Merkel e a falsa lenda do milagre económico alemán

Sergi Cutillas -

A doutrina económica de Merkel e Schäuble é a herdanza e a suma de todas estas mentiras e terxiversacións, que permiten que a economía alemá domine de forma predatoria o resto de estados en Europa, sendo isto agravado ademais por un discurso moralista e de superioridade nacional, e para algúns extremistas e mesmo étnica

Alemaña gozou de niveis de crecemento altos malia a súa obsesión co déficit cero, grazas a que se dedicou a realizar dumping salarial cos seus socios desde os anos 50, depreciando a súa economía e favorecendo así o seu sector exportador.

 Esa cultura da estabilidade alemá é unha constelación de crenzas sobre o funcionamento da macroeconomía que foron promovidas pola maquinaria de propaganda do Estado alemán. Este modelo económico, tamén chamado modelo social de mercado, estableceuse sobre unha serie de mentiras. A historia económica alemá aplicada para manter en pé tal cultura é falsa, aínda que moi popular, xa que a grandes liñas encaixa ben cos programas culturais de submisión e obediencia propios de réximes cristiáns, capitalistas e mesmo imperiais, como no caso alemán.

 Como toda mitoloxía fantástica, a alemá ten os seus propios deuses, fazañas, heroes, demos e, sobre todo, o seu propio fervor relixioso. O principal heroe de tal mitoloxía fantástica é o Bundesbank, o banco central alemán. Jacques Delors describiu ben os sentimentos alemáns respecto ao banco cando afirmaba que “non todos os alemáns cren en Deus, pero todos cren no Bundesbank”.

 O Bundesbank é o gardián do alicerce que mantén en pé a orde alemá: a estabilidade de prezos. Un gardián que protexe o pobo do seu principal demo: a hiperinflación. A lenda di que ese demo apareceu dúas veces nunha mesma xeración e levou o país á desfeita. Tamén conta que ese gardián foi un fiel protector da nación alemá, grazas a que foi independente e estivo fóra do alcance das baixas paixóns gastosas dos Gobernos. Ante a forza desta mitoloxía, é importante comparala coa historia real da económica alemá.

 En realidade, a historia alemá da primeira metade do século XX é simétrica respecto das crises de prezos: Alemaña viviu unha hiperinflación grave, en 1922 e 1923, e posteriormente pasou por un período de deflación durante a Gran Depresión, de 1929 a 1933. Como nos conta Jörg Bibow, non houbo unha segunda hiperinflación entre 1950 e 1951, senón un proceso inflacionario propio dun compromiso redistributivo do goberno de Adenauer na Alemaña Federal, nun contexto de devastación material e humana. A versión que calou é que Alemaña só pasou pola calamidade e a desorde da hiperinflación.

 Para entender o outro mito, a independencia do Bundesbank, cómpre explicar que o seu antecesor nos anos de entreguerras, o Reichsbank, era de feito un banco independente, o que significa que a hiperinflación da República de Weimar, así como a deflación da Gran Depresión, sucederon baixo o seu mandato e xestión.

 Isto debería demostrar que un banco central independente non é garantía de nada. Os bancos centrais controlados democraticamente non xeran maiores niveis de inflación, nin tampouco menor credibilidade política fronte ao resto de axentes económicos. De feito, actualmente, é a era dos bancos centrais independentes do poder democrático, pero non do poder económico privado, e xa vimos cal foi o resultado coa crise iniciada en 2007.

 Continuando coa lenda, o Bundesbank é o antecesor do Bank deutscher Länder (BdL), establecido polos aliados en marzo de 1948. Este banco beneficiouse das medidas de investimento e de gasto postas en marcha para iniciar a reconstrución. Aquilo pasou a chamarse o “milagre alemán”, gañando unha reputación que nada tiña que ver coa súa política monetaria. Até 1951, o banco estivo baixo o control das forzas de ocupación aliadas. As forzas políticas alemás opoñíanse firmemente a que fose independente, e o pai do modelo económico alemán, o ordoliberal e líder da Escola de Friburgo, Walter Eucken, opúxose firmemente a que este fose independente, feito que a lenda non recolle. Foi a influencia estadounidense a que fixo que finalmente o Bundesbank continuase a ser un banco independente logo da súa constitución en 1957.

 As fazañas do ordoliberalismo alemán son outro mito importante. O neoliberalismo xermánico está baseado teoricamente no ordoliberalismo, unha corrente que afirma que o mercado é unha obra de arte e un produto da civilización, a diferenza dos neoliberais anglosaxóns e austríacos, que defenden que forma parte da natureza máis primase do ser humano. A principal sorte do ordoliberalismo foi a súa asociación co fervente defensor do mercado Ludwig Erhard, ministro de asuntos económicos no primeiro goberno federal de Adenauer e pai do “milagre alemán”. Porén, a lenda de Erhard e o seu milagre non relatan os enormes estímulos externos que supuxeron o programa ‘Government Aid and Relief in Occupied Areas’, nin o Plan Marshall (1948-52), nin a redución por parte dos aliados do 50% da débeda externa alemá na Conferencia de Londres en 1952. Tampouco menciona que se beneficiou da gran necesidade dos seus veciños europeos, que tamén iniciaban a súa reconstrución despois da guerra, de importar maquinaria, na cal a economía alemá estaba especializada.

