Mobilizacións e folga os días 10 e 16 de setembro “por un ensino presencial con seguridade”

CIG, CCOO, STEG e CSIF demandan a retirada do protocolo “temerario e irresponsable”

Nacional -

O curso escolar comeza con mobilizacións do profesorado e persoal non docente en Galiza, tras da negativa da consellaría de Educación a retirar un protocolo que CIG, CCOO, STEG e CSIF cualificaron como “temerario e irresponsábel”. As organizacións sindicais fixeron ademais un chamamento a todo o persoal “a asumir o protagonismo na loita contra un documento lastrado pola decisión de asumir a “doutrina do custo cero” de Feijóo en detrimento da seguridade dun ensino presencial “que se evidenciou no final de curso como máis necesario que nunca”.

Concentracións diarias en todos os centros

Tal e como anunciaron na rolda de prensa celebrada esta mañá en Compostela, as catro organizacións promoven que todo o profesorado se concentre a diario, entre 15 e 20 minutos, no horario que cada centro considere, desde o 1 de setembro e que amosen o rexeitamento ao protocolo e a exixencia de que a Consellaría dea marcha atrás na súa negativa a modificar os aspectos máis preocupantes do protocolo. Aspectos que recolle o MANIFESTO que veñen de facer público.

Tamén nesta semana e coincidindo coa segunda sesión de investidura  no Parlamento Galego, terá lugar, o xoves 3 ás 18:00 horas, unha concentración en contra do protocolo ás portas do Hórreo, na que teñen previsto facer entrega aos diferentes grupos parlamentares do Manifesto e das demandas do profesorado.

Resolucións de claustros e consellos escolares

A ruptura da presencialidade non só na docencia senón tamén nas propias relacións internas nos centros abre un panorama a partir deste 1 de setembro no que a inmensa maioría do profesorado de cada centro se verá en persoa despois dun confinamento e dunha etapa de relacións virtuais que fan preciso unha reflexión conxunta e debate sobre a situación.

Por iso os sindicatos convocantes promoven unhas RESOLUCIÓNS de crítica ao protocolo e de apoio ás mobilizacións e folga para seren debatidas e aprobadas nos órganos de goberno dos centros, tanto no claustro de inicio de curso e que este ano se torna máis fundamental que nunca, como no propio Consello Escolar, coa achega das voces de toda a comunidade educativa.

Folga os días 10 e 16 de setembro

Esta segunda fase de mobilizacións, se antes non se produce unha rectificación do protocolo na liña das demandas sindicais, terá como datas principais aquelas nos que comeza a actividade lectiva en Infantil, Primaria e Ed. Especial (día 10 de setembro) e o resto de ensinanzas (16 de setembro), co obxectivo de amosar o rotundo rexeitamento de todo o persoal dos centros educativos e como unha chamada a que a Xunta entre en razón e promova medidas que eviten o risco que implicaría a aplicación do protocolo.

Elementos centrais das demandas sindicais

Recollidas no Manifesto, os sindicatos fan fincapé en determinados criterios que consideran centrais e que a Xunta debe modificar e que, ante  a ausencia de cambios, nos levaron á convocatoria de folga:

