Miles de persoas marchan en Ferrol en defensa dos dereitos dos traballadores/as das auxiliares

"Non queremos que o persoal estea condenado á eventualidade e a unha merma permamente dos salarios"
Ferrol - 20 Out 2017

Miles de persoas marcharon esta tarde polas rúas de Ferrol en defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Navantia, que dende o pasado 5 de outubro manteñen unha folga indefinida en demanda do cumprimento dos acordos salariais de 2001 en todas as empresas e  súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia.

A manifestación, que saíu da porta principal do estaleiro de Ferrol e rematou na praza de España, contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', que quixeron trasladar o seu apoio ao persoal das auxiliares.

Carril subliñou a necesidade da mobilización para lograr a recuperación dos dereitos e cualificou de "exemplar" a loita dos traballadores e traballadoras das contratas de Navantia "por rachar coa pobreza e a explotación nun momento como o que estamos a vivir". Destacou que a mobilización obreira está  a demostrar a capacidade e o potencial que ten "vencendo a pesar de desenvolverse contra todas as adversidades posíbeis".

Unha folga pola recuperación dos dereitos

Ao inicio da manifestación, o secretario comarcal de Industria en Ferrol, Vicente Vidal, valoraba que, logo de 15 días, a folga "segue a ser un éxito", pondo o acento na ausencia de incidencias durante todo este tempo  e o compromiso dos traballadores e traballadoras que cada día acoden aos piquetes informativos nas portas dos estaleiros a reivindicar os seus dereitos.

Na outra beira, rexeitaba a actitude das empresas e a dirección de Navantia que dende o inicio da folga, "o único que fixeron foi intentar torpedear a folga e xerar unha información falseada para a cidadanía co obxectivo de transmitir a idea de que estes traballadores/as están loitando por conseguir, a través da folga, unhas melloras que son uns privilexios".

Pero a realidade, subliña Vicente, é todo o contrario: buscan recuperar unhas condicións que xa tiñan no ano 2001 "e que lle quitaron as empresas coa complicidade de Navantia". É dicir, recuperar o nivel retributivo e determinar un marco salarial vinculante para todas as compañías que evite a competencia desleal a base de tirar os salarios.

Por iso, insistiu, a finalidade da folga é "evitar as discriminacións que se dan entre operarios/as das distintas contratas, que se sigan facendo xornadas abusivas mentres Navantia mira para outro lado, e que os traballadores/as non teñan que regalar horas ás empresas, como pasa agora en moitos casos". "Se a patronal e Navantia están dispostas a levar o conflito máis aló, as consecuencias serán unicamente a súa responsabilidade, e de quen llo consinte, léase SEPI (goberno central) e Xunta", afirmou.

Bloqueo das negociacións

O responsábel comarcal da CIG-Industria criticou o bloqueo das negociacións por parte da patronal e de Navantia, sustentándose na estratexia de deslexitimar socialmente a folga. "Un traballo, lamentou, para o que contan coa complicidade de UGT e CCOO como vén de quedar de manifesto coa convocatoria dunha votación para este venres" sobre a continuidade ou suspensión do paro.

Estes sindicatos, engade Vidal, lanzan a convocatoria ao público "para que despois as direccións das empresas podan chamar individualmente aos traballadores/as para que vaian votar".

Nesta estratexia, a CIG-Industria entende que tamén xoga un papel principal o feito de non abordar o modelo de relacións laborais que se quere implantar e da disposición a asumir de que se instalen tres escalas salariais diferenciadas no estaleiro. "Non queremos traballadores e traballadoras da industria auxiliar basicamente eventuais e condenados a unha merma permanente dos salarios".

"O que lle pedimos a CCOO, UGT e MAS é que veñan ás asembleas que se fan diante das portas dos estaleiros e que expliquen cal é a súa proposta para esas negociacións coa patronal para sexan os propios traballadores/as quen a poidan valorar. Porque a día de hoxe a única que puxo unha proposta clara enriba da mesa foi a CIG, nin a patronal formulou unha proposta concretar, nin os outros sindicatos dixeron que pretenden quitar desa negociación".