A CIG mobilízase en Educación e entrega máis dun milleiro de sinaturas pola negociación dun acordo para o persoal non docente

Preto de 5.000 traballadores e traballadoras de Administración e Servizos dos centros de ensino carecen dunha regulación actualizada das súas condicións laborais
Nacional - 17 Mar 2026

A CIG mobilizouse este martes diante da Consellería de Educación para reclamar a apertura dunha mesa de negociación que permita aprobar un acordo de condicións de traballo para o persoal de Administración e Servizos dos centros educativos da Xunta de Galiza. Aproveitando a concentración ás portas do complexo de San Caetano, os delegados e delegadas da CIG fixeron entrega no rexistro central de máis dun milleiro de sinaturas recollidas entre o persoal afectado, dirixidas á Consellería, nas que se reclama a regulación das súas funcións e dos seus dereitos laborais.

Así mesmo, tras entregar as sinaturas, representantes da central sindical mantiveron un encontro co subdirector xeral de Recursos Humanos -xa que o director xeral non estaba no edificio- a quen se lle trasladou de primeira man a necesidade de convocar xa a mesa para iniciar a negociación dun acordo, advertíndolle que as mobilizacións continuarán mentres non se atendan as lexítimas e xustas demandas deste colectivo.

O secretario nacional da CIG-Autonómica, Lois Díaz, explicou que na actualidade 4.945 empregados e empregadas públicas dos centros educativos carecen dunha regulación actualizada das súas condicións laborais. Destas persoas, máis de 3.000 quedaron no ano 2024 sen regulación específica tras o proceso de funcionarización, ao quedar excluídos do V Convenio Colectivo Único ao mudar de réxime xurídico. A isto súmase que o acordo que regula o resto do persoal funcionario dos centros (subalterno e persoal administrativo) está completamente obsoleto e non se adapta á nova realidade dos centros.

“Este persoal ten unhas condicións absolutamente indignas, sen garantías xurídicas dos seus dereitos, cunhas diferenzas enormes dentro do propio colectivo en canto ás funcións e horarios, cunhas ratios que están desfasadas e que a Consellaría non cumpre, pois nin sequera se substitúen as ausencias”, denunciou Díaz.

Héctor Pereira, delegado da CIG e cociñeiro nun centro de ensino, lembrou que o pasado 10 de outubro, e tras varias mobilizacións, houbo unha reunión con Educación, na que a administración solicitou tempo para estudar as demandas e “prometeunos chegar a un acordo que abordase a diversidade de categorías profesionais existentes”. Porén, a día de hoxe, a Consellería continúa calada, sen convocar unha mesa de negociación nin ofrecer avances de ningún tipo.

Problema derivado unha funcionarización “chapuceira”

Incidiu en que este colectivo “é persoal empregado público que aprobou uns procesos selectivos e ten que ter unhas condicións dignas de traballo”. Porén, a Consellaría perpetúa o trato discriminatorio e as vulneracións de dereitos, “con permisos que en ocasións son denegados automaticamente simplemente polo feito de traballar nun centro educativo, así como ratios de traballo abusivas e obsoletas -que levan máis de 30 anos sen revisarse- e unha falta de delimitación clara das funcións de cada grupo profesional que traballa nos centros educativos”.

Neste senso, Xosé Díaz tamén reclamou unha reorganización das escalas que permita corrixir os problemas derivados do proceso “de funcionarización á baixa” realizado de forma chapuceira pola Xunta, CCOO e UGT con pactos previos e sen negociación real. “Cómpre garantir o correcto encadre das categorías nos grupos ou subgrupos que lles corresponden segundo a titulación requirida, xa que na maioría dos casos foron rebaixados e desprofesionalizados”, reivindicouse.

Héctor Pereira expuxo o caos laboral neste colectivo, apuntando que “persoal da mesma categoría profesional realiza unhas funcións ou outras dependendo do centro educativo no que traballe e, incluso, as súas tarefas varían se muda a equipa directiva do centro”.

Outras Consellarías xa negociaron acordos

Durante a concentración salientouse que hai outras consellerías xa negociaron acordos de condicións laborais, como o persoal dos centros de Política Social e o que traballa nos incendios forestais, pero consideran que a Xunta “está claramente a ningunear os colectivos de persoal que “menor forza teñen””. A pesar de ser preto de 5.000 compañeiras e compañeiros, apenas hai 4 ou 5 por centro, polo que están nunha situación de illamento que ademais de limitar a efectividade e capacidade de protesta, “tamén fai que sexan máis susceptíbeis de sufrir abusos”.

“Xa temos advertido de que existen centros educativos nos que se están a producir situacións de abuso laboral, coaccións ou tratos discriminatorios cara ao persoal non docente, polo que non descartamos trasladar futuras accións sindicais tamén ás portas destes centros e se isto non se lle da solución acudiremos aos tribunais”, advertiron.

A CIG-Autonómica reiterou que uns servizos públicos de calidade pasan necesariamente por garantir condicións laborais dignas para quen os presta, e anunciaron “que continuaremos coas mobilizacións ata que a Consellería de Educación abra unha mesa de negociación para aprobar un acordo de condicións laborais para o persoal non docente”.