Miles de galegas toman as rúas no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

“Se é machista non é xustiza”, denunciaron, en referencia ao funcionamento do sistema xudicial

Nacional -

As mulleres galegas volveron saír masivamente ás rúas para reclamar avances reais e pór o foco, entre outras cuestións, na violencia xudicial que sofren "as mulleres e as crianzas” por mor dun marco legal que “non se está facendo efectivo na súa aplicación” porque, nos máis dos casos, “a reprodución das violencias durante os procesos xudiciais remata por facer que as mulleres se cuestionen o feito mesmo da denuncia machista”.

Así se recolle no manifesto da Marcha Mundial das Mulleres no que se denuncia que, cada día, nas comisarías e xulgados da Galiza “mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou a protección fronte os seus agresores” e que así, engaden á violencia machista a “violencia institucional”.

Por iso advirten de que non se trata só de que se emitan sentenzas machistas, “trátase de todo o proceso xudicial que, lonxe de protexer ás mulleres e ás crianzas, acaba por sometelas a máis violencias”. Unha situación da que consideran que hai unha responsabilidade colectiva e que chaman a frear.

Reclamacións ás institucións

  • Información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
  • Formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
  • Dotar aos CIMM da Galiza de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia e que ese persoal que acredite formación específica en violencia machista.
  • Esixir que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sofren violencia machista mediante programas ou financiamento público traballen de forma coordenada e se informe da dispoñibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
  • Revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
  • Solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista que garantan a súa capacidade económica como incrementar o salario da liberdade en cuantía e duración.
  • Esiximos á Xunta de Galiza instar ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a:
    • Aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machista ate a existencia dunha sentenza firme.
    • Retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.
    • Reclamar o fin da imposición da custodia compartida imposta con maltratadores.
    • Modificar a Lei 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para establecer medidas de protección das crianzas vítimas de violencia machista fronte ao agresor.
    • Creación de máis xulgados específicos de violencia machista na Galiza con persoal especializado.

Volver