Mobilizacións en Vigo e A Coruña contra os despedimentos e o peche de oficinas no Banco Santander

O novo ERE suporá a destrución de 370 postos de traballo e o peche de 79 oficinas en Galiza
A Coruña/Vigo - 12 Dec 2020

Traballadores e traballadoras do Banco Santander mobilizáronse este sábado na Coruña e Vigo en rexeitamento ao ERE que a entidade vai aplicar e que na Galiza suporá a destrución de 370 empregos ( 172 na Coruña, 101 en Pontevedra, 52 en Lugo e 45 en Ourense) e o peche de 79 oficinas máis. A sección sindical da CIG advirte que seguirá a mobilizarse unha vez que comecen a executarse os despedimentos e reitera que a única vía de negociación teñen que ser as prexubilacións, cun acordo que garanta unha saída digna do colectivo afectado e que poida chegar á xubilación con ingresos suficientes.

"Sabemos que hai traballo de abondo no banco, que non podemos seguir pechando oficinas, que aquí non sobra ninguén, se acaso falta unha adecuada xestión dos recursos do banco", subliñan dende a sección sindical. De feito, desde o inicio deste proceso de regulación de emprego, a CIG está a mobilizarse por todo o país denunciando ante a sociedade galega a brutal agresión que está sufrindo o persoal do Banco Santander e os prexuízos que vai ocasionar no acceso aos servizos financeiros ao conxunto da cidadanía a redución de oficinas e persoal.

Por este motivo, a sección sindical da CIG reuniuse o pasado xoves cunha representación do BNG para abordar as consecuencias que ten para Galiza, tanto a nivel laboral como social, este novo ERE "que afonda drasticamente na reestruturación do sistema financeiro que vimos padecendo nestes últimos anos". E nesta liña, a formación nacionalista xa  presentou iniciativas no Parlamento galego e tamén presentará propostas a nivel estatal para frear a destrución de emprego e  a perda de servizos financeiros.  

Externalizar emprego para seguir despedindo

Nas protestas deste venres, denunciouse que para branquear o escandaloso número de despedimentos, na negociación do ERE o Santander fala de externalizar traballos bancarios a empresas do grupo creadas expresamente para esa finalidade, establecendo centros de traballo por todo o Estado (en Galiza serán na Coruña e Santiago), para recolocar a 900 persoas.

Na realidade esta externalización supón unha precarización das condicións laborais xa que os convenios que se aplican nestas empresas son inferiores ao de banca; ao que hai que engadir a ampliación da mobilidade xeográfica que afectará a todo o persoal.

Pero ademais, polas experiencias previas, esa externalización remata no curto prazo en novos despedimentos a través de ERE e a recentralización en Madrid de todas as tarefas, tal e como aconteceu co persoal dos Servizos Centrais do antigo Banco Pastor, que tras ser externalizado en 2017 á empresa Santander Operacións foi despedido tan só un ano despois.

A sección sindical incide no feito de que ningún destes procesos é voluntario, pois o banco decide quen marcha e quen queda e por iso reiteran que "a CIG non imos ser cómplices co noso silencio desta nova agresión ao cadro de persoal e seguiremos na rúa denunciando a realidade laboral no Banco Santander".