Medio Rural aplica descontos nas nóminas do persoal do SPIF en represalia pola folga

Os sindicatos denunciarán no xulgado esta ilegalidade "para amedrentar e desmobilizar”
Nacional - 31 Ago 2020

A Consellería do Medio Rural vén de aplicar descontos ilegais nas nóminas do persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) coa finalidade de “amedrentar e desmobilizar” o persoal que está a secundar a folga indefinida convocada para reclamar un novo acordo que mellore as condicións laborais. As centrais e o comité de fola denunciarán no xulgado o que consideran unha vulneración de dereitos fundamentais.

Dende a CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian que se trata dunha represalia polo “éxito” da folga convocada e secundada de “forma maioritaria” polo persoal técnico do SPIF dende o 1 de agosto, xa que Medio Rural aplica descontos salariais “ilegais” nos días en que os traballadores/as prestan servizos en cumprimento dos servizos mínimos. 

As centrais reclamarán xudicialmente o cese inmediato desta actuación e a reposición íntegra das cantidades retidas de xeito ilegal

As centrais sinalan que a pesares do estrito cumprimento dos servizos mínimos estipulados pola Administración, “o que dan fe da máxima responsabilidade e compromiso do colectivo co servizo público de prevención e extinción de incendios”, a Consellaría decidiu, “nun claro acto de mala fe”, coaccionar os traballadores/as aplicando “descontos ilegais” nos días de traballo por servizos mínimos, “incumprindo a normativa vixente e tentando de forma ilegal impedir o exercicio do dereito a folga”.

Por iso cualifican esta actuación como “antidemocrática, antisindical e contraria aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas”. Ao mesmo tempo, lamentan que o departamento autonómico continúe a desoír os permanentes chamados ao diálogo feitos dende as organizacións sindicais “e non faga máis que aumentar a crispación dun colectivo que leva máis de 27 meses reclamándolle que sente a negociar”.

Deste xeito, tanto as centrais como o comité de folga do persoal técnico forestal anuncian que presentarán a correspondente demanda xudicial por vulneración grave de dereitos fundamentais, “reclamando na mesma o cese inmediato desta actuación e a reposición íntegra das cantidades retidas de xeito ilegal”.