Milleiros de persoas claman contra Altri e a Mina de Touro, por terra e por mar, na Illa de Arousa
Arredor de 300 embarcacións atronaron coas súas bucinas contra os proxectos cos que a Xunta pretende facilitar a expoliación dos nosos recursos
Unhas 10.000 persoas chegadas de toda Galiza, acompañadas por arredor de 300 embarcacións, participaron este domingo na manifestación convocada na Illa de Arousa contra a celulosa de Altri en Palas de Rei e a mina de cobre de Touro-O Pino. Unha xornada de mobilización que as plataformas convocantes cualificaron como histórica, en defensa da auga, do territorio e dos sectores produtivos do país, fronte as políticas depredadoras do Partido Popular.
Oito anos despois de encher a Praza do Obradoiro contra o primeiro proxecto da mina de Touro e dous anos despois de comezar a loita contra Altri desbordando Palas de Rei, as galegas e galegos volveron saír á rúa para ateigar, desta volta, a Illa de Arousa. “Un pobo que se organiza, que loita e resiste”, que “ama a súa paisaxe viva e se identifica co territorio” e que “recoñece a súas raices e as defende fronte ao intento uniformador e impersoal”.
Así o recolleu o manifesto ao que se deu lectura ao remate da manifestación na que se reivindicou a defensa da “Nai: a terra e o mar que nos dan de comer; o aire que nos permite respirar; o río do que bebemos nós e do que beberán as nosas fillas”, advertindo de que a auga é “a nosa vida” e denunciando que o presidente da Xunta pretende “agasallarlle” este recurso aos proxectos da mina e da celulosa nun contexto de cambio climático no que resulta esencial para garantir a soberanía alimentaria.
A defensa do mar e da ría
Por mar moreas de embarcacións tradicionais, barcos bateeiros e de mariqueo, expresión da historia e do traballo da ría, denunciaron o “abandono das obrigas da Consellaría do Mar” e reivindicaron o futuro da ría de Arousa.
No manifesto lembrouse a Iniciativa Lexislativa Popular para declarar de interese xeral o sector do mar da pesca de baixura, do marisqueo e do mexillón, apoiada por 19.000 sinaturas, que non foi considerada de interese por un PP ao que só interesa a “peixecultura”.
Por iso consideraron que non é de estrañar que a Xunta declare proxectos industriais estratéxicos a mina de Touro, a celulosa de Altri ou a planta de Betume que pretenden instalar nun porto urbano na ría máis produtiva e denunciaron que o PP “defende os proxectos que espolian a nosa terra e rouban a nosa auga”, poñendo en perigo o traballo, a saúde e o futuro das vindeiras xeracións. Empresas que “destrúen os sectores produtivos, enchen de eucaliptos a paisaxe e de contaminantes as augas do río e da ría”, advertindo de que existen “eucaliptos sedentos de auga que secan os nosos pozos e nos traen eses incendios de sexta xeración que ameazan o noso rural”.
“A ría de Arousa está na UCI”
As plataformas alertaron de que desde que se conseguiu paralizar a Lei de Acuicultura, hai dez anos, xurdiu o problema artificial da mexilla “para intentar dividírmonos”, advertiron que “a ría de Arousa está na UCI” e acusaron a Xunta de mirar “para outro lado” e impulsar “unha campaña propagandística cuns convenios indignos, sin soporte legal no DOG, que reparten a miseria e que só animan a abandonar o mar”.
Tamén rexeitaron a intención de depositar os dragados do río Lérez preto da illa de Sálvora e esixiron ao MITECO a eliminación dese punto de vertido e reclamaron á Xunta que cumpra coas súas obrigas competenciais, actúe contra os vertidos e a contaminación, impulse “un saneamento integral das rías e ríos” e rexenere os bancos marisqueiros “pagando a Xunta a ‘semente’”.
Preguntáronse ademais como é posible que tras décadas de goberno non foran quen de ter “hatcheries” para producir a semente necesaria para o marisqueo.
Igualmente denunciaron que a Administración é “servil coas grandes empresas eléctricas” e que non regula os desencoros para impedir as riadas que “nos rouban o marisco ano tras ano”, responsabilizando expresamente a Augas de Galicia.
