Milleiros de mulleres secundan a folga e as mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo

"O poder ten que entender que non imos permitir retrocesos nos nosos dereitos cando aínda nos quedan moitos por conquistar"
Nacional - 08 Mar 2019

Miles de galegas están a secundar a folga e as preto de 30 mobilizacións convocadas pola CIG ao longo de toda Galiza neste 8 de Marzo, para reclamar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. No Día Internacional da Muller Traballadora, as galegas toman as rúas de novo, reivindicando a orixe obreira e revolucionaria desta data, "para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos cando aínda nos quedan moitos por conquistar".

Galiza enteira treme: da Mariña ao Morrazo, da Costa da Morte a Valdeorras, de Ferrolterra a Compostela, de Lugo a Ourense, do Salnés a Betanzos, da Coruña a Vigo... miles de mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras,... saíron hoxe coa CIG á rúa no marco da xornada de folga laboral; mais tamén o fixeron as xubiladas, as estudantes, as desempregadas, as mulleres que traballan arreo pero non teñen unha remuneración "para denunciar a inxustiza que supón discriminar a máis da metade da sociedade pole mero feito de sermos mulleres".

Así se pronunciaba a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, horas antes da saída da manifestación na Coruña convocada pola central sindical, durante o transcurso dun dos piquetes informativos que hoxe percorreron as rúas galegas. Corral apuntou ademais que esta folga é a ferramenta que temos para denunciar que, a pesares de ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; ao igual que o chan pegañento ou o teito de cristal, os atrancos na conciliación ou o acoso e as agresións sexuais ás que someten as traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas.

Seguimento na sanidade, o ensino e os centros do Consorcio

En canto ao seguimento da folga, no conxunto do país, na sanidade pública só están entrando os servizos mínimos e a folga está a ter unha especial incidencia na Atención Primaria, malia os "servizos máximos" decretados pola Xunta.

Nos sectores máis precarizados e feminizados da Administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego.

Na administración xeral da Xunta de Galiza foi desigual en atención aos departamentos, centros e xefaturas territoriais, cun seguimento de arredor dun 50% de traballadoras que secundaron a convocatoria de 24 horas na quenda de mañá na Xunta de Galiza. Desde a CIG-Administración salientan, porén, que houbo edificios administrativos que mesmo quedaron baleiros na provincia de Pontevedra, onde a incidencia foi maior. Desde a federación denuncian que o establecemento dos servizos mínimos abusivos, que xa foron denunciados pola CIG, dificultou a moitas traballadoras a súa participación na folga.

O 100% das traballadoras de ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio colectivo digno, tamén se sumaron á convocatoria de folga de mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente masculinizado.

Produciuse tamén unha paralizacion absoluta no ensino secundario e universitario e unha moi alta participacion na folga das mestras e profesoras, superando o seguimento do ano pasado. A imaxe de aulas baleiras foi a imaxe desta xornada nos centros de ensino.

Seguimento en Vigo

A folga está a ter un elevado seguimento na comarca de Vigo a pesar do intento de moitas empresas por boicoteala. A limpeza das escolas infantís e do hospital Álvaro Cunqueiro está a verse afectada a causa do paro de 24 horas, como tamén o servizo de cociña do centro médico vigués. Ao igual que a recollida do lixo (que xestiona a empresa FCC) e o mantemento dos parques e xardíns (do que se encarga Althenia).

No sector industrial hai que salientar a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Grupo Copo, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia ou Carchidea. Outras empresas nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark.

Por último, empresas do transporte como Gefco ou Vitrasa tamén rexistran un importante seguimento, a pesar de que a concesionaria do servizo de autobuses do Concello de Vigo non lle comunicou os servizos mínimos ás súas traballadoras.

En cadeas de supermercados como Alcampo e Froiz tamén está a ter un grande impacto, ao igual que en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono. No sector de oficinas e seguros tamén están a secundar a folga moitas traballadoras de compañías como Satec, Experis, Boycor, Cetmar, Prosegur BPO, AXA, Construdata 21, Lidera, IS2 e Ader.

