Centos e centos de persoas rodean a Xunta contra o espolio eólico e enerxético de Galiza

Nacional - 23 Abr 2023

Baixo o lema “Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa”, centos e centos de persoas sumáronse esta mañá á convocatoria da Coordinadora Eólica Así Non! e encordoaron o edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano. A mobilización coincidía coa data límite estabelecida pola normativa vixente -25 de abril- para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galiza con declaración de impacto ambiental favorábel.

Na mobilización, coa se formou unha longa cadea humana que deu a volta ao edificio da Xunta en Compostela, participaron plataformas de veciños e veciñas e todo tipo de colectivos e entidades afectadas polo actual modelo depredador da enerxía eólica para manifestar a súa repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser inminente.

Unha acción coa que se exixiu ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro e demandou a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación.

Dereitos de participación pública usurpados

A Coordinadora Eólica Así Non leva máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo; o establecemento dunha moratoria; a restitución dos dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas.

A Coordinadora entende que no actual contexto é máis necesaria que nunca a paralización de todos os proxectos e que calquera desenvolvemento racional da enerxía eólica no país debe pasar antes polo debido cumprimento do imperativo legal de ampliar a Rede Natura galega e de preservar con garantías os hábitats e ecosistemas que son prioritarios para afrontármonos ao reto climático, garantindo a participación dos e das comuneiras onde estean afectados montes veciñais.

A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 colectivos galegos do eido ecoloxista, sindical, cultural, veciñal e comunidades de montes, alerta das graves consecuencias que tería para o conxunto do país a aprobación desta enxurrada de máis de 75 macroproxectos eólicos, constituíndo en si mesma unha auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio.

Por iso denuncia a negativa inxustificada do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a dialogar e manifesta que “os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país”.