Ponteareas, no IES Val do Tea.

Martes en loita

Por outra banda, hoxe foi o segundo día no que tivo lugar esta acción consistente na visibilización nos propios centros de ensino das necesidades máis urxentes que ten o sistema educativo galego para ofrecer un servizo público de calidade. “Martes en loita” bebe do que xa viñan facendo algúns centros desde comezos de curso, e tamén algunhas ANPA.

Consiste en que o profesorado vista de negro ou con mensaxes reivindicativas para chamar a atención de alumnado e das familias sobre os problemas para atender correctamente todas as necesidades que hai nas aulas, a excesiva burocratización do ensino ou a falta de negociación e de interlocución coa Consellaría en aspectos chave para o bo funcionamento do sistema educativo.

O vindeiro martes, a CIG-Ensino chama a que esta acción se visibilice conxuntamente en toda Galiza coa organización de concentracións en todos os centros e a súa difusión a través das redes sociais e dos medios de comunicación locais.