Mobilización nas Pontes para esixir unha transición xusta con garantías de emprego e futuro industrial

O comité de crise demanda ao Ministerio convocar de inmediato a mesa de transición

As Pontes -

Traballadores e traballadoras da central de Endesa e veciños e veciñas das Pontes concentráronse na tarde deste mércores diante a Casa do Concello para demandar a inmediata convocatoria da Mesa de Transición Xusta, esixir garantías de emprego e alternativas industriais que doten de futuro a comarca.

O pasado martes, 27 de abril, o comité solicitou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a convocatoria urxente da Mesa de Transición Xusta das Pontes "sen que, a día de hoxe, teñamos concreción da mesma". Por iso xa adiantaron que, se o MITECO non fixa data da reunión, a protesta repetirase o vindeiro venres, mais diante da Delegación do Goberno na Coruña.

Descoñecese o impacto laboral e económico dos proxectos anunciados

Na concentración lembrouse que, segundo o publicado no BOE nas últimas semanas, o proceso administrativo do impacto ambiental do peche da central térmica tramitarase por procedemento ordinario. Isto, explica Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria e representante da CIG no comité de crise, supón que a resolución á solicitude do peche das instalacións non se resolverá en xuño, senón que se demorará, como mínimo seis meses.

Un tempo que, asevera, "ten que servir para concretar propostas e alternativas para materializar unha transición que sexa realmente xusta para a localidade e que este proceso non quede en mera propaganda". Neste senso, denuncia que As Pontes segue sendo o único territorio afectado polo peche dunha central térmica que non ten asinado o convenio de transición xusta. Por iso, reitera que, neste novo escenario, cómpren garantías de emprego para industria auxiliar, a paralización dos traslados do persoal de Endesa e unha solución para o colectivo de transportistas.

A este respecto, engade que, malia a proliferación dos anuncios de proxectos tanto por parte Endesa como doutras compañías que, ao amparo dos fondos Next Generation, pretenden asentarse nas Pontes, "descoñecemos cal é o impacto laboral, económico e social que, máis alá do negocio empresarial subvencionado con fondos públicos, poden achegar para a nosa comarca. Non sabemos nin que viabilidade teñen estes proxectos, canto emprego xeran, cales son os tempos de execución ou que obrigas conlevan coa industria auxiliar e o colectivo de transportistas", apunta Amado.

Concreción dos compromisos

Ante este cúmulo de incertezas, dende o comité de crise reclamouse o cese da propaganda "a conta do futuro industrial e social das Pontes" e esixiuse do Ministerio para a Transición Ecolóxica e da Xunta de Galiza que concreten os seus compromisos: garantía de emprego da industria auxiliar, solución aos transportistas, sinatura do Convenio de Transición Xusta, creación de chan industrial, clarificación dos proxectos industriais e a definición dos proxectos tractores promovidos polo goberno galego que se asentarán na localidade.

"Á vista do que está pasando co peche doutras centrais térmicas no Estado, temémonos que podemos “morrer de éxito” en anuncios, pero con poucas realidades en mantemento e creación de emprego", advertiuse dende o comité de crise.

Volver