Mobilización nacional o 15 de xuño en Compostela por “Emprego digno e industria con futuro”

Marchas de todas as comarcas sairán de varios puntos da cidade para confluír en San Caetano

Nacional -

Ante a inacción do PP, a CIG fai un chamamento a participar na mobilización nacional convocada para o vindeiro 15 de xuño en Compostela. Un acto de protesta no que se prevé rodear o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, en demanda dun verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

A acción do PP e de Feixó están a contribuír de forma intensa á destrución de emprego e dos nosos sectores produtivos, do comercio, da hostalaría e de industriais estratéxicas. Comarcas enteiras, especialmente no norte de Galiza, atópanse en plena reconversión e demolición, en pleno proceso de desertización industrial e social, se non somos quen de impedilo.

Esta situación é consecuencia das políticas suicidas do goberno Feixó, submisas aos intereses dos fondos de investimento e ás directrices de Madrid e Bruxelas, a risco de causar danos irreparábeis para o futuro do pobo galego: agrávase a crise social e demográfica, aumenta a emigración, a privatización de servizos públicos e a mercantilización dos coidados ás persoas.

En pleno proceso de descarbonización seguen sen existir políticas públicas para unha transición social e territorial xusta que fagan fronte á ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas, que seguen campando ás súas anchas, sen asumir os custes sociais, laborais e medio ambientais que están a causar mentres encabezan un novo boom especulativo ligado ás enerxías renovábeis.

Por iso a CIG chama á mobilización coa forza que nos dá a razón e a xustiza destas reivindicacións.

Volver