 Na cultura da estabilidade tamén hai un lugar para o medo á débeda. Da mesma forma que coa hiperinflación, Alemaña sofre un medo ao déficit e ao endebedamento. A humillación e abuso orixinados polo tratado de Versailles, e a urxencia do réxime nazi, son dous feitos que están conectados causalmente no imaxinario popular alemán. Porén, de novo, como coa inflación, a lenda popular omite que Alemaña pasou por experiencias simétricas en relación á débeda. Na primeira foi maltratada pola Entente, en especial por Francia, que derrotou a Alemaña na Primeira Guerra Mundial e impúxolle severas cargas financeiras que acabaron por arruinala. Así e todo, a Alemaña Federal tamén se beneficiou dun trato de favor por parte dos aliados ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, polo que a lección experimentada nas súas propias carnes debería ser que as políticas económicas flexíbeis aplicadas aos países debedores poden ser máis beneficiosas para o propio país que políticas agresivamente usureiras. Nin o goberno nin a maioría do pobo alemán parecen poder tirar tales conclusións e intentar aplicalas ao caso actual de Grecia e o resto de países da periferia europea.

 Finalmente, cómpre referirse á obsesión anti-keynesiana que se opón a calquera papel da política fiscal nunha recesión. A lenda alemá di que a economía crece grazas á credibilidade e a estabilidade da economía, e a robustez da súa moeda. Iso require que non se realicen políticas fiscais expansivas que poidan xerar inflación e debilitar o valor da moeda. Xa que logo, segundo esta lenda, a austeridade, a contención no gasto e nos salarios xeran crecemento. Esta explicación agocha que en realidade Alemaña baseou o seu crecemento nas exportacións, e nunha balanza comercial permanentemente positiva desde hai décadas.   

 Un país só pode ter a balanza fiscal equilibrada permanentemente se o sector exterior substitúe a función expansiva do sector público en momentos en que o sector privado doméstico non actúa de motor. Se ningún sector, nin o público nin o exterior, asumisen o papel dinamizador en momentos de recesión, a economía colapsaría. En Alemaña, porén, este feito óbviase flagrantemente. De feito na actualidade o goberno alemán predica o “cero negro”, ou sexa o déficit cero permanente, que incorporou na súa lexislación e tamén aos tratados europeos, estendendo a tolemia acientífica da austeridade a toda Europa. A súa economía converteuse nunha anomalía histórica de capitalismo: o sector público mantense en equilibrio fiscal, o sector empresarial é aforrador neto e tamén o son os fogares. Todo o dinamismo recae sobre o sector exterior, o cal contribúe con aproximadamente do 9% do PIB co correspondente enorme superávit comercial. Este recorrente e gran superávit é a orixe das crises de débeda nos estados periféricos da eurozona. É moi relevante entender que as balanzas comerciais no mundo suman cero, polo que se uns países teñen balanzas positivas outros deben telas negativas. Crear un relato de superioridade moral da nación alemá arredor das súas balanzas comerciais é un tema enormemente tramposo e perigosamente narcisista. Non todas as nacións poden ser exportadoras, é contabelmente imposíbel.

 Alemaña gozou de niveis de crecemento altos malia a súa obsesión co déficit cero, grazas a que se dedicou a realizar dumping salarial cos seus socios desde os anos 50, depreciando a súa economía e favorecendo así o seu sector exportador. O seu comportamento político provocou numerosos problemas macroeconómicos de gran escala, entre os cales están as tensións que contribuíron a acabar co sistema de Bretton Woods, numerosas crises dentro do Sistema Monetario Europeo, entre as que está a que provocou o abandono do keynesianismo en Francia en 1983 e o xiro de rigor de Mitterrand, que supuxo a implantación total da doutrina económica neoliberal en Europa e o abandono do keynesianismo. Tamén foi responsábel da creación defectuosa do euro, e a súa actuación durante e despois da súa posta en funcionamento, realizando reformas para conter os salarios e impoñendo austeridade en Alemaña e en Europa, levounos á crise do euro e á súa prolongación respectivamente.

 A doutrina económica de Merkel e Schäuble é a herdanza e a suma de todas estas mentiras e terxiversacións, que permiten que a economía alemá domine de forma predatoria o resto de estados en Europa, sendo isto agravado ademais por un discurso moralista e de superioridade nacional, e para algúns extremistas e mesmo étnica. Nestas circunstancias os estados membros da Eurozona deben decidir sobre as súas opcións estratéxicas para saír do xugo económico alemán: a primeira opción é modificar a mitoloxía económica alemá loitando para que en Alemaña se recuperen as nocións básicas de macroeconomía do último século; a segunda opción é asimilar como propia a mitoloxía falaz alemá, centrada na austeridade e en como as rebaixas salariais e o mercado farán que as nosas condicións de vida melloren, cruzando os dedos para ser do restrinxido club de Estados cunha balanza comercial positiva; e a terceira é perseguir a consecución de maiores graos de flexibilidade macroeconómica indo cara a unha posíbel ruptura coa Unión Monetaria Europea e un rexeitamento do Tratado de Estabilidade e Crecemento, que é a súa columna vertebral. Respecto da primeira opción, observen os resultados das eleccións alemás do domingo. Respecto da segunda, pensen que o goberno Rajoy xa está tendo relativo éxito en replicar o modelo alemán, aínda que a maioría non o note. A partir de aí, elixan vostedes mesmos.

 

[Artigo tirado do sitio web Kaos en la red, do 25 de setembro de 2017]

Volver