Seguimento na Coruña

Na Coruña o seguimento da folga déixase notar na administración pública, pois están pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. O impacto da folga tamén se está a notar nunha zona comercial tan céntrica como a da Praza de Lugo, onde un piquete informativo da CIG estivo repartindo volantinas explicando os motivos da convocatoria e das mobilizacións convocadas nesta xornada.

As tendas de Oysho do centro comercial Marineda City e Catro Camiños permanecen pechadas e tamén as de Stradivarius de Marineda e Praza de Lugo, e aínda que desigual, tamén hai seguimento no resto das tendas do Grupo Inditex. Destacar que o comedor de Zara Loxística non pode prestar servizo porque a maioría das  traballadoras están en folga.

No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e o 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. Na conserveira Calvo de Carballo a práctica totalidade das mulleres parou e en Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 80%.

Seguimento en Compostela

Na comarca de Compostela, a folga déixase sentir a esta hora no sector servizos, onde máis do 60% das traballadoras das tendas Inditex (Zara, Bershka, Stradivarius, Oysho, Lefties, Zara Home…) do centro comercial As Cancelas están secundando a folga. De igual xeito as compañeiras das tendas Oysho e Stradivariuss do centro da cidade están en folga.

No hospital Clínico, alén do seguimento entre o persoal sanitario, o 100% das traballadoras da cafetería non acudiron aos seus postos. E pararon tamén compañeiras do concesionario de Toyota, de Intelsis e de Senande. Ademais en empresas como Indra, o seguimento foi do 50%; en Feafes do 75% e en Dinahosting do 60%.

Na Administración local, arredor do 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis do 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.

En Padrón, o 100% das traballadoras de Cortizo secundan a folga e na zona do Barbanza o paro ten especial relevancia nas conserveiras Frinsa e Escurís e na empresa de conxelados López Soto (no Barbanza), nas que meirande parte das traballadoras están en folga.

 Seguimento en Ferrol

En Ferrol a esta hora o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%.

Censurábel o comportamento do Concello de Mugardos, que notificou a dúas traballadoras para servizos mínimos no últimos momento e a través dunha mensaxe de texto, sen respectar o acordo alcanzado coa representación social sobre os mínimos, no que non se facía referencia a estas dúas empregadas. En reposta a esta actuación, esta mañá un piquete informativo acudiu ás portas do concello "para demostrar que as traballadoras non imos consentir este boicot".

Seguimento en Pontevedra e Ourense

No caso de Pontevedra, a folga déixase notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno ao 80%. Esta mesma porcentaxe rexístrase na limpeza dos colexios públicos, mentres que no caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa ao 40%.

Na comarca do Salnés o paro ten impacto nas conserveiras Thenaisie Provote (O Grove) e Perez La Fuente (Vilanova de Arousa), cun 100% de seguimento. Noutras  empresas como Serpeixe, Roma, Friscos, Cefrico, Atunlo e Isabel a incidencia está a ser tamén bastante importante. En Pull&Bear o paro de mulleres é total, mentres que en Bershka ten un seguimento moi elevado.

En Ourense, a folga a está a ter especial repercusión nas tendas do grupo Inditex e en Desigual, en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.

Seguimento en Lugo

En Lugo a folga estase facendo notar con especial incidencia no Centro Comercial das Termas, onde se rexistra un elevado seguimento da folga entre as traballadoras do Eroski non cooperativistas -de feito a sección de frescos non puido abrir por non haber quen a atendera-. E está pechada a tenda de Lefties. No caso do Carrefour, o 40% das traballadoras non entrou traballar.

Así mesmo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro Ribeiras de Lea e Abeiro Gold hai un alto seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade, onde parou o 70% das mulleres.

En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.

