Milleiros de traballadores/as do metal maniféstanse na Coruña na terceira xornada de folga

Esta semana o paro, que está a rexistrar un seguimento maioritario, prolongarase 48 horas
A Coruña - 18 Mai 2022

Varios milleiros de traballadores e traballadoras do sector de siderometal manifestáronse este mércores dende Perillo (no concello de Oleiros) até a sede da patronal na Praza Luís Seoane da Coruña con motivo da terceira xornada de folga en demanda dun convenio digno, que volveu rexistrar un seguimento superior ao 80% nas empresas de máis de 50 empregados/as. A mobilización tivo carácter provincial polo que nela tamén participaron traballadores e traballadores chegados das comarcas de Santiago e Ferrol.

O persoal en folga percorreu a pé os cinco quilómetros que separan Perillo da sede da patronal coruñesa nunha demostración de forza e disposición a manter a loita até conseguir un convenio digno e con dereitos. "Os traballadores e as traballadoras entenden perfectamente que só a través da loita e da mobilización poderemos frear os recortes que quere impor a patronal e mellorar as condicións laborais e de vida", salientan dende CIG-Industria, pondo o énfase na rotunda resposta que o persoal do sector está a dar en cada unha das xornadas de folga e na elevadísima participación tanto nos piquetes informativos como nas manifestacións realizadas até agora.

A folga continúa este xoves 19 de maio

A este respecto, Eduardo Caamaño, secretario da CIG-Industria da Coruña xa adiantaba que, ante a falta de contactos coa patronal, ao longo deste xoves día 19, coincidindo coa cuarta xornada de folga, ademais dos piquetes informativos polos polígonos na comarca faranse tramén asembleas de persoal para avaliar a marcha do conflito e o camiño a seguir nas próximas semanas.

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, avanzaba que na xornada deste xoves haberá concentración a partir das 12:00h na porta principal de Navantia, á que se sumará persoal da empresa pública naval, e posterior manifestación até a asociación de empresarios de Ferrolterra. Mentres, Benedicto Blanco, secretario da CIG-Industria de Compostela, sinalaba que na capital galega haberá piquetes informativos polo Polígono do Tambre dende ás 8:00h con manifestación a medida mañá polo parque empresarial.

Os tres responsábeis comarcais da CIG-Industria coinciden na valoración "moi positiva" do seguimento da folga e das mobilizacións nestes tres días de paro e reclámanlle á patronal a retirada da proposta presentada na última reunión e que sente negociar en serio dunha vez por todas, porque "non imos aceptar un convenio que supoña a perda do poder adquisitivo dos salarios, que recorte os dereitos consolidados e precarice máis as condicións laborais".

Revisión ligada ao IPC

Neste senso, avanzan que o sector non renunciará á revisión salarial ligada ao IPC real, máxime nun momento de alza dos prezos imparábel, nin asumirá fórmulas novidosas de revalorización como as que trasladou a patronal, que suporía que cada traballador e traballadora perdera máis de 8.000 euros a final da vixencia do convenio. "Pedir unha suba igual ao IPC neste momento de forte medre da carestía é unha demanda máis que asumíbel, tendo en conta  ademais que as empresas están repercutindo este incremento nos seus produtos e servizos".

Cando a revisión dos salarios, a parte social reclama un día máis de vacacións, a regulación dos pluses de penoso, tóxico e perigoso, e tamén das dietas e das viaxes.

Enfrontar a precarización laboral no sector

A táboa reivindicativa inclúe tamén puntos relevantes para enfrontar a precarización laboral do sector como é ampliar o dereito á subrogación para todo o persoal das contratas de mantemento e servizo industrial, sen distincións, tal e como xa existe en convenios como o seguridade privada e limpeza ou mesmo noutros convenios provinciais de siderometalurxia "porque non hai traballadores e traballadoras de primeira e de segunda".

Xunto a isto, limitar o uso "e o abuso" das Empresas de Traballo Temporal, eliminando a posibilidade recollida en convenio de que presten servizos en "períodos punta" e que, advirten, sirve de porta de entrada para unha fraude masiva neste tipo de contratación, "para así frear esta estafa masiva que condena a eterna precariedade a miles de compañeiros e compañeiras do sector".

A loita é o camiño para lograr melloras

Pola contra, a patronal non só se nega asumir estas melloras, senón que busca empeorar as condicións de traballo, flexibilizando aínda máis a xornada laboral, “pretendendo que lle cedamos 176 horas flexibles ao ano,  ou aumentar a duración dos contratos temporais”.

Pero, como se lembrou no comunicado lido ás portas da sede da CEC ao remate da manifestación,  para enfrontar as pretensións da patronal e lograr un convenio colectivo digno e con dereitos non queda outro camiño que loitar. "A mobilización, a reivindicación colectiva e a folga son o único camiño para negociar con forza e ir acadando melloras para todo o sector", lembrouse.

"A folga é o noso instrumento, a nosa ferramenta para modificar aquelas condicións de traballo coas que non estamos de acordo. Con convencemento, con determinación, e sendo sabedores de que para sacar  adiante este convenio e as nosas reivindicacións témonos que  facer  valer".