Masivo seguimento na primeira xornada de folga convocada en VITRASA

O comité anuncia que impugnará o número de buses que a empresa obrigou a circular
Vigo - 03 Ago 2021

O comité de empresa de VITRASA cualifica de “masivo” o seguimento da primeira xornada de folga, á que se sumou todo o persoal agás os servizos mínimos. A este respecto, o seu presidente, Imanol Arnoso, anuncia que impugnarán o número de autobuses que a empresa obrigou a cubrir o servizo. Lembra que nunha xornada normal circulan 94 autobuses, que o concello decretou uns servizos mínimos do 50%, o que implicaría que saíran só 47 autobuses, pero que VITRASA obrigou a saír a 52 vehículos.

Arnoso salienta ademais a elevada participación na concentración convocada ás portas da empresa, onde chegaron a sumarse preto de 90 traballadores/as malia haber moito persoal de vacacións ou de baixa por IT.

O presidente do comité explica que o persoal acordou en asemblea convocar estas xornadas de folga –están previstas novas convocatorias para o venres día 6, o sábado 7 e o domingo 8 de agosto- para denunciar os incumprimentos do convenio por parte de VITRASA, ademais de demandar melloras nas súas condicións laborais.

Neste sentido denuncian xornadas interminables que chegan a ser de até 10 horas seguidas de condución, falta de descanso dentro da propia xornada, situacións de estrés estremo ao volante, a negativa da dirección a negociar un convenio caducado e mesmo dous atrasos no abono das nóminas nos últimos seis meses. Atrasos dos que VITRASA responsabiliza ao concello de Vigo.

Incumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo

Imanol Arnoso sinala que precisamente por estas cuestións presentaran denuncia diante da Inspección que deu a VITRASA un prazo máximo até setembro do pasado ano para darlle unha solución. A empresa non acatou nin este prazo nin atendeu os requirimentos da Inspección. “Consideramos que podiamos incluír estes temas na mesa de negociación do novo convenio, pero tamén aí se negou a empresa”.

Lembra que o anterior convenio remataba en decembro e que cando se puxeron todas estas demandas sobre a mesa a empresa rexeitou sequera falar de nada que supuxera un incremento económico. “Nin sequera atendeu a demanda de taquillas que solicitabamos para o persoal de condución”. Unha petición que denegou mesmo diante da propia Inspección de Traballo.

O comité insiste en que as súas demandas son todas de carácter social e exixe que se aborden e inclúan no novo convenio, que ten que ser negociado xa.

Inmobilismo do concello

O comité denuncia o inmobilismo do concello de Vigo diante dos incumprimentos reiterados por parte da empresa "como son o impago dos salarios ou dar un servizo deficiente que deixa pasaxeiros/as nas paradas a pesar de ter autobuses parados nas cocheiras". Incumprimentos aos que o Concello, "como adxudicador da concesión, debería requirir que se dea unha solución inmediata".

Denuncia ademais a falta de resposta do seu alcalde, Abel Caballero, á súa solicitude dunha xuntanza pola que aínda agardan.