“Coasa, menos subvencións e máis conciliación!”

A CIG-Industria de Ourense protesta nos Xulgados coincidindo co xuízo contra a empresa aeronáutica
Ourense - 29 Nov 2018

Arredor de medio cento de traballadores/as e delegados/as da CIG-Industria de Ourense desenvolveron hoxe unha concentración diante dos Xulgados coincidindo co xuízo contra a compañía Coasa por terlle denegado a unha empregada a posibilidade de traballar sempre na quenda de mañá, impedindo deste xeito conciliar a vida laboral e familiar.

A afectada, delegada da sección sindical da CIG na empresa do sector da aeronáutica con sede no Parque Tecnolóxico ourensán, fixo a solicitude despois de xustificar debidamente a necesidade de acollerse á quenda de mañá para poder coidar as súas fillas xa que o seu compañeiro traballa fóra do país. “Mais na xuntanza mantida coa dirección a única saída que lle deron foi que que contratase a alguén para que se encargue do coidado das nenas”.

Neste senso, denuncian que o dereito a conciliar non pode quedar unicamente nunha declaración de intencións e censuran que a empresa pense que con permitir reducións de xornada xa garante este dereito, “cando é máis que evidente que traballando a tres quendas é imposíbel coidar as crianzas”.

Diante disto, agardan que a loita iniciada por esta traballadora co apoio da CIG abra o camiño para o resto de compañeiros/as, que hoxe quixeron trasladarlle a súa solidariedade participando na mobilización que se desenvolveu ás portas do edificio xudicial e na que se berraron consignas como “Menos subvencións e máis conciliación” ou “Coasa, escoita, a CIG está en loita”.

A protesta, na que participaron o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, e os representantes da central en Coasa, comezou 45 minutos antes do inicio dun xuízo que se celebrou no Xulgado do Social número a partir das 11:45 horas e que quedou visto para sentenza. Dende a central amósanse optimistas con respecto a unha decisión xudicial que se coñecerá proximamente.