Mobilización en Cee contra a represión sindical en Ferroatlántica e a readmisión do compañeiro Ramos

A CIG considera o despedimento "absolutamente desproporcionado""

Cee -

A CIG realizou unha concentración diante da entrada da fábrica de Ferroatlántica en Cee  contra a represión sindical e para demandar a readmisión do compañeiro Ramos, despedido inxustamente por un comentario que fixo nunha rede social, fóra do ámbito da empresa. Para a central sindical esta medida é absolutamente desproporcionada e inxustificada e, en calquera caso, o escrito polo traballador enmárcase no seu dereito fundamental á liberdade de expresión. Dereito que a empresa, coa súa decisión de despedilo, está a vulnerar.

O despedimento deste compañeiro, que foi membro do comité e actualmente forma parte da sección sindical da CIG, supón un paso máis na campaña de represión que a empresa está a levar adiante contra a CIG pola loita contra a venda das centrais hidroeléctricas, a negativa a ratificar acordo marco estatal e a impugnación da votación fraudulenta pola cal que se aprobou o convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas. Convenio que, de saír adiante, suporá modificar as condicións de traballo e un recorte dos dereitos laborais e salariais adquiridos.

Para a representación da CIG non existen causas obxectivas que motiven o despedimento, senón que a empresa buscou unha escusa peregrina para cesalo, "pois nos 28 anos que leva prestando servizo nas centrais nunca antes fora obxecto de sanción".

A este respecto, lembran que o comentario que utiliza Ferroatlántica para xustificar a súa decisión, foi escrito polo traballador no seu perfil de facebook nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité e catro días antes da celebración do referendo  - que a CIG ten impugnado porque se permitiu votar a 20 persoas que non estaban incluídas nos censos, alterándose así o resultado-.

De feito, o propio traballador pediu desculpas posteriormente polo inapropiado do seu comentario e borrouno da rede social, "polo que a situación non debería ter maior transcendencia, sobre todo tendo en conta que o comentario se fai fóra do centro de traballo e nun ámbito pechado".

Por iso, para sección sindical "esta é unha medida máis de castigo contra a CIG e a través da que a dirección busca enviar unha mensaxe exemplarizante para o resto do persoal". O pasado 4 de decembro tivo lugar o acto de conciliación no SMAC da Coruña que rematou sen acordo, polo que o proceso para esixir a readmisión do traballador está agora na vía xudicial, onde se reclama a nulidade do despedimento.

Asemblea de delegados e delegadas no local de Cee

Previamente á concentración, celebrouse no local da CIG de Cee unha asemblea de delegados e delegadas na que participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e na que se debateu sobre a situación na que se atopa o sistema público de pensións, os cambios na xubilación parcial, a suba do SMI, o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 ou sobre as últimas medidas adoptadas polo Goberno español en materia laboral.

Carril advertiu que "estamos nun momento no que, ou empurramos a mobilización social ou dificilmente poderemos frear a pobreza e a precariedade laboral, os ataques ao sistema público de pensións, o desmantelamento do noso tecido produtivo ou mesmo o auxe da extrema dereita". Por iso, lanzou un chamamento "a rearmar unha resposta social sostida no tempo", tanto na rúa como a través da negociación colectiva, como única alternativa para reverter o empobrecemento da clase traballadora e os procesos de desindustrialización.

Neste senso, fixo un chamamento á participar na manifestación nacional que a CIG ten convocada para este sábado, 26 de xaneiro, en Compostela por unhas pensións públicas dignas e garantidas, "porque esta é unha loita que atinxe a toda a clase traballadora".
Durante a asemblea tamén se debateu arredor da folga de mulleres de 24 horas que a CIG convoca para o vindeiro día 8 de marzo e das mobilizacións previstas para o día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.

Solidariedade coas traballadoras de Confeccións Mans Galegas

Así mesmo, os delegados e as delegadas da CIG quixeron trasladar a solidariedade coas compañeiras da empresa de Confeccións Mans Galegas que vén de presentar un ERE, que nestes momentos está en fase de período de consultas, e que contempla o despedimento de 13 traballadoras.

Volver