As reivindicacións das mulleres non foron atendidas

"Tras da histórica xornada do 8 de Marzo de 2018, as mulleres volvemos ás rúas porque transcorrido un ano non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que teñamos vidas dignas", aseverou Corral. Mais ao contrario, estamos asistindo a un rearme da dereita nas institucións nas que ostenta o seu poder, cuestionando a lexislación para a igualdade, os nosos dereitos reprodutivos, o dereito ás pensións públicas, o dereito á conciliación, negando a fenda salarial ou a existencia da violencia machista.

Dende a CIG insístese tamén en que é preciso desmontar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema, "tanto polos gobernos que aprobaron as reformas laborais e das pensións e non as derrogaron, como pola dereita que continúa a atacar frontalmente os nosos dereitos máis fundamentais”.

Por iso, aseverou a secretaria das Mulleres da CIG "para nós hoxe é un día de denuncia, de combate e de loita  revolucionaria, non para que nos feliciten nin nos agasallen con flores. O poder ten que tomar nota das nosas reivindicacións, porque somos máis da metade desta sociedade e non imos permitir ningún retroceso cando aínda nos quedan tantos dereitos por conquistar".

Desigualdade e discriminacións no mercado laboral

Margarida Corral puxo o acento nas discriminacións que padecen as traballadoras no mercado laboral, con especial atención no feito de que unha de catro mulleres en Galiza vive por debaixo do limiar da pobreza. Mais tamén na persistencia dunha fenda salarial do 21.5% con respecto aos homes, o que supón que as traballadoras galegas ingresan ao ano como media 4431 euros menos. Unha fenda que se agrava no caso das pensionistas, que acada o 36.6%; é dicir, as pensionistas galegas ingresan 5000€ menos ao ano que os homes e moitas nin tan sequera teñen acceso a unha pensión contributiva. Xunto a isto, subliñou que o 77.3% dos traballos a xornada parcial son desempeñados por mulleres e que máis do 94% dos novos contratos subscritos por mulleres foron de carácter temporal.

A pesar das declaracións de boas intencións, dos protocolos, da sinatura de plans de igualdade, ás mulleres "impídesenos conciliar, vivindo con medo a ser despedidas ou represaliadas cando nos convertemos en nais. Somos nós as que coidamos e por tanto facemos uso dos dereitos de conciliación, dereitos totalmente insuficientes que non ofrecen a posibilidade de compaxinar traballo con coidado sen perda salarial, abocadas a excedencias ou reducións de xornada", alerta Corral.

Mais tamén sufrimos de xeito maioritario os efectos dos recortes no estado de benestar, os coidados seguen fóra do centro das políticas e son asumidos de xeito maioritario polas mulleres, que tamén son as que en maior medida traballan na economía somerxida, nos traballos invisíbeis e non remunerados. "Todas estas son razóns de abondo para saír hoxe e todos os días do ano á rúa, para esixir medidas reais e efectivas para rematar coas discriminacións, os acoso na rúa, na casa, no lugar de traballo, as agresións, as violacións e que nos asasinen polo mero feito de sermos mulleres".

Neste senso, criticou que ao poder "non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes políticos e económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por ter conciencia de nación". Ao contrario, advertiu, "ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, banalizalo, pretenden ritualizar o 8 de marzo, chamándolle Día da Muller, e que quede nunha data festiva, baleira  de discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado, e desposuída da súa orixe obreira e revolucionaria".

Neste punto, Corral lembrou a figura de Rosalía de Castro ("unha galega adiantada a súa época que deu palabra a denuncias aínda hoxe plenamente vixentes") e reivindicou as revoltas e mobilizacións de mulleres que hai máis de cen anos percorrían o país de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo; dos motíns de subsistencia e os tumultos convocados o século pasado na Galiza por mulleres contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos; das labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, "neses mitins e manifestacións de mulleres das clases populares do país, que percorreron as rúas galegas, loitas tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos, elas son as que comezaron a loita que agora seguimos".

Chamamento a participar nas mobilizacións de Galegas8M

A secretaría das Mulleres da CIG anima a participar na morea de mobilizacións que a plataforma Galegas8M organiza neste 8 de Marzo ao longo de toda Galiza (pódese consultar o lugar hora de todas as mobilizacións nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/).