Milleiros de persoas reclaman en Viveiro investimentos e políticas de industrialización que dean futuro á Mariña

A CIG esixe dos gobernos español e galego que amosen o compromiso real coa comarca consignando partidas nos orzamentos

Viveiro -

Viveiro encheuse este domingo cun clamor unánime para esixir medidas e políticas que dean futuro económico, industrial e social á comarca da Mariña, permitan a creación de emprego digno e contar cuns servizos públicos de calidade. Milleiros de persoas participaron na manifestación convocada por CIG, CCOO e UGT que partía ás 12:00 horas da cruz vermella e remataba  no templete dos Xardíns de Noriega Varela, onde se procedeu á lectura dun manifesto que comezaba lembrando a gran mobilización de hai un ano en Burela, exactamente coas mesmas demandas.

Un tempo, denunciou o responsábel da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, no que non só non se deron solucións políticas ás reivindicacións sociais, industriais e de investimentos, senón que "hoxe incluso nos atopamos cunha situación peor", pois á incerteza sobre a continuidade dos empregos e a actividade produtiva en Alcoa hai que sumar o anuncio de peche de Vestas.

Un elo máis na longa cadea de empresas que foron desaparecendo, ou tendo problemas e procesos de regulación de emprego: Industrias Pardiñas, Parquets Lorenzo, Aglomerados Ecar, Muebles Hermida, Costrucciones Mon, IPV da Pontenova, Gres Burela, Ecesa, Conservas Alonso, Costiña ou os sucesivos ERE de Sargadelos e a propia Vestas.

Considerou que a crise dos sectores tradicionais, da pesca, do agro, e o posterior derrube do sector inmobiliario e con el da construción, “foron toques de atención non atendidos, sinais da imperiosa necesidade de promover novas potencialidades que servisen como estimulo á implantación de novas empresas que diversificaran o tecido industrial e económico da comarca”.

Para evitar engordar a lista de peches, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén participou na manifestación, demandou valentía política e acción decidida para intervir a fábrica de San Cibrao e garantir o mantementos dos empregos e dun sector estratéxico para Galiza, como a produción de aluminio, mais cando Alcoa xa evidenciou en numerosas ocasións que non ten vontade de facilitar unha venda e permitir que as cubas sigan activas. De igual maneira, esixiu aos gobernos solucións inmediatas e que se adopten todas cantas medidas sexan necesarias para evitar que Vestas consume o peche da fábrica de Chavín.

Carril denunciou ademais que o conflito de Vestas evidencia a indefensión que supón manter plenamente vixente a reforma laboral, "permitíndose así que todo o poder de decisión sobre despedimentos colectivos estea en mans das empresas”, polo que reclamou a derrogación íntegra das reformas laborais de 2012 e de 2010.

Ausencia de proxectos industriais alternativos

Pola súa parte, Xorxe Caldeiro puxo o foco na incongruencia que supón que os únicos investimentos industriais que se contemplan para a Mariña sexan para a instalación de macro parques eólicos (falándose mesmo de colocar muíños no mar co conseguinte prexuízo para unha importante actividade económica da bisbarra como a pesca), mentres se permite que se destrúan os empregos e se deslocalice a produción dos compoñentes eólicos.

"O único que nos traen son macroparques eólicos que non deixan ningún beneficio nin permiten crear riqueza na nosa terra. Unha vez máis vemos como se afianza o noso papel colonial e de fornecedor de recursos e materia prima", advirte.

O responsábel da Unión Local da CIG tamén sinala ás dúbidas sobre o proxecto para a instalación dunha planta de viscosa na Mariña, do que estes días tanto se fala nos medios de comunicación, "mais do que non temos ningunha concreción, cuxa materialización depende de que se consigan cartos públicos dos fondos NextGeneration e que ademais viría a afondar na eucaliptización do país". Neste senso, apunta á "pertinencia" de que este anuncio se fixera ás portas da manifestación comarcal cun claro obxectivo de desmobilizar a cidadanía.

Falta histórica de investimentos na comarca

Cando á destrución de emprego, Caldeiro chama a atención sobre a falta de investimentos en infraestruturas e a mellora da rede de comunicacións da comarca, caso da Vía Costeira de Alta Velocidade pola que se leva agardando 20 anos, o total abandono do FEVE, ou a liberación do dique norte de San Cibrao, como exemplos do desleixo dos gobernos que agravan o deterioro da Mariña. Xunto a isto, subliña a perda de calidade e os recortes nos servizos da atención sanitaria, perdendo mesmo a comarca o estatus de área sanitaria para pasar a integrarse na EOXI de Lugo.

"Aos representantes do goberno español e da Xunta éncheselles a boca apoiando as nosas reivindicacións, pero cando chegan a Madrid ou a Santiago esquécense de nós", denuncia. "O que estamos pedindo é que se fagan realidade as nosas demandas. Queremos feitos, non palabras. Agora que se están tramitando os Orzamentos do Estado e os da Xunta, reclamamos que estes recollan partidas concretas para a Mariña, pois esa é a única maneira de demostrar o compromiso real coa nosa comarca".

Por iso, Xorxe Caldeiro xa advertiu que a manifestación deste domingo é unha mobilización máis en defensa da comarca e do seu futuro, "pero non será a última". E lanzou un chamamento a seguir no camiño da reivindicación e a intensificar a loita, sen descartar ningún tipo de medida de presión, "até conseguir que nos dean as solucións que necesitamos e se poñan en marcha todas as políticas que nos permitan poder traballar e vivir dignamente na nosa comarca".

Volver