Milleiros de persoas mobilízanse coa CIG este 1 de Maio contra o imperialismo, pola paz, por traballo digno e dereitos
No día do internacionalismo proletario, milleiros de persoas mobilizáronse coa CIG en 20 localidades para rexeitar as agresións imperialistas e a apoloxía da guerra, demandar paz e soberanía para todos os pobos do mundo e reivindicar que en Galiza teñamos traballo digno e dereitos. Este ano, a CIG acordou levar a súa mobilización central do Primeiro de Maio até Lugo en resposta á deriva “autoritaria e golpista” do PP, “que vén de dar un paso máis nas súas actitudes antidemocráticas asaltando o Goberno municipal cunha moción de censura indigna e inaceptábel”.
Esta deriva, advertiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ten relación directa co actual medre do fascismo e “dun PP que actúa como VOX, compartindo programas pero competindo polo voto” e enmarcou a moción de censura nun duro paquete de medidas de control social do Goberno galego, “baseado en non cumprir cos mínimos democráticos, non respectar as liberdades públicas e o dereito á folga”.
Como exemplos desta deriva autoritaria sinalou o decreto para legalizar o diálogo social -que definiu como “fosa común na que enterran os dereitos laborais-, a través do que o PP pretende branquear as súas políticas, anular a representatividade da CIG e desmantelar organismos de representación institucionais plurais que confrontan as súas medidas; a promoción de cambios no TSXG; apartar e vetar maxistrados e Vice-valedores do Pobo; exercer “un férreo e censurador control sobre os medios de comunicación públicos ou castigar os xornais que só escriben e pensan en galego”.
A máis abundar, ao proceso continuado de desmantelamento e privatización do ensino e da sanidade pública, hai que sumarlle agora o anunciado plan para o control e a criminalización das baixas médicas, pretendendo culpabilizar a clase traballadora por caer enferma e negando o dereito á saúde para favorecer máis abusos das mutuas e privatizacións da sanidade pública.
Carril criticou que estamos ante o PP “máis auténtico español e franquista”, que recorta dereitos, que non se arreda en ofender a memoria de Moncho Reboiras e as vítimas da ditadura, e que promove “a colonización e dependencia de Galiza e do pobo galego a deseños feitos dende Bruxelas e Madrid, onde todo se pon a disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento”.
Incidiu en que a CIG levou os actos centrais do 1º de Maio a Lugo “porque non imos quedar mirando nin imos fuxir mentres se conculcan dereitos da maioría social e se afonda nun proceso que avanza cara ao autoritarismo de corte fascista”. Fronte esta realidade, chamou á mobilización e á unión do pobo galego para frear o avance do PP e impedir que se instale no Concello de Lugo, “como conseguimos frear Altri e como tamén sairemos coa mobilización da emerxencia lingüística para avanzar no proceso de normalización enchendo o próximo 17 de Maio as rúas de Compostela na defensa do galego, porque o galego é lingua”.
Non á guerra nin ao incremento do gasto militar
Nun contexto de medre da carestía, de empobrecemento xeneralizado, de desmantelamento de moitos sectores e actividades produtivas básicas do noso país e co imperialismo e o capitalismo neoliberal apostando ás claras pola guerra para dar continuidade a este sistema de explotación, o secretario xeral da CIG subliñou que “sen organización e conflito non hai posibilidade ningunha de avanzar en dereitos e de transformar a realidade”.
Denunciou o exterminio do pobo palestino por Israel, “decididamente apoiado polos EUA e a UE”, as ameazas sobre Grenlandia, as agresións a Venezuela, o ataque sobre Irán e Líbano ou o reforzo do criminal bloqueo a Cuba como exemplos deste reaxer do imperialismo, mentres a Unión Europa e o Estado español asumen con obediencia as ordes de incrementar o gasto militar para alimentar a máquina da agresión, e asinan acordos que arrasan o noso agro e a nosa pesca, como o de Mercosur.
Mobilizacións de Pontevedra, Vilagarcía e A Estrada
Rexeitou que a UE aposte por camiñar cara á dereita e ao fascismo, en troques de avanzar cara a Europa dos pobos, das nacións e da xustiza social; e criticou a incoherencia do Goberno español por axitar a bandeira do “Non á guerra” sen parar o gasto militar ou facer apoloxía do militarismo e dos desfiles como o que se vai celebrar en Vigo o próximo 30 de maio.
Neste punto, Carril animou a participar da manifestación convocada para ese día pola Plataforma Galiza pola Paz, porque non “queremos nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares, queremos paz e soberanía”.
Urxe a posta en marcha dun plan de choque
Ante medre dos prezos a consecuencia da guerra de Irán, subliñou que non se pode repetir unha situación como a xerada ao inicio do conflito armando na Ucraína, cos custes dos bens e servizos básicos desbocados, e que o pobo e as clases traballadoras sexan quen paguen a guerra.
Porque esta carestía dáse ademais nunha realidade marcada pola extensión da precariedade laboral, do traballo a tempo parcial, dos contratos fixos descontinuos e da temporalidade, que segue existindo, “por causa das reformas laborais do actual Goberno español e do anterior do PP”. “As condicións laborais e salariais xa nos estaban empobrecendo e xerando máis discriminacións e desigualdades, pero a actual carestía da vida empúrranos ao risco da pobreza”, alertou.
Fronte a isto, pediu que cese o gasto militar e se destinen esas contías para protección social, ademais da intervención e control público en sectores estratéxicos como o da enerxía, a alimentación, a vivenda ou a mobilidade para levar adiante un auténtico plan de choque con medidas básicas para poder garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, subir o Salario Mínimo Interprofesional até os 1.374 euros mensuais e que se aprobe unha renda de inserción laboral e social.
Tamén garantir o dereito á vivenda coa prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das cláusulas de actualización das rendas do alugueiro e das hipotecas variábeis e que non se apliquen as subas de xuros; así como a posta a disposición dos sectores máis necesitados de todas as vivendas da SAREB.
Xunto a isto, reclamou poñer a enerxía ao servizo do pobo “porque a descarbonización da economía e o desenvolvemento das renovábeis non está sendo xusto social nin territorialmente. En Galiza, espolian os nosos recursos, acaban co noso medio ambiente e por enriba pagamos moi cara a factura eléctrica”.
Finalmente, o secretario xeral da CIG demandou prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen produce, e actuar de forma decida contra quen especula co mercado dos alimentos, de forma especial sobre os grandes operadores do comercio de alimentación. “As grandes compañías enerxéticas e da alimentación seguen batendo récords de ganancias mentes o acceso á cesta da compra e á vivenda son cada día misión imposíbel e de resultado incerto”, denunciou.
Paulo Carril rematou a súa intervención advertindo que “son tempos de compromiso, de mobilización e folga nos centros de traballo, na negociación colectiva, polos nosos dereitos e contra unha patronal que acumula cada vez máis ganancias a conta da nosa pobreza”.
Animou “a saír ás rúas para gañar as loitas que temos por diante, para irmos construíndo poder popular co que avanzar en dereitos ante a patronal e os gobernos, porque está en xogo poder vivir e traballar dignamente na nosa terra, todas as persoas galegas de nacemento ou de orixe migrante que veñen ao noso país facer a súa vida. Todas e todos xuntos na loita polos mesmos dereitos”.