A CIG convoca mobilización por condicións dignas e un servizo de prevención e extinción 100% público e profesional

O 17 de novembro, ás 11:30 horas, no complexo administrativo da Xunta en San Caetano (na porta de control de acceso)
Nacional - 14 Nov 2025

O 17 de novembro, 938 traballadores e traballadoras de prevención e extinción de incendios da Xunta xa non formarán parte do servizo polo comezo da suspensión dos seus contratos. Aproveitando o simbolismo desta data, e en atención ao acordado nas asembleas de persoal do SPIF, a CIG ten convocada unha nova mobilización ese día, ás 11:30 horas, no complexo administrativo de San Caetano pola mellora das condicións laborais, dos salarios e da seguridade, e por un servizo 100% público, profesional e formado, que traballe todo o ano.

A CIG-Autonómica sinala que noutras comunidades os Gobernos xa melloraron as condicións de traballo do persoal de extinción de incendios, “pero a Consellaría de Medio Rural ignnora as necesidades do servizos e abandona o seu persoal, negándose a abrir unha mesa de negociación”. Critican que durante a vaga de lumes deste verán, a Xunta de Galiza, en vez de utilizar os recursos propios “intentou culpabilizar o Goberno estatal da súa incompetencia na xestión e agora está usando como arma política a ausencia de restauración dos montes tras os incendios”.

Neste senso, a central salienta a necesidade de conformar un servizo público esencial nas multiemerxencias do medio natural e rural, que ademais de traballar na extinción e prevención dos lumes forestais, sirva para axudar nas tarefas de restauración e contención do desastre ecolóxico e de saúde pública que se está producir nas comarcas devastadas polos lumes.

Pero a consellaría opera noutra dirección e, tras a vaga de lumes, os orzamentos aumentan para a externalización de funcións “sen que un só euro se destine a mellorar as condicións ou a seguridade do seu propio persoal”.