A dirección de McDonald’s en Vilagarcía deu marcha atrás finalmente na súa pretensión de modificar o calendario laboral pactado para 2026 e ampliar a hora de peche até as 4:30 horas durante o verán, superando o establecido pola normativa galega. Con todo, a CIG anuncia que convocará novas mobilizacións no caso de que empresa de comida rápida non cumpra o acordado e non incorpore medidas para garantir a seguridade do persoal na quenda de noite.
Dende a CIG do Salnés amosan a súa satisfacción despois de que McDonal’s recuase e manteña o calendario laboral para 2026, asegurando que só fará grupos de novos horarios se previamente as persoas traballadoras se anotan de xeito voluntario antes deste venres. Mais o cadro de persoal manifestou en asemblea que só aceptaría esta posibilidade no caso de que se melloraran as condicións laborais actuais por riba do convenio colectivo.
A empresa confirmará nuns días se acepta as propostas de melloras laborais
Na central sindical explican que nuns días a empresa confirmará se acepta as propostas de melloras laborais para garantir a protección da seguridade laboral nas quendas de noite, ao tempo que anuncian que retomarán as protestas nas vindeiras semanas se a compañía non cumpre o acordado e non incorpora as medidas que se puxeron sobre a mesa na xuntanza celebrada hoxe.