Mobilización diante do Parlamento para pedir que non se prohiba o galego nin dentro nin fóra das aulas
A CIG participou na protesta convocada pola Mesa para denunciar a liquidación dos acordos sobre a lingua galega
A CIG sumouse na mañá deste mércores á chamada da Mesa pola Normalización Lingüística diante do Parlamento de Galiza "contra liquidación dos acordos sobre a lingua galega” por parte do actual goberno da Xunta e para denunciar que o acordo asinado entre PP e PSdG non vai reverter a perda de falantes no noso idioma.
A Xunta, agora co PSdG como cómplice, continúa coa súa estratexia de que a lingua sexa, unha vez máis, obxecto de confrontación nos centros de ensino en lugar de potenciala, prestixiala e presentala como un activo atractivo para toda a comunidade educativa.
Para a CIG, este acordo non só limita a presenza do galego nas aulas senón que, ademais, deixa en mans das direccións de cada centro e dos claustros, a decisión de que materias se imparten en galego e cales non. Estas medidas non son só totalmente ineficaces para paliar a falta de competencia, uso e normalización do galego entre a poboación escolar senón que ademais contribuirán a un aumento da burocracia e provocarán friccións entre o profesorado.
É por iso que esta mañá, a CIG se sumou á concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística diante do Parlamento de Galiza para pedir aos grupos parlamentarios que se poñan de acordo e levanten o veto ao galego dentro e fóra das aulas porque a nosa lingua é válida para todos os ámbitos e espazos.
Pola súa parte, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, criticou o intento de eliminar os acordos anteriores en relación á lingua, nomeadamente o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. "Este Plan que queren impoñer agora non é unha revisión", advirtiu, "senón unha regresión nacida da chantaxe que quixo impor o PP e que ten como único punto de aplicación real manter a prohibición de galego no ensino, a través de porcentaxes máximas de uso, e descargando a responsabilidade de facelo nos claustros dos centros educativos”.
Neste sentido, A Mesa lamenta que o PSdG-PSOE cedese á chantaxe do PP e espera que rectifique e regrese á posición de compromiso co PXNLG que mantivo desde 2004.
"En plena emerxencia lingüística", engadiu Maceira, "o PP cinxiuse a aprobar normas contra o galego mentres, como reacción á mobilización da sociedade galega, anunciaba un pacto onde nunca se cuestionou eliminar os limites e as prohibicións de uso no ensino". "A última mostra é o anuncio da aprobación do seu Plan da lingua, documento sen valor xurídico e sen posibilidade de emenda no Parlamento, unha semana despois do rexistro da ILP Lingua Vital, a única proposta con accións efectivas que comprometen e obrigan á Xunta e aos poderes públicos".
No resto de ámbitos, "onde o acordo de 2004 falaba de facer”, segundo explicou Maceira, a revisión actual do PP emprega verbos como fomentar, impulsar, promover, sensibilizar, favorecer ou fórmulas como "cando proceda” ou “na medida en que o permita o ordenamento xurídico”, "como se a Xunta non tivese capacidade de actuación de mudar as normas que exclúen o galego ou como se non fose, directamente, a responsable da súa creación e aprobación”. “Aluden a fomentar o galego dentro dun marco normativo creado por eles mesmos no que o galego nin se nomea”, lamentou.
A este respecto a CIG anima a toda a sociedade a implicarse na recollida de sinaturas en apoio á ILP para que os grupos parlamentarios que pactaron en contra do galego, propoñan a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo e se implementen este mesmo curso as principais medidas necesarias para revivir a nosa lingua antes de que sexa demasiado tarde.