Miles de persoas reclaman medidas de reindustrilización que doten de futuro a Ferrol, Eume e Ortegal

Grandal: "precisamos políticas prioritarias e urxentes, non máis milongas nin plans que xa demostraron ser un absoluto fracaso"

Ferrol -

Milleiros de persoas manifestáronse na tarde deste xoves para esixir políticas de reindustrialización para Ferrol, Eume e Ortegal, que senten as bases dun novo modelo de desenvolvemento nestes territorios e revertan a crise social, laboral e económica que sofren estas comarcas dende a mal chamada reconversión. Contra o esmorecemento das comarcas, aseverou o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, son precisas políticas prioritarias e urxentes “non máis milongas nin novos plans que ao longo destes anos xa demostraron ser un absoluto fracaso”.

Ferrol e as súas comarcas padecen unha crise continuada dende a mal chamada reconversión naval, cunhas evidentes consecuencias nas elevadas taxas de desemprego, a perda constante de poboación, un grao de envellecemento superior á media galega -principalmente polo efecto da emigración da mocidade-, e un incremento exponencial do número de persoas en risco de pobreza e/ou exclusión social.

Unha crise social, económica e laboral agravada porque sectores fundamentais como o naval ou a produción de enerxía están a punto de entrar en subactividade ou sen futuro certo.  Neste contexto, milleiros de persoas secundaron a manifestación convocada pola CIG, UGT e CCOO este xoves polas rúas da cidade departamental, na que tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, numerosos alcaldes/as e representantes de partidos políticos.

Discriminación positiva para as comarcas

O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, quixo lembrar que hai un ano e cinco meses Ferrol viviu unha das xornadas de folga máis exitosas das últimas décadas, "mais por desgraza as reivindicacións que temos hoxe son na práctica o 100% das que tiñamos naquel momento". Máis aínda, dende a farsa da reconversión naval, as reivindicacións non mudaron e chegamos a un punto de inflexión, xa non valen nin plans Ferrol, nin ZUR nin milongas que dalgunha maneira tiveron aletargadas a moitas forzas nestes anos, necesítanse medidas concretas que supoñan unha discriminación positiva".

Grandal sinalou á urxencia de actuacións para afrontar o peche de Endesa, a falta de contratos no naval, as deficientes infraestruturas ou a caída de empresas, que rexistra unha rateo superior á media galega. Medidas que deberan incluírse nos próximos orzamentos da Xunta e do Estado "goberne quen goberne". Reiterou que se trata "dunha débeda histórica e as débedas páganse con xuro. O xuro que teñen que pagar a estas comarcas é a posta en marcha desas medidas. E iso é o que vimos hoxe demandar aquí".

Responsabilidade política

O responsábel da CIG de Ferrol resaltou que outras comarcas sufriron procesos de reconversión "pero de verdade", no sentido de que se buscaron para estas zonas alternativas industriais viábeis e se diversificou a súa economía. "Nós non decidimos ter un monocultivo industrial dedicado ao sector militar, que se privatizara Endesa para que agora se vaia sen sequera contribuír a unha transición enerxética; non decidimos quedarnos fóra do mapa das infraestruturas, que se deixara chegar ás nosas rías á practica destrución, ou que se vendera o noso sector agropecuario. Este deseño e estas decisión teñen culpábeis, que teñen a obriga e o deber de aplicar outras políticas para reverter o esmorecemento no que nos atopamos. E que teñan claro que seguiremos pelexando para que o fagan".

A este respecto, lembrou que o anuncio da convocatoria da manifestación se realizou o día que comezaba a campaña electoral co obxectivo de trasladar os partidos políticos "cales son as nosas reivindicacións e as nosas demandas e a nosa firmeza para esixir que as atendas".

Volver