Miles de persoas mobilízanse nas Pontes para denuncian que "Endesa quérenos deixar as escuras"

Reclaman da empresa que aclare que plans ten para a central e un proceso de transición xusto

As Pontes -

Sen alumeado nas rúas e con candeas para visibilizar que "Endesa quérenos deixar as escuras". Deste xeito, o pobo das Pontes continuou as mobilizacións na tarde deste xoves para denunciar o silencio da empresa eléctrica, que segue sen atender a solicitude de reunión trasladada polo denominado comité de crise co obxectivo de coñecer que plans ten Enel-Endesa para a central térmica e reclamar un proceso de transición enerxética ordenado e xusto.

A mobilización (que nun principio estaba prevista para a pasada semana, pero tivo que ser aprazada pola alerta meteorolóxica), comezaba ás oito da tarde cunha concentración na Praza do Carme a onde miles de persoas acudiron levando candeas. Ademais da concentración, tamén se realizou unha pequena manifestación que despois de recorrer varias rúas volveu á Praza do Carme.

Ao mesmo tempo, e durante unha hora, a vila permanecía ás escuras, co apagado do alumeado público, nos locais comerciais e nas vivendas en sinal de protesta polo "desprezo" con que a dirección de Endesa está a tratar a todo o pobo das Pontes. Neste senso, lembran que Endesa obtivo substanciosos beneficios nos 40 anos de actividade na vila, explotando os recursos naturais, modificando incluso a paisaxe e a socioeconomía das Pontes, polo que agora "ten que asumir a súa responsabilidade social, explicando o que quere facer coa central, que alternativas propón e que proxectos prevé para o futuro máis inmediato".

Dende o comité de crise subliñan que para poder desenvolver calquera alternativa de futuro é "preciso e fundamental" coñecer que plans ten Endesa para a central das Pontes e que prazos manexa, pois a día de hoxe, a empresa ten paralizada a actividade das instalacións pero aínda non presentou a solicitude formal de peche nin aclarou cando ten previsto facelo.

A este respecto, dende o comité de crise tamén reclaman un compromiso firme tanto da empresa como das Administracións (española, galega e europea) para impulsar un proceso de transición ordenado que favoreza a transformación económica da comarca.

Volver