  • Debe indicarse que a distancia física entre cada alumno ou alumna na súa aula sexa igual ou superior a 1,5 metros en todas as direccións. A partir desta separación física deben adaptarse as ratios de cada aula, figurando como ratio preferente 15 alumnos e, como máximo, 20 por aula.
  • Deben aumentar os cadros de persoal para poder dar resposta á ampliación de aulas e a correcta e segura atención ao noso alumnado. 
  • Os cadros de persoal deben garantir unha resposta áxil e adecuada a todas as tarefas educativas e de xestión que é necesario afrontar así como á eventual necesidade de simultanear ensino presencial e a distancia. As incidencias por ausencia puntual de profesorado poden facer inviábel a atención ao alumnado, polo que se debe regular por parte da Consellaría en que condicións se debe ou pode decretar o peche total ou parcial dun centro. 
  • As condicións do traballo a distancia deben ser obxecto de negociación e calquera modificación ou adaptación de horarios debe contar con respaldo dunha norma legal da propia Consellaría de Educación, negociada previamente na Mesa Sectorial.
  • Debe existir unha avaliación de riscos derivados da COVID-19 en cada centro educativo e adaptada ás características propias do centro, tanto polos niveis educativos que se imparten como polas instalacións, etc. Esta avaliación debe ser realizada polo servizo de prevención e non por profesorado.
  • A xestión das solicitudes de vulnerabilidade non pode diferir das aprobadas no protocolo de incorporación parcial do profesorado de Bacharelato e FP a finais do pasado curso escolar. Considerar a vulnerabilidade dun xeito diferente e o dereito do persoal dun centro a permanecer na súa casa, teletraballando se é posíbel, non pode estar condicionado por unha cita electoral e polos intereses do partido que sustenta ao goberno. As condicións de antes do 12 de xullo deben ser as mesmas agora. Todo o persoal que forme parte dun grupo de risco ou teña a obriga da custodia dun fillo ou filla menor ou dunha persoa maior dependente e así o solicite debe ter dereito a non se incorporar e a colaborar, sempre que sexa posíbel na teledocencia, apoio educativo ou naquelas tarefas que lle sexan encomendadas.
  • A administración non pode delegar a súa responsabilidade no profesorado en xeral e nas equipas directivas ou nas denominadas “equipas covid” en particular. Todas as actuacións deben estar previamente autorizadas e revisadas polas administracións educativas e sanitarias. Neste sentido, é necesario contar con persoal sanitario de referencia nos propios centros educativos. 
  • A atención á diversidade debe xogar un papel central nos esforzos que a administración preste para evitar que, novamente, o alumnado con necesidades especiais e de apoio específico sexa dobremente prexudicado, tanto na modalidade presencial como se é preciso na teledocencia.
  • Debe garantirse orzamentariamente a equidade no acceso á teledocencia parcial ou total mediante a posta a disposición de alumnado e profesorado que o precise de todos os medios necesarios. 
  • Debe existir un incremento orzamentario especial coronavirus en todos os centros, sen que a xestión da crise sanitaria vaia en detrimento das xa escasas capacidades dos centros. O subministro de material de protección e hixiene debe ser responsabilidade da Consellaría, con compra centralizada e con garantía do seu uso gratuíto para todo o alumnado e persoal do centro. O uso da máscara con carácter xeneralizado implica unha obriga para acceder ao centros mais o uso continuado nos centros e os gastos derivados deste deben ser sostidos pola Xunta.
  • Non podemos pasar dun curso marcado polo confinamento físico a outro lastrado polo confinamento pedagóxico. As normas de actuación fronte á COVID-19 deben ter en conta un modelo educativo aberto e participativo, fóra de rixideces e condicións que desnaturalizan e fan perder todo o sentido a décadas de innovación pedagóxica. 
  • A xestión de limpeza e desinfección de aulas e espazos comúns non pode recaer no alumnado nin no profesorado. Para poder afrontar con seriedade un dos elementos fundamentais de prevención fronte aos contaxios debe contarse con suficiente persoal e con todas as garantías laborais e sanitarias.
  • As limitacións derivadas da distancia física no transporte escolar ou nos comedores así como en actividades extraescolares ou programas de atención previa ao inicio da actividade lectiva, non poden implicar ningunha discriminación entre o alumnado. Atender a todas as necesidades derivadas da xestión contra a covid nestes servizos debe conlevar a contratación de máis persoal.
  • O uso xeral de máscaras por parte do alumnado e do profesorado, con independencia da decisión que finalmente se adopte sobre idades, etc.., debe contar expresamente coas necesarias excepcións, en función da decisión que o profesorado adopte para aquelas materias ou actuacións educativas que fagan imprescindíbel interactuar sen máscaras. Esa excepcionalidade tamén se debe regular, como se fai con carácter xeral, para persoas con insuficiencias respiratorias con previo informe mé
  • Deben tomarse medias preventivas en materia de saúde laboral para evitar os problemas foniátricos que poidan derivarse do uso intensivo das máscaras

Volver