Milleiros de mulleres participan na folga e nas mobilizacións convocadas pola CIG este 8M
Milleiros de traballadoras de todas as actividades económicas secundan a folga de mulleres e participaron nas mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo, marcado polas medidas derivadas da pandemia e pola campaña de desmobilización, criminalización e acoso social promovida dende os poderes públicos.
Unha situación malia a que, tal e como afirmou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, ao remate da mobilización convocada na Coruña, "hoxe demostramos, unha vez máis, e en condicións moi adversas, a inmensa capacidade de mobilización das traballadoras galegas, convocando 31 accións combativas nunha chea de localidades do país, porque non imos permitir que as mulleres paguemos a crise sanitaria co noso lombo, co noso traballo de balde, limpando, coidando e curando".
Imaxes de Vigo, Bueu, Cangas, Moaña, Redondela, O Porriño e A Garda
Corral explicou que estamos ante un 8 de Marzo e unha convocatoria de folga de mulleres “totalmente diferente ao de anos anteriores”, pois non só está marcada pola pandemia da Covid-19, mais tamén “polos intentos do sistema de utilizar a crise sanitaria como coartada para impedir o dereito á folga” cuns servizos mínimos “totalmente abusivos, desbotando ademais a posibilidade de que estes foran cubertos por homes”.
Unha circunstancia que, segundo explicou, impediu que “hoxe milleiros de compañeiras puideran estar con nós na rúa, non só no sector da sanidade, como sería de agardar nesta situación, senón tamén no ensino, na radio e a televisión públicas, nos servizos sociais e, en xeral, no conxunto da administración pública”.
Brutal campaña de acoso á loita feminista
Pero non soamente se impediu o dereito fundamental de folga. A secretaria das Mulleres da CIG denunciou, no que definiu como “brutal campaña de acoso á loita feminista”, que asistimos a “fenómenos intolerábeis nun estado que se pretenda chamar democrático e de dereito, como chamadas dalgunhas subdelegacións do Goberno, coaccionando e ameazando ás promotoras das mobilizacións; que a Xunta, a administración estatal e os seus entes atrasaran a publicación do decreto de servizos mínimos até o último momento ou a negación da existencia da convocatoria de folga para non negocialos, como foi o caso do Concello da Coruña”.
Imaxes de Pontevedra, Vilagarcía, O Grove, Cambados, Lalín e A Estrada
Xunto a isto denunciou tamén que “levamos semanas sufrindo presións para evitar visibilizar o rexeitamento das mulleres galegas á xestión da pandemia, tanto por parte do goberno galego como do Estado”. E asegurou que se en anos anteriores quen negaba as discriminacións, quen se opuña á folga e ás mobilizacións, por entender que agochaba unha pretensión política, era o goberno de Feijoo e todo a dereita, “nesta ocasión foi a progresía española á que obstaculizou, boicoteou e criminalizou tanto a convocatoria como as mobilizacións do feminismo”.
Esta criminalización chegou ao punto de responsabilizar “de maneira individualizada as mulleres por mobilizarse, acusándoas de provocar unha vaga de contaxios, e xerado unha alarma social innecesaria, cando nin houbo modificación legais que impediran o dereito de manifestación e cando se permitiron todo tipo de mobilizacións, incluídas as daquelas persoas que negan a pandemia e que se desenvolveron sen ningún tipo de medidas de protección”, lembrou.
Para Margarida Corral isto acontece porque “ao sistema non lles interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por formar parte da nosa nación”.
Asegurou que, fronte a iso, “ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, pretendendo ritualizar o 8 de marzo, que quede nunha data festiva, mais carente de discurso crítico contra o capitalismo, contra os gobernos (tanto da Galiza como do Estado ) ou contra o patriarcado”.
Chamou a atención ademais, sobre o feito de que esta folga está convocada practicamente en solitario pola CIG, “aínda sendo unha decisión unánime do movemento feminista galego, do que tamén forman parte outras centrais”.
Seguimento marcado polos servizos mínimos abusivos
Por todos estes motivos, explicou a secretaria das Mulleres, “non podemos avaliar a convocatoria de folga como adoitamos realizar convencionalmente, porque aínda que o obxectivo dunha ferramenta revolucionaria como esta sexa paralizar a actividade produtiva, no contexto dunha folga de mulleres o que se persegue é visibilizar o espazo baleiro que deixamos e a nosa sobrerrepresentación nos coidados, por iso é tan fundamental que saiamos á rúa para que se visualicen as nosas demandas”.
Con todo, e malia estes atrancos, Margarida Corral salientou que “hoxe están con nós traballadoras do comercio de alimentación, do comercio téxtil, de servizos de axuda no fogar, de centros de chamadas, da banca, das universidades, da administración local, da xustiza, da sanidade privada, de Correos, da industria, da confección, da limpeza etc".
E aínda que o seguimento está sendo desigual, apuntou que en Alonarti Vigo non entrou ningunha muller na quenda da mañá, e noutras industrias desta comarca como Pescanova, Borgwarner, Plastic Omnium ou Denso hai un amplo seguimento. Tamén máis do 60% das traballadoras de Treves Pontevedra, das plantas de Indipunt e Inditex de Narón, de Leite Celta Pontedeume secundan a folga e en varios centros de chamadas do país como Abante BPO de Lugo, teñen un seguimento superior ao 60%, aínda que este ano neste sector resulta complexo cuantificar o paro xa que a maioría do persoal está en teletraballo.
No comercio de alimentación e no comercio téxtil, aínda que a incidencia é menor que en anos anteriores, si que se poden ver tendas pechadas como a de Stradivarius da Praza de Lugo (A Coruña) ou Pull&Bear da rúa Príncipe e do centro comercial Gran Vía en Vigo, xunto a pequenos comercios que tamén se sumaron ao paro. E secundan a folga traballadoras de supermercados de todo o país, a salientar o caso do Eroski do CC das Termas de Lugo, onde o 90% das traballadoras non cooperativistas están en folga.
En canto ás residencias privadas, tamén se rexistra un seguimento desigual como evidencian os datos da residencia de Ferrol, no que o 75% das traballadoras que non están asignadas aos mínimos foron á folga, mentres que nos centros de Laraxe e Narón foron o 30%.
A folga tamén ten un seguimento importante na administración local, e concellos como o de Mugardos, no que hai dous anos se pretendeu conculcar o dereito á folga das traballadoras, hoxe rexistra un 80% de seguimento do paro.
Mención especial ás compañeiras da asociación de traballadoras no Fogar, XIARA, que están secundando a folga para que visualice o seu traballo, esencial durante a pandemia pero que segue sen estar valorizado nin economicamente nin socialmente.
Imaxes de compañeiras en servizos mínimos apiando a folga
Galegas8m mobilizouse baixo o lema "Sen coidados non hai vida"
A CIG tamén a participou nas mobilizacións que a plataforma Galegas8m (da que central sindical fai parte) desenvolveu neste Día Internacional das Mulleres Traballadoras ao longo de todo o país.
Baixo o lema "Sen coidados non hai vida. Mulleres en folga: esenciais, precarizadas e fartas", Galegas8m busca "sacar á rúa o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo tamén que se recoñezan os coidados como un ben social non valorado".
Máis información sobre as mobilizacións de Galegas8m nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/convocatorias-8m-2021/