Por iso, acusaron á Xunta do PP de querer “botarnos do mar e deixar morrer a ría”, porque “queren que as confrarías pechen e decaian as concesións marisqueiras” e “privatizar o mar e darllo aos seus amiguetes”. “Non solucionan os nosos problemas e só dan esmolas propagandísticas”.
"Estannos chuchando o sangue"
Desde a Plataforma Ulloa Viva subliñaron que Galiza é “un país rico en recursos naturais” e aseguraron que “hai tempo que veñen por nós”, porque o PP e a Xunta pretenden “acabar co sector primario”, privatizar os montes comunais e “encher de eólicos o mar e a terra”.
Canda iso, afirmaron que o sector agrogandeiro e o sector do mar “estorbámoslles no seu plan de vender Galiza ao mellor postor, de encher de minas o país, de encher os petos dos seus amigos e deixar que espolien os nosos recursos”. “Estannos chuchando o sangue. A nosa riqueza vai para fóra e nós queremos que quede neste país”, proclamaron.
Denunciaron que a imposición da mina e da celulosa como modelo industrial “é un insulto á intelixencia”, especialmente nun contexto de cambio climático no que a auga será cada vez máis escasa e valiosa e insistiron en que se precisa “auga de calidade para beber as nosas familias, para as nosas actividades agrogandeiras e marisqueiras e para un turismo sostible”. Auga que a Xunta “vai contaminarnos poñendo en risco o futuro das vindeiras xeracións”.
Respecto de Altri, referíronse ao “anuncio fantasma” do arquivo do proxecto e advertiron de que “as mentiras teñen patas curtas”. “Non nos importan as súas tácticas; a nosa estratexia é continuar a loita ata o final.”, afirmaron. Exixiron que “deixen de tomarnos por tontas” e proclamaron que “o ‘Bienvenido Mr. Marshall’ xa pasou” e que xa saben “o que significa greenwashing”.
Fronte o arquivo do proxecto de Altri exixiron “que o enterren” e fronte a deixalo caducar, dixeron “que o rematen”. Ademais, reclamaron ao presidente da Xunta que explique “a natureza dos compromisos firmados no convenio de Altri con Impulsa”, lembrando que se trata dunha sociedade maioritariamente de capital público e denunciando que eses compromisos “pagarémolos os contribuíntes pero que, por algún motivo, nos oculta o Sr. Presidente”.
Contra a mina de Touro
A Plataforma Mina de Touro lembrou que está pendente a Declaración de Impacto Ambiental do novo proxecto mineiro e asegurou que se trata dunha copia do presentado en 2017 e rexeitado en 2020 cunha DIA negativa.
Segundo denunciaron, a explotación provocaría drenaxes acedas con metais pesados, fortes explosións diarias nas aldeas da contorna, ocuparía 812 hectáreas e xeraría contaminación atmosférica por partículas en suspensión e arsénico, impedindo o desenvolvemento da actividade agrogandeira e do turismo vencellado ao Camiño de Santiago.
As plataformas lembraron tamén que o ICOMOS reclamou por segunda vez ao Goberno galego que anule os permisos para reabrir a mina polo seu impacto no Camiño de Santiago.
Ante este proxecto preguntáronse: “Pode Galiza asumir unha explotación mineira destas dimensións nunha bacia hidrográfica tan sensible?”, “Imos sacrificar as nosas actividades agrogandeiras, marisqueiras e pesqueiras que dependen da calidade das augas?” e “Quen asumirá os pasivos ambientais que nos van quedar a perpetuidade?”
Segundo concluíron, Altri e a mina representan “un modelo de industrialización que destrúe o noso tecido produtivo do marisqueo, as bateas, a agrogandeiria e o turismo sostible, coa conseguinte perda de postos de traballo e de calidade de vida”. “Contaban con que calaramos, con seguir o seu plan sen estorbos, pero o pobo galego tirou de orgullo e dignidade”, afirmaron e engadirdon que co que non contaban era “con que a dignidade de todo un pobo puxera paus nas rodas aos seus negocios”.
Por iso advertiron que “non nos van desmobilizar”, porque aínda queda percorrido para seguir presionando “na Galiza, en España e en Europa” e remataron cun chamamento á “denegación dos proxectos”, á potenciación dos sectores produtivos e á protección ambiental do Ulla e da ría de Arousa.